DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Cancer Letters publica o artigo asinado por investigadores do Cinbio e da Universitätsmedizin Berlin

A análise filoxenética das células individuais permite coñecer como, onde e cando se produce a metástase do cancro colorrectal

A recaída do paciente orixinouse a partir dunha única liñaxe metastásica que evolucionou no fígado

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Publicacións
  • Saúde
  • Investigación
DUVI 01/08/2022

Segundo a Sociedade Española de Oncoloxía Médica (SEOM), o cancro colorrectal será o tumor máis frecuentemente diagnosticado en España en 2022 con 43.370 novos casos. Este tipo de cancro ten unha elevada letalidade, xa que en 2020 foi a segunda causa de morte por tumores (15.125 falecementos), tan só por detrás do cancro de pulmón (21.918). Ademais, a maioría dos pacientes con cancro colorrectal metastásico recaen, a pesar da resección das lesións. Estas cifras demostran a necesidade de seguir avanzando na estratexia terapéutica e ampliar os coñecementos existentes sobre esta enfermidade para poder así incrementar a esperanza de vida dos pacientes. Unha das vías de estudo é a comprensión da historia evolutiva das lesións recorrentes para identificar os patróns espaciais e temporais da progresión metastásica e expoñer os determinantes xenéticos e evolutivos da resistencia terapéutica. 

Precisamente neste eido céntrase un novo artigo que o grupo de Filoxenómica do Centro de Investigacións Biomédicas (Cinbio) acaba de publicar na revista Cancer Letters no que demostran que a historia personalizada das metástases do cancro colorrectal que sobreviven ao tratamento pode desvelarse a través da secuenciación xenómica de células individuais. O estudo está asinado polos investigadores do Cinbio e do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur David Posada, Joao M. Alves, Sonia Prado-López, Laura Tomás, Monica Valecha, Nuria Estévez-Gómez e Pilar Alvariño, xunto con Dominik Geissel, Dominik Paul Modest, Igor M. Sauer, Johann Pratschke, Nathanael Raschzok, Christine Sers e Soulafa Mamlouk, da Universitätsmedizin Berlin.

Un estudo de precisión que reconstrúe a historia do tumor dun paciente

O catedrático David Posada explica que o obxectivo deste estudo era reconstruír a historia do tumor dun paciente en concreto diagnosticado de cancro de colon con metástase no fígado. “A través da reconstrución de casos concretos coma este, apunta o catedrático, “podemos coñecer un pouco máis sobre como funciona un cancro”,  identificar de onde veñen exactamente as metástases, que mutacións xenéticas levan estas liñaxes mestastásicas e explicar a súa resistencia ao tratamento, etc. “Toda a información acumulada pode axudarnos no futuro a atallar ourtos casos a tempo”. Así, estudos coma este, recalca Posada, “son un paso máis nunha análise personalizada con xenomas de células individuais que nos permite sumar coñecemento e avanzar cara unha oncoloxía de precisión”. 

O caso concreto deste estudo é o dun paciente diagnosticado de cancro colorrectal con metástase no fígado. Para reconstruír a evolución da enfermidade, o equipo de investigadores contaba con varios datos de partida: en novembro de 2008 foi sometido a unha operación cirúrxica para eliminar o tumor primario e, un mes despois, realizouse outra operación para eliminar unha lesión metastásica no fígado. Durante os dous anos seguintes non apareceron mostras de recaída, pero pasado este tempo o cancro reapareceu e finalmente foi fatal para o paciente. 

Este foi o punto de partida para o estudo realizado polos investigadores do Cinbio e da Universitätsmedizin Berlin, cuxo obxectivo era determinar o motivo polo que reapareceu a metástase despois de ter sido, en principio, reseccionada nas operacións e tratada con quimioterapia. “Quixemos saber a orixe da metástase, que podería deberse a que quedase unha pequena parte do tumor primario no colon que seguise emitindo metástase, ou ben, podería ser consecuencia de que, cando se realizou a operación, non se eliminou a totalidade da metástase do fígado e reaparece in situ”. 

A recaída, froito dunha única liñaxe metastásica

Para coñecer a orixe realizaron un estudo de 60 xenomas de célula única, en concreto con 60 células, e puideron determinar que a recaída orixinouse pola expansión dunha única liñaxe metastásica que evolucionou lentamente no fígado. É dicir, que non se trataba dunha metástese nova, senón que era unha mesma liñaxe que persistiu da metástase orixinal. Isto produciuse porque a resección do fígado non foi completa, “a poboación tumoral descendeu moitísimo en tamaño pero non se erradicou de todo”, explica Posada, e un clon minoritario sobreviviu e “cremos que migrou outra zona permanecendo latente” e controlado pola medicación durante dous, ata que “explotou, diversificándose e expandíndose e xerando de novo unha metástase que finalmente foi fatal”.

A análise desta liñaxe metastásica permitiu aos investigadores tratar de identificar “algunhas mutacións xenéticas que foron interesantes” para saber por que o tumor resistiu ao tratamento. Non obstante, “non atopamos ningunha mutación de resistencia á medicación, cremos que sinxelamente foi polo azar, esta subpoboación celular pasou desapercibida quizais porque se moveu”. Así, o estudo suxire que os subclons de cancro colorrectal metastásico poden migrar localmente e eludir a resección, seguir evolucionando a pesar das rondas de quimioterapia e volver a expandirse de forma explosiva. 

Segundo engade o catedrático David Posada, “cantos mais casos individuais coma este poidamos coñecer, mellor, porque aínda que existen características comúns, cada cancro ten particularidades únicas de cada persoa, do seu contexto, do azar, do microambiente, da presión do sistema inmune, etc. Ogallá todos os cancros actuasen do mesmo xeito e fose máis sinxelo facerlles fronte, pero non é así”. É por iso que o investigador do Cinbio destaca a importancia deste tipo de investigacións que “nos permiten aprender, dar un paso máis nunha análise de precisión con células individuais para entender como se desenvolven as recorrencias en cada paciente”.