DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A voceira nacional do BNG mantivo este venres un encontro co reitor, Manuel Reigosa

Ana Pontón urxe na UVigo máis financiamento para as universidades públicas galegas

Acusou ao goberno de avalar a creación de titulacións na universidade privada xa existentes no SUG

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Reitor
  • Visitas
  • Institucional
D. Besadío DUVI 14/03/2025

A voceira nacional do Bloque Nacionalista Galego, Ana Pontón, urxiu este venres na Universidade de Vigo un maior financiamento para as universidades públicas galegas, tras un encontro co reitor, Manuel Reigosa, no que estivo acompañada polo portavoz do BNG de Vigo, Xabier Pérez Igrexas, e a deputada, Alexandra Fernández.

Foi un encontro no que tiveron a oportunidade de partillar unha serie de inquedanzas, moitas delas compartidas, sobre o futuro das universidades públicas galegas, das que ambos amosaron sentirse “moi orgullosos”. Como salientou Reigosa tras a reunión, esta xuntanza serviu para "falar do futuro do conxunto do SUG e da Universidade de Vigo en particular, e atopamos numerosos puntos en común, polo que foi unha xuntanza moi satisfactoria”.

A voceira nacionalista referiuse á universidade galega como un elemento central no desenvolvemento social, económico e cultural de Galicia, “por iso, nos gusta manter periodicamente toda unha serie de contactos que nos permitan falar sobre os retos e sobre como desde o BNG podemos contribuír a consolidar o que para nós é unha peza fundamental: as universidades públicas”. 

1,5% do PIB para universidades, arredor de 1200 millóns de euros

Pontón defendeu a necesidade de “investir máis recursos” e, neste senso, aclarou que hai que avanzar ata chegar a conseguir que Galicia destine o 1,5% do seu PIB ao financiamento das universidades. “Temos que ser máis ambiciosos do que se recolle na lexislación vixente e non hai que conformarse con chegar ao 1% do PIB, senón que hai que traballar para que no horizonte dos próximos anos, o que investimos nas universidades públicas do noso país acade ese 1,5%”. Serían, segundo explicou, arredor de 1200 millóns de euros dedicados a formación e investigación universitaria, dous aspectos “clave” para o desenvolvemento do país. “Hai que traballar nese horizonte e así o imos defender no Parlamento galego”, recalcou a voceira nacionalista.

A este respecto tamén considerou que na negociación que ten que abrirse de cara a un novo Plan de Financiamento das universidades galegas, “un dos elementos básicos é a necesidade de achegar máis recursos para que sexa unha universidade que, realmente, poida dar o mellor servizo á cidadanía do noso país e o mellor servizo ao desenvolvemento económico e social e cultural de Galicia”.

Inquedanza pola duplicación de titulacións na universidade privada

Entre as cuestións que máis preocupan no BNG, no que a universidades se refire, situou tamén o apoio do goberno galego á creación na universidade privada de titulacións que xa se están a impartir no SUG, como é o caso de Dereito e Psicoloxía.

Tras lembrar a posición contraria do BNG á creación en Galicia dunha universidade privada, salientou que “neste momento o que non nos parece razoable é que se estea bordeando a legalidade vixente á hora de aprobar novas titulacións nesa institución”. Neste senso, acusou ao presidente galego Alfonso Rueda de avalar a creación nese centro de titulacións “que xa existen no noso sistema educativo” cando a lei di que non se deben duplicar títulos nas universidades privadas. “Nós, desde logo, non cremos que esa deba ser unha liña de futuro, senón todo o contrario”.

Chamada ás mobilizacións contra Altri

No que cualificou como un “día triste” para Galicia, en referencia á aprobación da declaración ambiental favorable para implantar Altri en Palas de Rei (Lugo), Ana Pontón chamou á cidadanía a mobilizarse fronte á instalación desta multinacional, comparándoa co Prestige e anunciado unha batalla "política, social e tamén legal" para paralizar o proxecto. Para Pontón, trátase dunha "bomba ambiental no corazón de Galicia", tachando de "tremenda irresponsabilidade" a decisión do Executivo autonómico que, para a nacionalista, "viste de carácter técnico unha decisión política", xa que "desde o primeiro momento" o PP "avalou o proxecto". Ao seu entender, "o máis grave é que se puxeron en marcha toda unha serie de actuacións destinadas a chegar a este punto e, desde logo, nós o que temos claro é que este proxecto non vai beneficiar a Galicia. Ao contrario, hipoteca o noso futuro", criticou.

Por esta razón, chamou á cidadanía a mobilizarse nos distintos actos convocados para dicir "alto e claro" que non se pode avalar a "imposición" dunha "macrocelulosa contaminante".