DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A terceira ruta cultural deste curso será polo Courel

Unha andaina de montaña para coñecer o “corazón de Galicia”

A cita será o sábado 30 de novembro

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Deportes
  • Deportes
DUVI Ourense 28/11/2019

Sete anos despois, a programación de rutas culturais da Área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade de Vigo volve ao Courel para facer o percorrido do PR-G 219 Ruta do Río Pequeno. A cita será o sábado 30 de novembro e nela participarán membros da comunidade universitaria dos tres campus e persoas alleas a ela.

Baixo o título Paisaxes do outono no corazón de Galicia. O Courel (Lugo), a andaina terá unha dificultade media e arredor de 14 quilómetros de percorrido que partirá de Mercurín, chegará a Paderne e rematará en Seoane. Segundo explican desde a organización, ao longo do traxecto as e os participantes descubrirán "os soutos, fragas e panorámicas máis fermosas dunha das terras máis antigas da península ibérica, os tesos cumes da serra do Courel” e realizarán un percorrido polo “corazón de Galicia”.

A andaina será a primeira de montaña da programación deste curso académico, salientando José García-Calvo, Willy, coordinador destes roteiros desde o campus de Ourense, como “ata o de agora as rutas que fixemos foron para despexar os músculos pero agora xa estamos en serio”. Aínda que o percorrido non é longo, comenta García-Calvo, ten unha dificultade media por ter desniveis, sendo os primeiros catro quilómetros de subida e os dez seguintes de baixada, cun acumulado de 700 metros. A pesar desta dificultade e do feito de que para a realización da andaina as persoas que chegan de Pontevedra e Vigo teñen un traxecto longo de autobús, o responsable das andainas apunta que “vale a pena o esforzo xa que a paraxe é esplendorosa”. O roteiro, engade, ten ademais o aliciente de “rememorar tempo pasados”, xa que este percorrido foi realizado no marco da programación de andainas universitarias hai sete anos.

Inscrición

A inscrición en cada ruta está aberta de xeito exclusivo para a comunidade universitaria ata o luns anterior a cada andaina. No caso de quedar prazas libres, o martes, mércores e xoves anteriores a cada roteiro abrirase a inscrición a calquera persoa interesada. Os prezos oscilan segundo o tipo de colectivo de pertenza, habendo a posibilidade de adquirir bonos. Cada ruta realizada recoñecerase con 7,5 h ECTS por día de duración e haberá autobuses para trasladar ás persoas participantes ao inicio de cada itinerario dende os campus de Ourense, Pontevedra e Vigo. Tendo en conta a previsión meteorolóxica e o recoñecemento do terreo realizado, desde a organización salientan a importancia de que cada participante leve o equipo preciso para facer unha ruta de montaña cun tempo tipicamente outonal.