DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os test poden recollerse nas conserxerías este luns pola tarde e mañá martes todo o día

Arranca o cribado masivo por PCR de saliva para o PDI e o PAS

As mostras deberán entregarse este mércores día 12

Etiquetas
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Saúde
  • Institucional
DUVI 10/01/2022

Para retomar a actividade lectiva e laboral tras as vacacións de Nadal coa maior seguridade posible, a Universidade de Vigo está realizar estes días un cribado masivo a través de PCR por saliva para o PDI e o PAS. En total, son máis de 2800 persoas, incluíndo o persoal de administración e servizos, o docente e investigador e todas as demais modalidades de contratos de investigación (de predoutoramento, con financiamento de Xunta de Galicia ou do Estado, etc.) as que poderán participar neste proceso. Todas e todos eles poden solicitar os tubos para a recollida de mostras de saliva para a realización dos tests PCR nas conserxerías dos centros dos tres campus hoxe luns en horario de tarde e mañá martes ao longo de todo o día.

A recollida das mostras deberá relizarse o mércores 12, cando as persoas participantes deberán rexistrarse na aplicación poolingvigo.com e, posteriormente, depositar o tubo nas gradillas habilitadas nas conserxerías das escolas, facultades e centros de traballo. De xeito excepcional, as persoas que ese día non poidan acudir aos seus centros, poderán entregar a súa mostra nos seguintes puntos de referencia habilitados: edificio Exeria no campus de Vigo; a Escola de Enxeñaría Industrial, sede cidade; a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación no campus de Pontevedra e o Edificio de Ferro no campus de Ourense. Na páxina web da Vicerreitoría de Planificación pode consultarse un vídeo titorial sobre a recollida de mostras.

Por outra banda, dende a Fundación Biomédica indican que, dada a elevada sensibilidade da proba de saliva, é altamente recomendable que todas as persoas diagnosticadas de infección por SARS-CoV-2 durante os últimos 30 días, non participen no cribado.