DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O CEO da biotecnolóxica participou xunto ao reitor no primeiro dos 'Coloquios en tempos de pandemia'

Andrés Fernández, director xeral de Zendal: "Son moi optimista en que lle imos gañar a batalla á covid-19"

O grupo biofarmacéutico galego producirá para toda a UE a vacina de Novavax contra o virus

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Saúde
  • Universidade e empresa
  • Académica
Mª del Carmen Echevarría DUVI 01/10/2020

Feliz, “porque me encanta o meu traballo”, pero consciente da responsabilidade do reto ao que se enfronta a empresa que dirixe, asegura sentirse Andrés Fernández, o director xeral do grupo biofarmacéutico galego Zendal despois que a compañía estadounidense Novavax elixise á firma radicada en O Porriño para producir para toda a UE a vacina contra a covid-19 na que están a traballar na actualidade. Fernández, xunto ao reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, inaugurou esta tarde no salón de actos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresarias o ciclo Coloquios en tempos de pandemia, afondando en como enfronta a empresa que dirixe o desafío dunha produción masiva dunha vacina contra a covid-19, pero tamén achegando a súa visión sobre os cambios que a pandemia está a ocasionar na sociedade. Pola súa banda, o reitor da UVigo insistiu na súa intervención na necesidade de aproveitar o que definiu como “unha gran pedra no camiño”, en referencia á pandemia, “para colocarnos entre os mellores”, ao tempo que reiterou o esforzo realizado pola institución que dirixe para continuar, tamén agora, a dar resposta nos ámbitos da docencia, a investigación e os servizos.

Tras explicar a que considera a que é razón pola que Novavax escolleu á Zendal para a produción da súa vacina contra a covid-19, “somos os únicos capaces de producir antíxeno en España, aínda que non en Europa”, Andrés Fernández recoñeceu que a compañía estadounidense non semella a día de hoxe ser a que teña máis posibilidades de converterse na primeira en dar cunha substancia capaz de previr ou tratar o virus. “Ogallá o sexa, pero de momento non parece que estea en primeira liña e xa hai tres vacinas (unha chinesa, unha estadounidense e outra británica) que xa empezaron a fase tres. Eles van máis rápido”, recoñeceu o director xeral de Zendal, que gabou a estabilidade da vacina na que traballa Novavax, tendo en conta que “as vacinas leva moito tempo facelas e se se renuncia á estabilidade é por chegar canto antes”. Fernández, que na súa intervención asegurou contar co apoio do Concello de O Porriño, a Xunta, os ministerios de Ciencia, Industria e Sanidad e moi especialmente co da Agencia del Medicamento “que foi crucial”, tamén considera que o contrato con Novavax “dános notoriedade no espazo biotecnolóxico mundial e a posibilidade de realizar contactos que antes non podíamos pensar”. Ademais de amosar o seu convencemento en que na carreira por conseguir a vacina “todos os xogadores están xogando limpo e se houbo erros non foi de mala fe”, o director xeral de Zendal asegurou “ser optimista en que lle imos gañar a batalla ao virus”.

Facer da pandemia unha oportunidade para mellorar

No coloquio, moderado pola consultora Zaida Rodríguez, o reitor incidiu na necesidade de aproveitar os fondos comprometidos desde Europa e as capacidades desenvolvidas durante a pandemia “para colocarnos entre os mellores e poder facer de Galicia e de España un lugar mellor”. Reigosa reiterou a urxencia en renovar os cadros de persoal docente e investigador das universidades españolas, así como de que se fortaleza o sistema público/privado de innovación e desenvolvemento e se incrementen os fondos destinados á I+D.

Na súa intervención no coloquio, que se celebrou no salón de actos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais e que tamén foi retransmitido en directo por UVigoTV, Reigosa agradeceu o traballo desenvolvido pola Fundación Mentor, que Andrés Fernández preside, e destacou a o traballo que se está realizar para poñer en marcha o grao dual en Enxeñaría da Automoción, coa participación de PSA ou CTAG, e no que o alumnado realizará un ano enteiro de prácticas nunha empresa tractora, como un exemplo da colaboración público/privado que se está a realizar na Universidade de Vigo. “Europa tamén pide máis fluxo entre o público e o privado e cómpre fortalecer o sistema público/privado de I+D e eu aspiro a que a universidade estea nesa ecuación”, dixo o reitor. Tanto Reigosa, como Fernández lamentaron que as institucións públicas, pero tamén as empresas privadas, non invistan máis en investigación. 

Un ciclo que busca unha formulación positiva da crise 

O celebrado hoxe é o primeiro do ciclo Coloquios en tempos de pandemia, organizado polo decanato da centro, e que se centrará, segundo explica o decano Jorge Falagán “en diferentes aspectos derivados da pandemia intentando buscar sempre unha formulación positiva, porque cremos que nos momentos de crise nos que se tende a ver todo de xeito negativo, sempre poden xurdir oportunidades”. Esta iniciativa compartida co vicerreitor de Economía, José María Martín Moreno, xorde, segundo explica o decano da vocación que ambos comparten de “achegamento da Universidade á sociedade”, ao tempo que tamén se pretende dinamizar, tanto a vida interna da institución, como a relación coa sociedade, “na que temos que exercer unha posición de liderado activo”.

O ciclo acollerá intervencións de representantes de diferentes sectores e está dirixido á sociedade en xeral.