DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ciencias da Educación e do Deporte acolle un curso de verán sobre esta temática

A análise do movemento como primeiro piar da prescrición de exercicio físico

A actividade aborda as súas aplicacións nos ámbitos da saúde e do rendemento

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Congresos e xornadas
  • Deportes
  • Saúde
  • Académica
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 04/06/2019

“Todas as actividades motrices, realizadas dunha maneira e nunha magnitude concreta, poden ser beneficiosas, pero se as realizamos doutro xeito ou nos pasamos poden ser prexudiciais”, salienta o adestrador, preparador físico e profesor da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Luis Casáis, un dos docentes do curso A análise do movemento para a prescrición de exercicio físico para a saúde e o rendemento, que busca pór en valor a importancia da análise do movemento como “un elemento central e transversal” na prescrición de exercicio físico. Dirixido polo catedrático Carlos Lago e inserido na programación de cursos de verán da Vicerreitoría do campus, preto de 50 alumnos e alumnas participan nunha actividade que busca “dar ferramentas para que os estudantes aprendan a analizar mellor calquera movemento, calquera xesto, sexa como senta unha persoa na súa empresa ou o tipo de execución que fai un futbolista”, explicou Lago.

De 30 horas de duración, o curso contou este martes na súa apertura coa participación do vicerreitor do campus, Jorge Soto, quen subliñou a importancia dunha actividade que “vén a cubrir moitos espazos que ata momento non foran estudados nun curso de extensión” e que corre a cargo dun “elenco de profesionais de probada reputación no mundo do deporte, a actividade física e o benestar”. Docentes que, engadiu Lago, contribuirán a que o curso que se desenvolve ata este xoves conte tanto cunha “xustificación teórica” sobre a análise do movemento e os seus protocolos de aplicación como cunha “orientación moi práctica” que achega “propostas de como prescribir exercicio a partires desa análise”. Trátase así mesmo, sinalou Lago, quen agradeceu o apoio da Vicerreitoría, dunha actividade que reúne a estudantes, egresados e profesionais e que dá continuidade a unha serie de cursos de verán dirixidos por este docente “que segundo as memorias da Universidade foron os cursos de extensión que contaron con máis estudantes”. 

Unha “competencia fundamental” dos titulados e tituladas

Presentar as novas tendencias de análise do movemento, coñecer as posibilidades laborais neste eido e abordar de que xeito se pode intervir na práctica da prevención e recuperación de lesións cunha boa análise do movemento son os tres obxectivos dun curso centrado na que “posiblemente é a competencia fundamental dun profesional de Ciencias da Actividade Física e do Deporte”, sinalou Lago. “Se non somos quen de entender como se compromete a motricidade en cada xesto, sexa deportivo ou non, non imos entender cales son as necesidades para intervir”, engadiu o director deste curso, quen incidiu en que unha boa formación neste eido “capacítate para ser capaz de aplicar os teus coñecementos en varios eidos profesionais”.

Aplicable tanto á prevención e recuperación como ao rendemento

A xuízo de Casáis, responsable da primeira sesión do curso, a análise do movemento “é unha competencia que debería ser básica, pero que moitas veces se nos esquece”. De feito, este docente e adestrador apuntou á “proliferación de modas e de variedade de produtos” vinculados coa actividade física en eidos como o fitness que inclúen exercicios que “raramente están xustificados” e que “á longa van provocar e que os usuarios ou usuarias acaben abandonando a actividades porque os lesionamos”. Neste senso, o experto abriu a súa intervención afondando nas “bases estruturais” da análise no movemento e da súa aplicación, que abrangue tanto “unha parte externa” que a través do uso do vídeo “e de certas estratexias de análise biomecánica” xunto cunha parte interna que analiza “como están comportándose os tecidos, os músculos ou as articulacións” ante determinados movementos, a través de técnicas como a electromiografía. 

Deste xeito, a análise do movemento permite tanto deseñar un correcto programa de actividade para evitar lesións como para realizar “unha abordaxe indirecta preventiva”, a través de exercicios “que se centran en atenuar e compensar un xesto tremendamente repetitivo”, tanto no eido deportivo como no laboral, ao igual que tamén é aplicable no traballo de prevención de lesións e de mellora do rendemento.

Da empresa aos ximnasios

Na tarde deste luns, o curso continúa cunha sesión centrada na variación artromuscular da postura e o movemento para a prescrición de exercicio, da man de Ignacio González Zas, para o mércores abordar a aplicación da análise do movemento no eido laboral, cun relatorio de Sandra Fernández, da empresa Motricidad laboral, e nas salas de fitness, da man de Miguel Alonso, de QProgym. O xoves, a actividade completarase coa sesión que o fisioterapeuta Juan Martínez centrará no eido do benestar, coa presentación de software ou aplicacións que axudan na realización desta análise de Felipe Murga, director de Footplus, e coa sesión de clausura que ofrecerá Lago.