DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A competición celebrouse este sábado e domingo no pavillón de deportes universitario

O armenio Karen Grigoryan gaña o VIII Torneo Internacional de Xadrez Campus de Ourense

Participaron un centenar de xogadoras e xogadores

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Deportes
  • Deportes
DUVI Ourense 04/07/2022

Esta fin de semana, o pavillón de deportes universitario acolleu a celebración do VIII Torneo Internacional de Xadrez Campus de Ourense. A cita volveu á palestra con dous días de competición, un centrado na modalidade de xadrez rápido e outro na modalidade lóstrego, e coa participación de arredor dun centenar de xogadoras e xogadores, entre eles grandes mestres e mestres internacionais deste deporte. Nas dúas modalidades disputadas, o gañador foi o xogador armenio Karen Grigoryan, actualmente nº 104 a nivel mundial a ritmo clásico.  

Como en anteriores edicións, o torneo estivo organizado polo Club Xadrez Ourensán Universitario coa colaboración da Universidade de Vigo e co patrocinio, ademais da UVigo, do Concello de Ourense e da Deputación de Ourense. Jaime Viso, tesoureiro do club organizador, foi o director do torneo, que foi retransmitido por streaming e contou cun taboleiro electrónico a través do cal se puideron seguir as partidas máis interesantes. Na modalidade de partidas rápidas o primeiro clasificado foi Karen Grigoryan (Armenia); o segundo Fernando Sánchez Aller (Galicia) e o terceiro Luis Galego (Portugal). Na modalidade lóstrego, Karen Grigoryan (Armenia) foi de novo o primeiro clasificado; Luis Galego (Portugal) o segundo e Xulio del Prado (Galicia) o terceiro clasificado. “O torneo desenvolveuse moi ben, estamos moi satisfeitos por como foi a súa volta tras o parón provocado pola pandemia. Gañou o gran favorito, Karen Grigoryan, pero en xeral o torneo contou cun nivel moi bo, puidemos ver partidas de moito nivel. Tamén destacar a boa participación de xogadores novos, das categorías sub”, comenta Rodrigo Alberte Pivida, responsable da Área de Benestar, Saúde e Deporte do campus de Ourense.

2750 euros en premios

O primeiro día do torneo, o sábado, centrouse na modalidade de partidas rápidas, cun ritmo de xogo de dez minutos por xogador ou xogadora para toda a partida máis 5 segundos de incremento por xogada realizada desde o primeiro movemento ata a caída de bandeira. O torneo rexeuse polas regras de xadrez da Fide, disputouse polo sistema suízo a nove rondas e foi válido para ELO de rápidas. Nesta modalidade, en total entregáronse 2000 euros en premios: 11 galardóns repartidos en tres categorías (xeral e os tramos Elo Fide 2200-1800 e menos de 1800). Ademais, nas categorías sub-16 e sub-12 houbo trofeos para os tres primeiros clasificados. Por último, concedeuse un trofeo ao xogador/xogadora mellor clasificado pertencente ao club organizador.

O segundo día de torneo estivo centrado no xadrez lóstrego. A competición disputouse polo sistema suízo a nove rondas e o ritmo de xogo foi de tres minutos por xogador para toda a partida aos que se engadiron 2 segundos de incremento por cada xogada realizada desde o primeiro movemento ata a caída de bandeira. O torneo foi válido para ELO de Blitz. Neste caso, entregáronse 750 euros en galardóns (dez premios en categoría xeral) e trofeos para os tres primeiros clasificados nas categorías sub-16 e sub-12 e un trofeo ao xogador/xogadora mellor clasificado pertencente ao club organizador.

O torneo contou coa participación do xogador armenio Karen Grigoryan (actualmente nº 104 a nivel mundial a ritmo clásico); cos grandes mestres Luis Galego (varias veces campión de Portugal), Arián González (de orixe cubano e afincado en Ourense, xa gañador deste torneo), e o búlgaro Vladimir Petkov, ademais do mestre internacional Rafael Rodríguez. Tamén estiveron varios mestres Fide, entre eles os ourensáns Adrián e David Gómez, e tamén José Sande, Fernando Sánchez, Rubén Fernández e o mestre máis novo de Galicia, Xulio del Prado.