DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os gañadores recibirán 1500 euros e un pase á final da Liga Española de Debate Universitario

Arranca o I Torneo Nacional de Debate Retórica UVigo coa participación de 10 equipos de sete universidades

A gran final será o domingo na sede cidade da Escola de Enxeñería Industrial

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Asociacións de Estudantes
  • Estudantado
  • Estudantes
D. Besadío DUVI 25/11/2022

Este será un fin de semana intenso para os 40 estudantes que desde este venres e ata o vindeiro domingo participan no edificio Redeiras no I Torneo Nacional de Debate Retórica UVigo, unha cita que por primeira vez se celebra en Galicia e que dará acceso aos seus gañadores á fase final da Liga Española de Debate Universitario, xunto cun premio en metálico de 1500 euros. A Asociación de Debate Universitario Retórica da Universidade de Vigo, con Santiago Janeiro á cabeza, exerce como anfitrioa. Participan en total 10 equipos, estudantes de Santiago de Compostela, A Coruña, Baleares, Jaén, CEU Barcelona, CUNEF e Vigo, divididos en dúas ligas de cinco equipos cada unha. A eles súmanse un amplo número de xuíces e organizadores, un auténtico rebulir de oradoras e oradores no que o debate será o gran protagonista.

Tampouco quixo perderse esta cita o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, que, xunto a Janeiro, foi o encargado de dar o pistoletazo de saída ao encontro. Ademais de amosarlle o seu agradecemento ao equipo organizador, subliñou a idea de que “os seres humanos somos o que decimos, o que pensamos, somos a palabra e calquera iniciativa que teña que ver con afiar esta ferramenta fundamental que nos converte en humanos é fantástica”. Bromeando coa “gran canteira de políticas e políticos” que supoñen este tipo de citas, o reitor resaltou a importancia do debate de ideas “sosegado e intelixente” como unha “ferramenta básica” que os acompañará ao longo das súas vidas, sexa cal sexa a súa profesión. “Alguén que é capaz de debater e defender as súas ideas ten moito gañado”, recalcoulles Reigosa, quen os animou a aprender moito  ao longo destes tres días e seguir mellorando todo este tipo de competencias. “No voso desenvolvemento profesional vai a ser moi importante esa capacidade de debater, sen acritude, ou con ela cando faga falta, de establecer prioridades e pór negro sobre branco, faravos mellores profesionais e fará tamén que a nosa sociedade sexa mellor cando se beneficie dos vosos coñecementos”.

Tres xuíces por debate e un tema de plena actualidade: a transición enerxética da UE

 
Tras as apertura arrancaron xa os debates que, nesta ocasión, xirarán todos entorno á mesma pregunta: A transición á enerxía verde garantirá a autosuficiencia enerxética da Unión Europea? Entre os participantes había moitas gañas por arrancar, por pórse mans á obra. E detrás de cada un destes debates, observando cada detalle, atópanse o xuíces, tres por debate, que son os encargados de decidir que equipo é merecedor de gañar cada unha das contendas. “Son persoas recomendadas pola LEDU, con ampla experiencia no campo do debate e a oratoria, que exercen habitualmente nos diferentes torneos da Liga Española de Debate, e tamén algúns exdebatentes, curtidos neste tipo de torneos”, explicou Janeiro.

“Estamos moi contentos co tema que se elixiu para os debates, pois é unha cuestión moi relevante e actual”, salientaba ao inicio do torneo Andrés Arias, estudante de Administración e Dirección de Empresas, para quen esta será a súa primeira experiencia nunha competición deste tipo. Forma parte do equipo da Universidad de Jaén, xunto con María Tobaruela, estudante de Marketing, e José Miguel Cueto, estudiante de Dereito e capitán do equipo. “No meu caso fun xa a 32 torneos, pois comecei nisto hai xa catro anos”, explica o estudante, quen tamén exerce como formador.  “Isto é algo que engancha moito, sobre todo se estás nun equipo de persoas coas que te sentes a gusto”, engade Tobaruela, insistindo na idea de que “este tipo de asociacións e torneos fante coincidir con xente que ten as mesmas inquedanzas ca ti, en xeral somos todos persoas con moitas inquietudes, algo que non sempre é habitual á nosa idade”.

Por parte da Universidade de Vigo participan no torneo tres equipos, compostos por 11 estudantes. “Todos son membros da asociación Retórica”, explica Janeiro, quen recalca que nesta ocasión cederon a testemuña aos membros máis novos. “Por parte do equipo organizador solo participará nos debates Álvaro Caamaño”, explica Janeiro, cabeza visible dun comité organizador composto por oito estudantes.

Tres intensos días de debate e pase para a final nacional 

Durante a fase de grupos todos os equipos debaterán contra cada unha das outras universidades e, posteriormente, os dous primeiros clasificados de cada un dos grupos pasarán de ronda e, polo tanto, os dous últimos quedarán eliminados. A partir dese momento pasarase a un formato eliminatorio composto de cuartos de final, semifinal e a final, prevista para o domingo pola mañá no salón de actos da sede cidade da Escola de Enxeñería Industrial, onde tamén terá lugar a entrega de premios. Será unha festa que contará coa participación, entre outros, da vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais Mónica Valderrama; a delegada da Xunta en Vigo, Marta Fernández Tapias; o director técnico da Liga Española de Debate Universitario, Ángel Domingo, e José Luis Ortiz, da empresa ZTE, unha das firmas que patrociona o torneo.

O equipo gañador recibirá 1500 euros e un pase para participar na fase final da Liga Española de Debate Universitario (LEDU), que congrega os 16 mellores equipos universitarios de debate de España. O segundo equipo clasificado percibirá 500 euros e o mellor orador ou oradora do torneo será premiado cun dispositivo móbil.