DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O prazo de inscrición está aberto ata o día 10, cando comezará a impartirse a docencia

Arranca en febreiro unha nova edición do curso de Advanced Trading

Impartirase os venres pola tarde na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Académica
M. Del Río DUVI 25/01/2023

O curso de Advanced Trading celebrará entre mediados de febreiro e mediados de marzo a súa sexta edición. Esta formación, que complementa o curso de Introdución á Bolsa da Escola Universitaria de Estudos Empresariais que se imparte no primeiro cuadrimestre, ten como obxectivo ofrecer ao alumnado a oportunidade de ampliar coñecementos sobre o investimento bolsista mediante a aplicación das novas tecnoloxías ás transaccións nos mercados financeiros. 

O curso, que será presencial na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, ofrece 100 prazas ten o prazo de matrícula aberto ata o propio día no que se inician as clases, o 10 de febreiro. En total serán 32 horas de docencia repartidas en cinco sesións, os venres pola tarde, de 16.00 a 21.00 horas, ata o 10 de marzo. Ademais, todas as persoas participantes poderán desfrutar de tres meses de prácticas de balde a través de Whatsapp para perfeccionamento do trading.

Enmarcado da oferta formativa da Escola Aberta de Formación Permanente, este curso está dirixido polos profesores Jorge Vila Biglieri e José Luis Sáez Ocejo, do Departamento de Economía Financeira e Contabilidade da Universidade de Vigo, coa colaboración do experto Pablo Iglesias Hernández, xestor de patrimonios e de Alejandro José Rodríguez Álvarez, máis coñecido como Sir Alvarez en redes sociais, contorna na que é moi activo e a través de onde ofrece aos seus seguidores recomendacións de inversión en Forex, futuros e cryptos.

O obxectivo do curso é que as persoas asistentes adquiran competencias específicas que lles permitan seleccionar o mellor activo financeiro cotizado en función das súas necesidades e preferencias de investimento e tamén recoñecer e analizar de forma crítica a evolución dos mercados financeiros nacionais e internacionais. Ademais, tamén aprenderá a analizar a evolución de diferentes activos a través dos indicadores básicos de análises e a realizar operacións de compra e venda de valores a través dun software profesional de trading, nunha entidade financeira e en tempo real. A formación comprende tanto charlas-conferencias como sesións prácticas, apoiándose sempre no uso das novas tecnoloxías, coa finalidade de “transmitir coñecementos e experiencias para que as persoas participantes adquiran a súa forma personalizada de facer trading”.

Aberto tanto á comunidade universitaria como a persoas tituladas e profesionais

O curso está dirixido a tituladas e titulados universitarios de 1º, 2º e 3º ciclo, alumnado, PAS e PDI da Universidade de Vigo e profesionais relacionados coa negociación bolsista, sempre a cando reúnan os requisitos legais para cursar estudos universitarios. De forma excepcional sempre que non superen o 50% do total de alumnos/as do curso, poderán ser admitidos os estudantes doutras ramas, outros profesionais, para estudantes do Programa de Maiores, que estean ou estean matriculados no citado Programa da Universidade de Vigo e público en xeral.

Igualmente, destacan os seus organizadores, o curso tamén resulta de interese para completar os coñecementos de titulacións relacionadas coa economía financeira concentradas nos plans de estudos das titulacións do Grao de Comercio, Grao de Dirección e Administración de Empresas, grao de Economía, Grao de Dereito, Grao de Relacións Laborais e Grao de Enxeñería e Telecomunicación.

Os prezos varían entre os 112 euros para o público en xeral, 100 euros para as persoas alumni e 95 euros para os membros da comunidade universitaria e as persoas desempregadas.