DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os premios Egeria recoñecen os mellores traballos fin de grao e de máster con perspectiva de xénero

De Ángeles Alvariño a Manane Rodríguez, da violencia machista aos estereotipos na elección dos estudos

Foron galardoadas tres alumnas de Vigo, unha de Ourense e unha moza e un mozo de Pontevedra

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Igualdade
  • Premios
  • Estudantes
DUVI 07/12/2018

Os Premios Egeria chegan á súa quinta edición premiando os seis mellores traballos que apostan pola inclusión da perspectiva de xénero. En total, son tres proxectos fin de mestrado e tres de grao que abordan a igualdade dende diferentes prismas. Unha vez máis, as mulleres son maioría entre os galardoados, cinco mozas e un mozo e as temáticas abordan dende os estereotipos de xénero na elección dos estudos, ata a atención ás mulleres vítimas de violencia machista ou a presencia da muller na ciencia, na arte urbana ou no cinema.

Tres premios con selo vigués

Claudia Iglesias é unha das premiadas do campus de Vigo polo seu TFM no Máster en Tradución para a Comunicación Internacional sobre a poesía slam, unha arte urbana que consiste nunha competición entre composicións que se interpretan na rúa. Iglesias explica que, aínda que o slam é un xénero moi desenvolvido noutros países como EEUU ou Francia, preferiu centrarse nos poemas de mulleres afrodescendentes brasileiras. O traballo “analiza a ideoloxía dende o punto de vista da tradución, no caso de existir traducións escritas, e da paratradución, a través dos elementos paratextuais presentes no espazo onde se producen estas interpretacións, normalmente a rúa ou a favela”. A finalidade é “observar até que punto as denuncias das desigualdades das slammers chegan ao público receptor, tanto nacional canto internacional”. Sobre o galardón, recoñece que é moi importante que a Unidade de Igualdade premie o esforzo que require un TFM e que fomente a investigación desde o punto de vista do xénero. “Na nosa Universidade contamos con grandes investigadoras nesta área e grazas aos seus artigos puiden formarme neste eido e escoller a temática do traballo”. 

Outras das premiadas é Noelia García, polo seu TFM no Mestrado en Formación do Profesorado, no que aborda a persistencia de estereotipos de xénero na elección de ciclos formativos, centrándose no caso da rama agraria, “tradicionalmente masculinizada”. Esta é a segunda vez que obtén este galardón, “pero a emoción non é menor”. Explica que tanto dende o seu punto vista persoal como formativo e profesional, “unha das premisas básicas é a erradicación de condutas sexistas e a promoción da igualdade de oportunidades entre homes e mulleres” e, por iso, agradece que esta convocatoria continúe “visibilizando e impulsando a elaboración de traballos que non esquecen a un dos factores determinantes do noso devir social”. Para a realización do seu TFM centrouse no alumnado do ciclo de Xestión Forestal e do Medio Natural do IES Cidade de Antioquía e, ao analizar a súa percepción sobre os estereotipos de xénero, “percíbese un dobre discurso manifestamente máis marcado nos alumnos”. Por unha banda, existe unha posición formal, caracterizada por un discurso vencellado a unha situación de igualdade entre homes e mulleres e, por outro, unha posición latente, que manifesta a persistencia de ditos estereotipos, observándose tanto pola expresión como pola omisión de estereotipos e situacións desiguais existentes na actualidade. Os resultados demostran, segundo a autora, a necesidade de “intervir na toma de decisións académico-profesionais dende a coeducación, procurando unha transformación profunda dos modelos e patróns culturais patriarcais nas institucións educativas”. 

Tamén do campus de Vigo é María Casanova, que recibiu o premio Egeria polo seu traballo fin de grao de Enfermaría no que estuda o nivel de formación e actitudes cos que conta o persoal sanitario para tender a mulleres vítimas de violencia de xénero. “Estou moi contenta e orgullosa” recoñece, tanto polo traballo como pola elección da temática, xa que “como muller e feminista considero fundamental coñecer os patróns, saber por que se dá a violencia de xénero e cal é a base desa relación de poder que exercen os homes sobre as mulleres”. Por iso, no seu TFG propúxose avaliar a formación e preparación que ten o persoal sanitario dos centros de saúde en materia de violencia de xénero para atender a mulleres vítimas. Os resultados amosan trazos dun “panorama devastador”, no que a maior parte do persoal que participou “non coñece - e por tanto, non aplica - os protocolos sobre violencia de xénero, non coñece as leis que obrigan a notificar os casos detectados e non indaga sobre violencia de xénero”. Por este motivo, Casanova considera que é precisa a formación específica no eido da violencia de xénero para o persoal sanitario, “para poder detectar máis casos e actuar da mellor forma posible para evitar que as mulleres pasemos por estas situación, así como axudar ás que pasan por iso e serlles de apoio e axuda”, e para iso, os profesionais da atención primaria nos centros de saúde “son os mellor posicionados”. 

Dous premios no campus de Pontevedra

Na categoría de artes e humanidades, o premio ao mellor traballo de fin de grao foi para Cine de autora en Galicia. La figura de la cineasta Manane Rodríguez, da titulada en Comunicación Audiovisual Alba Tomé, quen centrou o seu proxecto na figura da directora, guionista e produtora “asentada en Galicia con máis recoñecementos”. A alumna realizou unha “retrospectiva da súa vida ligada ao cine”, para o que contou co propio testemuño de Rodríguez, cofundadora da produtora Xamalú Filmes. Do seu proxecto, Tomé extrae como principal conclusión que “unha muller no audiovisual non é o mesmo que un home”, ao contar con “menos espazo” e seren, sinala, “cuestionadas” cando “pisamos unha zona na que non compartimos o imaxinario patriarcal” e retratar na pantalla á muller dun xeito diferente a “como moitos directores nos retratan”. Neste senso, salienta que moitas mulleres “fixeron achegas á historia do cine que non se ensinan nas aulas”, motivo polo que pon en valor un premio que, ademais de recoñecer o seu traballo, implica tamén un recoñecemento “á importancia de Manane no audiovisual”. 

O segundo premio con selo pontevedrés é o de Jairo Pazos sobre a influencia do feedback avaliativo nas percepcións do alumnado de Educación Física. Para este estudo analizou, con 55 estudantes de secundaria do IES Monte Carrasco de Cangas, como os estímulos positivos e negativos de carácter afectivo poden influír na percepción dos contidos informativos, da propia capacidade para executar unha tarefa e no grao de goce e motivación cunha actividade, neste caso unha serie de clases sobre voleibol. O estudo levouse a cabo con tres grupos de estudantes aos que lles proporcionaban os mesmos contidos informativos con diferente “feedback avaliativo”, de modo que un grupo recibía eloxios e ánimos, outro críticas e un terceiro tanto valoracións positivas como negativas. A aplicación da perspectiva de xénero permitiu constatar como, máis aló de que non se rexistraron “diferencias significativas” na percepción da información en función dos estímulos, si que existían no relativo á motivación e goce coa actividade entre os e as participantes, xa que elas indicaban “que gozaban máis e estaban máis motivadas cando se lles daba un reforzo positivo”, o que leva a Pazos a incidir na “importancia que teñen os aspectos de xénero na formación curricular dos docentes”.

Un proxecto sobre Ángeles Alvariño, premio en Ourense

Finalmente, na categoría de TFM foi galardoado un traballo do campus de Ourense, asinado por Sabela Domínguez, no marco do Mestrado en Formación do Profesorado, sobre a figura de Ángeles Alvariño. A autora explica que o seu traballo consiste “nunha proposta de proxecto educativo de aula onde se mostra a importancia da sustentabilidade oceánica partindo da figura da oceanógrafa galega Ángeles Alvariño, que chegou a ser recoñecida dentro da ciencia a pesar dos obstáculos cos que se atopou na súa carreira profesional”, explica esta diplomada en Óptica e Optometría. O proxecto, engade, quere “facer consciente ao alumnado das dificultades e incomprensión que sufriron, e inda sofren, as mulleres no ámbito científico-tecnolóxico e reforzar a autoestima das alumnas no proceso de aprendizaxe”. A elección da temática, comenta Domínguez, xurdiu da súa paixón polo mar e a idea de darlle un enfoque de xénero da convicción de que “o traballo relacionado co mar está moi esvarada ao masculino e os labores que menos se recoñecen son os das mulleres”. Tras coñecer a traxectoria da oceanógrafa, recoñece que quedou “fascinada”, porque Ángeles Alvariño “foi unha muller con moita conciencia social e digna de coñecer, como científica e defensora da súa dignidade como muller”, afirma. Satisfeita co traballo fin de mestrado resultante, recoñece sentirse “moi orgullosa de que sexa premiado porque a miña intención é axudar a xerar un cambio positivo”.