DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No vestíbulo central do Edificio de Ciencias Experimentais

Amnistía Internacional de Vigo recolle sinaturas no campus polos dereitos humanos

Denunciaron diferentes casos de abusos cometidos contra mozas e mozos de Filipinas, Grecia e Irán

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Medio Ambiente
  • Visitas
DUVI 28/11/2019

Dentro dos actos organizados para celebrar o vindeiro 10 de decembro o aniversario da Declaración Universal dos Dereitos Humanos, Amnistía Internacional de Vigo realizou este xoves unha recollida de sinaturas na entrada principal do Edificio de Ciencias Experimentais a favor da humanidade e contra o cambio climático. Nesta ocasión fixérono denunciando os abusos contra os dereitos humanos a través da exposición de tres casos protagonizados por tres defensoras e defensores de tres países distintos: Filipinas, Grecia e Irán.

En canto a Filipinas as persoas que se achegaron á mesa de Amnistía coñeceron o caso de Marinel Sumook Ubaldo, unha moza filipina de 16 anos que en 2013 sobreviviu ao mortífero  tifón Yolanda para converterse nunha destacada activista xuvenil, entregada a lograr que os gobernos de todo o mundo fagan fronte ao cambio climático e aborden os seus efectos sobre a súa comunidade e outras na súa mesma situación. Respecto a Grecia púxose de relevo o exemplo de Sarah Mardini e Seán Binder, voluntarios de salvamento marítimo en  Lesbos que axudaban a persoas en perigo no mar e que terminaron no cárcere acusados de espionaxe, tráfico de persoas e pertenza a organización criminal.  En Irán elixiron o caso da actriz Aryani Yasaman Aryani, quen se atreveu a desafiar as leis sobre o uso obrigatorio do veo en Irán porque cre que as mulleres deben ter liberdade para decidiren que pezas visten e que, finalmente, foi detida e condenada á escandalosa pena de 16 anos de prisión.