DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Estudantes de CCSS e da Comunicación gañan o Concurso de Curtametraxes de ADOS

Animación para "perder o medo" a facerse doante de medula ósea

A curta busca dar a coñecer o proceso para inscribirse como doador

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Premios
  • Saúde
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 23/09/2019

Dar a coñecer entre a xente nova como é o proceso para converterse en doante de medula ósea, dun xeito sinxelo, facendo uso da animación. Ese era o obxectivo que os estudantes da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Noemi Parga e Matías Kesler perseguían en Que non cho conten. Faite doante, a curta coa que obtiveron o primeiro premio no IV Concurso universitario de curtametraxes relacionados coa doazón e o transplante de medula ósea, promovido pola Coordinación Autonómica de Transplantes da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS). Valéndose da técnica da animación stop-motion para simular unha conversa nunha aplicación dun teléfono móbil, realizaron unha curta que tiña como propósito “dar os datos clave para para perder o medo, para entender que facerte doante de medula é algo sinxelo e co que podes chegar a salvar unha vida”, explica Parga.

Nese senso, esta titulada en Comunicación Audiovisual e alumna do máster de Dirección de Arte en Publicidade explica que o seu obxectivo con este traballo non era tanto unha curta dunha maior calidade técnica ou estética, senón “algo que transmitise”, que axudade a trasladar unha serie de ideas para “que a xente nova perdese un pouco o medo a facerse doante, que penso que é o que se persegue con este concurso”. De aí que optasen representar, a través da animación, unha conversa a través do móbil sobre o proceso para inscribirse como doante. “Pareceume algo interesante, con elementos que a xente nova podía identificar facilmente, e que ademais che leva a estar atento porque ter que estás lendo”, salienta Parga sobre a idea na que baseou o traballo premiado.

Adiantándose á conmemoración, o pasado sábado, do Día Mundial do Doador de Medula Ósea, o acto de entrega destes galardóns, presidido polo Conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, tivo lugar o pasado xoves na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago. Xunto á curta gañadora, o xurado tamén outorgou un segundo premio á curtametraxe Camiño á vida, da estudante da USC Meritxell Álvarez.

Trasladar o previamente aprendido

“Evidentemente é unha satisfacción persoal”, recoñece deste galardón Noemi Parga, que previamente fora premiada en dúas ocasións no concurso de creación audiovisual da Universidade de Vigo, na categoría de documental, así como nas Xociviga de Carballiño. “Nese caso tratábase de documentais máis estéticos, pero facer un proxecto sobre algo que pode ter unha utilidade, pensado para dar a entender cousas á xente, pareceume algo moi interesante e satisfactorio”, engade esta estudante sobre a súa participación neste concurso universitario, do que destaca de feito a propia aprendizaxe que para ela mesma supuxo ter que informarse sobre o proceso para rexistrase como doador de medula, un proceso que ata a data realizaron máis de 11.000 persoas en Galicia. De feito, ademais da curta premiada, Parga realizou tamén, neste caso xunto á estudante de Xornalismo da USC Valeria Giráldez un segundo traballo para este concurso. “Fixemos unha reportaxe máis convencional, na que facíamos preguntas á xente nova pola rúa”, que logo eran correctamente respondidas no vídeo pola coordinadora autonómica de transplantes de ADOS, Encarnación Bouzas, explica dun segundo traballo que naceu, engade, “do noso propio interese por este tema”.