DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A categoría feminina foi eliminada polo Harps de Madrid

O Auriense masculino proclámase campión da Copa Shield A Coruña 2018

O equipo de xadrez tamén competiu esta fin de semana

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • Ourense
  • Deportes
DUVI Ourense 28/05/2018

Esta fin de semana a categoría masculina do Auriense FG gañou a súa primeira copa oficial, a Copa Shield A Coruña 2018. Foi, sinalan desde o club de fútbol gaélico, “unha xornada apaixonante a vivida nas instalacións da Torre, na cidade da Coruña durante todo o sábado 26”. Tamén esta fin de semana, o equipo de xadrez do campus de Ourense desprazouse á cidade herculina para participar na Copa Galicia de Xadrez por equipos, quedando no oitavo posto. 

Fútbol gaélico

A cita celebrada este sábado na cidade herculina, o Torneo Ibérico, foi, indican desde o Auriense FG, “unha gran xornada de convivencia entre máis de 300 xogadores e xogadoras de fútbol gaélico chegados de toda a xeografía española”. As e os ourensáns, ao perder no torneo, pasaron a competir pola Copa Shield A Coruña 2018. A categoría masculina gañou contra Herdeiros de Dhais de Lalín, cuartos clasificados na liga galega, por un marcador de 12-8. Desde o Auriense FG sinalan a súa ledicia por unha vitoria acadada “sen perder ningún dos partidos do grupo de clasificación” e sen “apenas pasar apuros en semifinais contra Cambados”. No que respecta ao Auriense feminino perdeu contra o equipo Harps de Madrid nesta copa.

Copa tamén de xadrez

Tamén esta fin de semana, neste caso o domingo 27, e tamén na Coruña, neste caso no  Sporting Casino, disputouse a Copa Galicia de Xadrez por equipos absoluta, na que o equipo do campus de Ourense acadou “un meritorio posto”, segundo indican desde o club. Na competición, sinalan, déronse cita máis dun centenar de xogadores de toda Galicia, conseguindo o equipo do campus un oitavo posto, “un bo resultado xa que se saía no posto onceavo”. No resultado final sumaron tres vitorias, un empate e dúas derrotas. O equipo do campus de Ourense estivo formado por Favio Fuentes, Manuel Álvarez, Lino Hermida, Alberto Iglesias e Antonio Fernández, destacando desde o club “a actuación de Alberto Iglesias que non perdeu ningunha partida, conseguindo catro victorias e un empate”.