DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A fundadora do grupo astronómica Kayhana ofrecerá unha conferencia o día 22 en Redeiras 

Amena Karimyan, astrónoma e activista afgá: “Astronomía e tecnoloxía son necesidades de toda a humanidade e non quero que Afganistán quede atrás” 

En 2021 fuxiu do réxime talibán e actualmente vive como refuxiada en Alemaña

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Académica
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 20/03/2023

En agosto de 2021, un día despois da caída de Afganistán en mans do réxime talibán, a astrónoma e enxeñeira Amena Karimyan recibiu, na súa casa en Herat, un correo electrónico e unha chamada da catedrática da Universidade de Vigo Ana Ulla Miguel, preocupada pola situación de Amena, á que coñecera a través da coordinadora nacional de divulgación da astronomía da Unión Astronómica Internacional. “Desafortunadamente xa estivera baixo ameazas antes dos talibáns e despois de que tomasen o poder, Afganistán xa non era o meu lugar. Marchei por non danar ao meu pai, que morreu o ano pasado dun derrame cerebral, baixo unha gran presión”, explica Amena Karimyan, que actualmente vive en Alemaña, logo de que o seu goberno a aceptase como refuxiada política.

Graduada pola Universidade de Herat en enxeñaría civil, antes de ter que marchar de Afganistán con 24 anos, Amena Karimyan traballara no seu municipio no UN-Habitat, un programa da ONU para a promoción de asentamentos humanos social e ambientalmente sostibles, co obxectivo de proporcionar vivendas axeitadas á cidadanía. “Tamén fun defensora voluntaria dos dereitos civís, das mulleres e dos nenos e fundei en 2018, xunto a Sohail Karimi, o grupo astronómico Kayhana, co obxectivo de ensinar astronomía a mulleres e nenas”, detalla Amena, que o vindeiro mércores 22 de marzo ofrecerá un relatorio no edificio Redeiras da Universidade de Vigo. Astronomía para manter o alento da ciencia (Astronomy to Keep the Breath of Science) é o titulo da conferencia que a astrónoma afgá, ofrecerá en farsi, con interpretación ao español, e na que Amena Karimyan achegará ás persoas asistentes o seu testemuño en primeira persoa sobre Afganistán, un país sen astronomía académica e o que o grupo astronómico Kayhana está a achegar para difundir esta ciencia entre mulleres e nenas do país. A astrónoma afgá chegará a Vigo, procedente e Madrid, e logo continuará a súa xeira de relatorios en A Coruña, Pamplona e Donostia.

A astronomía, “o meu pan e a miña auga”

Enxeñeira civil de formación, Amena Karimyan recoñece abertamente o seu “amor e afecto” pola astronomía. “Vivín e respirei a astronomía, é a miña preocupación, o meu pan e a miña auga, o meu soño e a miña vixilia. Teño unha estraña sensación de pertencer á astronomía”, asegura, quen é unha das pioneiras desta ciencia en Afganistán, país que carece de ensino a ningún nivel desta disciplina académica, totalmente descoñecida entre a poboación.

Kayhana, “luz e esperanza no mundo escuro das nenas e mulleres afgás”

Foi precisamente o desexo de difundir a astronomía entre a poboación máis vulnerable e que máis difícil tiña o acceso á educación, as nenas e as mulleres, o que impulsou a Amena Karimyan a crear, xunto a Sohail Karimi, e outras dúas persoas que pronto abandonaron, a asociación Kayhana. “Busquei durante anos persoas entusiastas da astronomía, pero non puiden atopalos. A astronomía e a tecnoloxía son necesidades de toda a humanidade e non quero que o meu país quede atrasado. Por iso estou disposta a loitar a morte para continuar” asegura categórica a astrónoma.

Amena Karimyan  destaca algúns dos logros acadados pola asociación, como gañar, en 2021, o proxecto #telescope4all da International Astronomical Union, aínda que lamenta amargamente a falta de apoio para unha iniciativa que “se converteu en luz e esperanza no mundo escuro de mozas e nenas afgás, un centro científico que continuou as súas actividades incluso nos momentos máis complicados”, relata. Coa súa actividade, Kayhana fixo posible que Afganistán se familiarizase coa astronomía, “moitos ollos están postos en nós. Iso é unha boa sensación, pero unha gran responsabilidade e carga”, asegura. A astrónoma e fundadora de Kayhana lanza unha mensaxe de alento ás mulleres e nenas do seu país ás que pide que “non desesperen, non quero que desperdicien as súas vidas e medren sen destino coa tortura e a morte, sabendo que merecen as mellores condicións para adquirir coñecementos”. Á comunidade internacional, Amena Karimyan solicítalle apoio para Kayhana e para as nenas e mulleres afgás, “que non as deixen soas nese mundo de opresión, ignorancia e falsedade”. 

Ana Ulla, “unha científica incriblemente amable” 

Amena Karimyan agradece e recoñece o interese que Ana Ulla manifestou por ela cando se produciu a caída de Afganistán a mans dos talibán no ano 2021. “Eses días moitas persoas querían axudar, recibía máis de 20 correos ao día de xente de diferentes países que quería acollerme. Desas só me quedan a miña amiga xornalista Evelyn Schalk e Ana. Nunca esquecerei os seus esforzos”, asegura. Amena, que se refire a Ana Ulla como “unha científica incriblemente amable”, lembra que lle gustoue especialmente a primeira vez que lle fixo unha videochamada. “Falou unhas palabras en persa, gustoume. Ana é unha desas persoas que son moi raras no mundo”, afirma.