DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Primeiro estudo sociolingüístico na Universidade de Vigo dende 1996

O aumento do dominio do galego entre a comunidade universitaria é maior ca o incremento do seu uso

Os expertos demandan medidas para prestixiar o idioma, facendo especial fincapé no profesorado

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Lingua Galega
  • Institucional
DUVI 05/06/2018

Todos os datos debuxan unha situación de vulnerabilidade da lingua galega cun proceso constante de perda de persoas monolingües, un incremento progresivo do bilingüismo e unha continua substitución polo castelán. Pero a contorna universitaria presenta unhas características propias, derivadas da idade e da formación dos seus membros, que require dunha análise propia. A Universidade de Vigo elaborou o seu primeiro estudo sociolingüístico en 1996 e agora, 20 anos despois, unha nova análise permite ter unha perspectiva actualizada sobre a situación da lingua galega na institución. O traballo aborda un conxunto amplo de aspectos lingüísticos, competenciais, actitudinais, sociolingüísticos e formativos e foi elaborado por Antonio Vaamonde, Patricio Sánchez e Ricardo Luaces, do Departamento de Estatística; Xosé-Henrique Costas, do Departamento de Filoloxía Galega e Latina; e Eva Castro, Cristina Rodríguez e Paulo Cabral, da Área de Normalización Lingüística.

Os resultados amosan que en xeral aumentou o nivel de competencia no uso do galego por parte do persoal de administración e servizos, o profesorado e o alumnado, pero esta mellora no coñecemento non se reflicte en igual medida nun incremento do uso habitual do galego na contorna universitaria. Neste sentido, os autores coinciden en sinalar que “os resultados melloran respecto do estudo de hai 20 anos, pero deberían ter mellorando moito máis”.

De feito, os datos amosan unha mellora no que manifestan os docentes sobre o uso do galego, respecto de hai vinte anos, coa redución do uso exclusivo do castelán por un incremento do galego, sendo a investigación o único aspecto no que non mellora o galego. Os datos tamén reflicten que a lingua galega é hoxe “predominante no traballo do persoal de administración e servizos” e no caso do alumnado tamén se recolle unha mellora da situación do galego, aínda que o castelán segue a ser predominante. “A actitude da comunidade no seu conxunto é boa”, resumen os autores, pero “é insuficiente o uso do galego na Universidade”. 

“Actuar canto antes”

Os datos deste traballo coinciden cos diferentes estudos presentados nos últimos anos pola Real Academia Galega e polo Consello da Cultura Galega e reflicten “a mellora significativa nos datos sobre a dificultade para entender, ler, falar e escribir en galego, pois as políticas institucionais centráronse en ampliar as competencias lingüísticas”. Porén tamén amosa “con claridade a tendencia cara ao bilingüismo sustractivo” e os expertos inciden en que nos resultados desta análise aínda non se comezan a sentir de cheo os efectos do decreto de 2010. “A Real Academia Galega xa nos vén advertindo do retroceso que significa para a lingua galega: a redución de horas no ensino primario e infantil, a perda da transmisión interxeracional, o agromar de prexuízos derivado das campañas contra o galego, a falta de espazos de uso social para a mocidade en contornas tan monolingües en castelán como as áreas urbanas, etc.” Recalcan que aínda que semella que se “avanza cara unha desgaleguización, estamos a tempo de paralo, as universidades teñen moitas ferramentas para reverter o proceso”. Segundo destaca, Xosé-Henrique Costas, “hai boa actitude e competencia por parte da comunidade universitaria pero é cuestión de crear as condicións para que esas competencias deriven nun uso activo”. Para iso reclaman mellorar a formación do profesorado por exemplo no tocante a léxico especializado. Tamén consideran necesario que o profesorado tome conciencia de que a súa actitude e a súa práctica é fundamental, porque “cando calquera docente utiliza o galego de xeito habitual, o alumnado faino ata un 75 % sempre ou maioritariamente;  se pola contra utiliza o castelán (pero anima a usar o galego o alumnado ), a porcentaxe baixa ao 47 %, o cal reflicte a importancia que ten a actitude do profesorado para o impulso da nosa lingua”.

Resultados por sectores

O estudo foi elaborado no curso 2016-2017 a través dun cuestionario realizado a 349 docentes, 252 PAS e 1586 estudantes, “unha mostra suficientemente grande para que o erro das estimacións non sexa relevante”, segundo indica Antonio Vaamonde. Aborda temas como a lingua empregada da aprendizaxe da fala, da lectura e da escrita, a lingua habitual e a súa frecuencia de uso, o coñecemento lingüístico, os usos orais e escritos e as actitudes sociolingüísticas xerais e opinións sobre a lingua galega na Universidade viguesa. O estudo aborda de xeito separado os tres sectores da comunidade universitaria: profesorado, o alumando e o persoal de administración e servizos.

Atendendo ao profesorado, os autores inciden na cuestión das actitudes, xa que case o 83 % do profesorado se sente capacitado para impartir as clases en galego, mais só o 46 % se declara disposto a facelo. O 20 % que se declara contrario, máis un 34 % que non se manifesta, “preséntannos unha alta porcentaxe á que lle hai que dedicar atención”. A porcentaxe de docentes que usan habitualmente o galego é do 54 % e o 8,9 % di que non o usa nunca, fronte ao 26 % e 24 % de 1996. Pero “de todo xeitos segue habendo un predominio do castelán o uso habitual (38,4 % só usan castelán fronte ao 26,6 % que só se expresan en galego). No referente á utilización do galego no traballo docente ten cambiado moito nas últimas dúas décadas, sinalan. “Dende 1996 o profesorado que utiliza só o castelán nas clases pasou do 62 ao 22 % e na redacción dos exames do 69 ao 36 %.

O persoal de administración e servizos presenta unha mellora en todos os aspectos, en relación co emprego do galego se o comparamos a 1996. “É certo que tamén é o grupo que máis participa das actividades formativas da Área de Normalización Lingüística, e quen mellor o valora”, indica Paulo Cabral. A porcentaxe de persoal de administración e servizos que emprega habitualmente a lingua galega, sempre ou regularmente, é do 52 % e só o 8,7 % di que non usa nunca o galego, fronte ao 32,9 % e 13,5 % de 1996. Dende 1996 o persoal que utiliza a lingua propia sempre ou maioritariamente ao contestar ao teléfono pasou do 34 % ao 65,9 % e na atención o público pasou do 35,7 % ao 66,7 % e na redacción de textos escritos do 63,3 ao 84 %. Ademais, no referido ás capacidades en lingua galega, é un colectivo que non semella ter grandes problemas para entender, ler, escribir ou falar.

O alumnado está moito mellor formado ca en 1996 e non ten dificultade para entender, ler, falar e escribir en galego. Aínda que na práctica mostra unha maioría de frecuencia de uso en castelán tanto nas actividades da Universidade coma na práctica da súa fóra da institución. Vinte anos despois mostra unha maior preferencia pola docencia en galego, aínda que neste caso en empate co castelán. De todos os xeitos percíbese por parte do alumnado a necesidade de fomentar o uso do galego na Universidade.

Neste sentido, Costas fai referencia á cada vez menor presenza do galego no eido familiar. “Hai 20 anos no 42 % dos fogares empregábanse as dúas linguas, hoxe son o 12 ou 14 %, polo que a metade dos nenos non escoitan unha palabra en galego ata que chegan á escola”. Pero a isto súmase que a lectoescritura e a escolarización infantil é maioritariamente en castelán, e estes hábitos arrástrase a etapas posteriores. Por iso consideran preciso “afianzar ámbitos de uso, comezando polo profesorado, achegar prestixio ao idioma, crear condicións para que nenos e nenas se eduquen en galego e potenciar que o coñecemento do idioma se traduza no seu uso”, conclúen.