DUVI

Diario da Universidade de Vigo

4478 estudantes enfrontaranse aos exames nos tres campus da Universidade de Vigo

Arranca a ABAU 2018: tres días para decidir o futuro

As notas provisionais faranse públicas o vindeiro venres día 22

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Estudantes
DUVI 12/06/2018

Entre hoxe martes e o vindeiro xoves, preto de 4500 estudantes enfróntanse ao seu futuro nos tres campus da Universidade de Vigo. Son tres días de nervios, de repasos de última hora e de moita presión, pero tamén de alivio ao ver que os exames da ABAU “non son para tanto”. Nesta apreciación coincidía boa parte do alumnado que hoxe martes comezou as probas de acceso á universidade, de cuxas notas dependerá o seu futuro académico. En total, dez escolas e facultades dos tres campus da Universidade viguesa acollen os exames, que comezaron a primeira hora deste martes con Lingua Castelá e Literatura e, xa despois, con Historia de España.

En total examínanse en Galicia 11.446 alumnos e alumnas, 4478 deles na Universidade de Vigo: 2384 no campus de Vigo, 942 en Ourense e 1152 en Pontevedra. As notas provisionais faranse públicas o 22 deste mes e posteriormente abriranse os prazos de reclamación e de segundas correccións. As cualificacións definitivas coñeceranse o 4 de xullo e o prazo de preinscrición nas titulacións do Sistema Universitario de Galicia estará aberto do 25 de xuño ao 3 de xullo. A publicación da 1ª listaxe de admitidos e de espera farase pública o 16 de xullo e o primeiro prazo de matrícula para as titulacións con límite de prazas abrirase entre o 17 e o 19 de xullo. 

2384 mozas e mozos examinándose en Vigo

No campus de Vigo, onde as e os aspirantes a universitarios se dividiron en cinco centros, a sensación xeral tras saír do primeiro exame era a de alivio. “Non foi difícil, penso que aprobar é fácil, o difícil é conseguir nota”, explicaba Judit Carrera, alumna do CPR Plurilingüe Mariano de Vigo. “Eu elixín a opción A no primeiro exame, na que se preguntaba pola poesía das tres décadas seguintes á Guerra Civil”, explicaba ao carón das súas compañeiras Rosalía Pérez e Laura Salceda, que optaron pola opción B, cunha parte teórica centrada na Generación del 98 e o libro La Fundación e un comentario de texto sobre desastres meteorolóxicos. Igual de satisfeitas tamén se amosaron Andrea Lara Vázquez, Andrea Fernández e Carlota Poceiro, alumnas do IES San Tomé de Freixeiro de Vigo. “Foi mellor do que pensabamos, ata nos sobrou tempo, que era unha das nosas principais preocupacións, xunto con quedarnos en branco”. Mentres repasaban os apuntamentos de Historia recoñecían que Galego é unha das materias ás que lle teñen máis medo. O que si teñen claro son as titulacións que queren estudar: Dereito, Comunicación Audiovisual e Educación Infantil.

Para Carla González e Carla Fernández “o primeiro exame foi bastante ben, pensabamos que ía ser máis difícil, pero non foi para tanto”. Ao que si recoñecían terlle algo de medo é “a Historia e a Matemáticas”. Mirando caro o futuro, Carla Fernández ten claro que a súa vocación está na Enfermaría pero a súa compañeira recoñece que aínda non sabe que quere estudar, “teño máis claro as cousas que non quero facer que as que quero, así que, segundo a nota que saque, xa verei”.

Un caso especial é o do estudante chino Zheng Wang, quen hai apenas tres anos a única palabra que sabía dicir en galego/castelán era ‘ola’. Alumno do IES Auga da Laxe de Gondomar, é o que se chama un estudante de integración tardía, o que lle permite ter certa flexibilidade horaria para realizar o exame. “Apenas leva tres anos escolarizado en España e cando chegou non sabía absolutamente nada de español e, aínda que lle segue faltando moitísimo léxico, a súa progresión foi extraordinaria”, explica Eva Del Valle, a súa profesora de Lingua Castelá e Literatura. “Ao principio cando cheguei memorizaba cada día unha lista de 30 palabras, agora a lista medrou ata arredor de 100 palabras por día”, explicou ao saír do exame. “Penso que a parte de léxico me saíu ben e, no que respecta á literatura, a ver se son capaz de rabuñar algún punto”, recalcou. Respecto ao seu futuro teno claro, “eu o que quero é estudar Química e traballar nun laboratorio”.

Máis dun milleiro de estudantes miran ao futuro en Pontevedra 

Os nervios que implica enfrontarse aos primeiros exames e as conversas sobre os plans de futuro de un total de 1152 alumnos e alumnas protagonizan tamén desde este martes a actividade no campus pontevedrés, onde estudantes de 29 centros da provincia se examinan na Facultade de Ciencias Sociais  e da Comunicación e na Escola de Enxeñaría Forestal. “Saquei un peso de enriba tralo primeiro exame, pensei que ía ser peor, pero ao final saíume bastante ben”, recoñece Antía Abad, alumna do IES Illa de Tambo de Marín, tras saír da proba de Lingua e Literatura Española, o primeiro dos exames que tiña por diante no seu obxectivo de estudar Lingua e Literaturas modernas en Santiago. Criminoloxía, tamén na USC, é a opción escollida pola súa compañeira Yara de la Torre, quen recoñecía tamén os nervios que implica o inicio destas probas, “máis que nada polo medo de non saber como vai ser, a non aclararte no exame...”. Ambas realizan a ABAU en Ciencias Sociais e da Comunicación, ao igual que o tamén estudante deste instituto de Marín Aaron Santiago, quen incidía, respecto deses medos iniciais, en que “hai múltiples factores que che afectan, tes medo a mil cousas” e recoñecía que “redactar con nervios custa moitísimo”. 

942 estudantes en tres facultades do campus de Ourense 

No campus de Ourense foron 942 as e os estudantes procedentes de 33 centros da provincia os que se enfrontan ás probas de acceso á universidade. Un ano máis son as facultades de Dereito, Ciencias Empresariais e Turismo e Historia as que acollen os exames. Con moitos nervios e repasando ata o último momento, rapazas e rapazas afrontaron durante a mañá do martes as primeiras probas. Entre elas e eles estaban as irmás Amelia e Sara Andrés e Zaira Grande, do IES Ramón Otero Pedraio da cidade de Ourense. As tres amigas preséntanse ás probas co soño de acadar a nota suficiente para estudar Educación Infantil ou Primaria no campus de Ourense no mesmo edificio no que estes días realizarán a ABAU. “O primeiro exame saíume ben. Non foi nin máis difícil nin máis fácil do que esperaba. O normal”, comentaba Amelia no descanso. A mesma boa impresión era compartida polas súas compañeiras de centro, destacando Zaira como a pesar da importancia desta proba “non entrei con moito nervios” e Sara “as moitas horas de estudo” dedicadas no último ano á preparación dos exames.