DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No marco do Eures Transfronteirizo Galicia-Norte de Portugal

A Área de Emprego convida ao alumnado a facer prácticas ao ‘outro lado da raia’

Este ano incrementáronse as empresas e o número de titulacións

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Estudantes
D. Besadío DUVI 23/05/2018

“A idea é que aprendan que hoxe en día o mercado laboral é totalmente aberto, abrirlle os ollos ao concepto transfronteirizo da súa carreira profesional”. Así explica o director da Área de Emprego da Universidade de Vigo, Alejandro Martínez, a principal finalidade coa que se puxo en marcha, hai xa un par de anos, un programa de bolsas de formación complementaria para a realización de prácticas académicas externas extracurriculares con carácter transfronteirizo. Agora acaba de publicarse a terceira convocatoria, unha edición na que se incrementa o número de empresas participantes e o abano de titulacións de grao cuxas alumnas e alumnos poden optar a estas axudas.

Participan 15 empresas das áreas metropolitanas de Porto e Braga

Co lema Pásate da raia! A Universidade busca con esta iniciativa fomentar a participación do alumnado nun programa de prácticas remuneradas en empresas do norte de Portugal. Nesta edición participan un total de quince empresas, sobre todo relacionadas coas diferentes ramas da enxeñaría e do ámbito xurídico-social, o que conleva que estes sexan tamén os perfís máis demandados. Son empresas das áreas metropolitanas de Porto e Braga (Matosinhos, Vila do Conde, Vilanova de Gaia, Braga, Valença, Maia, Famalicão, Porto, Rio Tinto e Lousada). 

“Cada ano o programa de bolsas vaise coñecendo máis e increméntanse as empresas que se interesan por el”, explica Martínez, ao tempo que apunta que desde a área encárganse de revisar o perfil de cada unha das firmas que solicita participar e comprobar si se adecúa ou non á oferta académica da Universidade. Nesta edición destacan, sobre todo, empresas relacionadas co sector manufactureiro, inmobiliario, loxística e almacenamento, servizos de consultaría, de contabilidade e tesourería...

Enxeñarías, ADE e Economía, os perfís máis demandados

Que tipo de perfil demandan estas empresas? Buscan enxeñeiras e enxeñeiros (Informática, de Telecomunicacións, Electrónica Industrial e Automática, Mecánica, Eléctrica, Organización Industrial...), pero tamén graduadas e graduados en Economía, Administración e Dirección de Empresas, Comercio, Relacións Laborais e Recursos Humanos. “Ademais este ano, por primeira vez, abrimos a convocatoria a outras titulacións do ámbito xurídico-social que nunca puideran participar como Educación Infantil, Comunicación Audiovisual, Publicidade e Relacións Públicas, Turismo e Ciencias da Actividade Física e do Deporte”, explica o responsable da Área de Emprego.

Solicitudes ata o 31 de maio

En total convócanse dez bolsas (cinco para o ámbito xurídico-social e outras cinco para o tecnolóxico), dotadas cada unha delas cunha contía mensual de 400 euros ao mes. As prácticas realizaranse no período comprendido entre o 1 de xullo e o 31 de agosto e, previamente, as persoas seleccionadas realizarán un pequeno curso formativo de 12 horas de duración –do 27 ao 29 de xuño- sobre coñecemento e comprensión oral e lingüística (8 horas) e habilidades para interactuar/relacionarse, intervir ou afrontar as contornas multiculturais (4 horas).

O prazo de solicitude manterase aberto ata o vindeiro día 31 de maio. Na convocatoria das bolsas poden consultarse en detalle todas as características destas axudas (requisitos, incompatibilidades, dotación e pagamento, presentación de solicitudes e documentación...), así como acceder á listaxe de empresas adheridas ao programa por área de coñecemento.