DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Máster Class Audiovisual Galego contará con obradoiros de cor, fotografía, son e guión

Augal incorpora unha serie de talleres para o alumnado na súa oitava edición

Proxectaranse os filmes 'La sombra de la ley' e 'A estación violenta'

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cine
  • Cultura
  • Académica
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 19/11/2018

No seu propósito de promover un achegamento entre as e os profesionais do audiovisual galego e o alumnado da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, Augal 2018-2019 suma ao seu programa de proxeccións e encontros con cineastas, unha serie de talleres centrados na cor, a dirección de fotografía, o son e o guión. Esta é a principal novidade da oitava edición da Máster Class Audiovisual Galego, que coordinan os profesores Paulino Pérez, Miguel Anxo Fernández e Fortunato Rodríguez, co patrocinio da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), e que tamén inclúe no seu programa as proxeccións das longametraxes La sombra de la ley e A estación violenta, completadas en ambos casos cun coloquio cos seus directores, Dani de la Torre e Anxos Fazáns.

O profesor e vicedecano de Promoción e Comunicación desta facultade, Paulino Pérez; o director da Agadic, Jacobo Sutil, e o director da Área de Dinamización Cultural, Educativa e de Integración do campus, Manuel Morquecho, presentaron este luns na sede da Vicerreitoría o programa dun ciclo con matrícula gratuíta, que propón “un percorrido polo audiovisual galego”. Un ciclo que arrincará o vindeiro luns 26 coa celebración do primeiro dos catro talleres “impartidos por profesionais galegos de recoñecido prestixio” que se incorporan nesta edición ao programa, como apuntou Pérez, quen sinalou que un dos obxectivos de Augal é “pór en valor a toda esa xente que está detrás do audiovisual, que saen nos títulos de crédito, pero que non son coñecidos polo público”, tendo en conta, ademais que “en Galicia temos cada vez unha canteira moito máis importante” no audiovisual.

Preto de 80 profesionais, que presentaron no campus máis de 60 obras audiovisuais participaron nas sete edicións previas de Augal, unha actividade que busca contribuír á promoción dun “sector estratéxico” como o audiovisual e na que “tratamos de pór en relación aos estudantes cos profesionais que están actualmente traballando no sector”, sinalou Sutil, quen lembrou tamén que se trata dun “programa aberto a toda a cidadanía que queira asistir ás charlas e proxeccións”.

Profesionais formados na facultade

A oitava edición de Augal arrinca o vindeiro luns 26 co obradoiro sobre o tratamento da cor no audiovisual que impartirán Fernando Alfonsín, “un dos mellores correctores de cor que hai en España”, e o ex-alumno da facultade Alfonso Merino. Ao día seguinte terá lugar un taller sobre dirección de fotografía, a cargo de Suso Bello, “profesional que é toda unha institución en Galicia”, salientou Pérez. Esta serie de talleres completarase os días 11 e 25 de marzo de 2019 cos obradoiros dedicados a son, a cargo de Miguel Fidalgo, un profesional que é tamén egresado da facultade; e de Raúl García Pérez, director e guionista en Meteórica Cine e profesor asociado da USC.

Dúas longametraxes en febreiro

Nese senso, o vicedecano de CCSS e da Comunicación salientou o “orgullo” que supón a ampla representación que teñen no programa de Augal 2018-2019 profesionais formados nesta facultade, entre os que figura tamén a directora Anxos Fazáns, que o 12 de febreiro presentará no campus a súa primeira longametraxe, A estación violenta, xunto ao produtor Daniel Froiz. Unha semana antes, o martes 5, retorna a  Augal o director Dani de la Torre, quen xunto á produtora e responsable de Vaca Films Emma Lustres presentará a súa nova longametraxe La sombra de la ley, rodada, como lembrou Sutil, en Pontevedra, nunha sesión que “agardamos se converta tamén nunha clase maxistral de dirección de cine”, sinalou Pérez.

Previamente, o 12 de decembro, Augal acollerá a sesión Curtas desde a UVigo, coa participación da estudante Dunia Álvarez, quen presentará a súa curta A meca dos cines, sobre o cinema no Grove; a cineasta Noemi Chantada, quen falará de La Mujer Invisible, premiada no festival Xociviga do Carballiño; e o tamén ex-alumno Jorge Fernández, quen amosará Brotes, curta que constituíu así mesmo o seu traballo de fin de grao.

Xa en abril de 2019, a oitava edición de Augal chegará ao seu remate coa conferencia que, o martes 16, impartirá Elena Mera, de Treeline Distribution, centrada na comercialización de produtos audiovisuais.