DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ata o 5 de outubro conformarase o novo equipo encargado do deseño e construción do monopraza 

Avanza a fabricación do UM21 que o vindeiro ano competirá nas probas de Formula Student de Alemaña e España  

As probas suspendéronse este ano por mor da covid-19

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Estudantes
Mª del Camen Echevarría DUVI 01/10/2020

Tras un ano en branco no que a competición se refire, que non noutros ámbitos do proceso de deseño e construción do vehículo, UVigo Motorsport arranca este curso 20/21 ultimando o traballo de fabricación do monopraza que quedara paralizado en marzo por mor da covid-19. “O vehículo, que competirá no 2021 nas probas de Alemaña e España de Formula Student, será o que estivemos a desenvolver durante o curso pasado. Dende a volta do confinamento estamos rematando o traballo de fabricación que quedou conxelado e aínda que o deseño xeral do coche mantense, hai algúns sistemas que se poden mellorar no estado de fabricación que estamos”, explica Diego Pérez Casal, líder do equipo, do que poderán solicitar formar parte ata o vindeiro 5 de outubro as e os estudantes de calquera titulación das que se imparten na UVigo. En concreto, o novo equipo traballará na modificación da xeometría da dirección, na simplificación de toda a electrónica e na mellora dos sistemas de DRS (sistema de redución de resistencia) e escape, “ademais poderemos implementar todos os sistemas precisos para a investigación e testeo da condución autónoma para un correcto desenvolvemento para os futuros anos e futuras direccións técnicas da organización da competición”, explica o estudante da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais que este ano liderará o equipo, ao que se incorporou hai un ano e no que tamén se encargará do departamento de Organización e Márketing.  

Cara á participación nas probas de Formula Student, que se disputarán nos circuítos de Hockenheimring e Montmeló o vindeiro ano, o equipo fíxase como obxectivo mellorar co UM21 o máximo nas probas dinámicas, rematar sen problemas a de resistencia, que é a máis importante da competición, e consolidar o resultado do ano pasado coma segundo mellor monopraza de España. No caso das probas estáticas, que avalían a calidade do deseño, “o obxectivo é saír da metade da táboa e escalar as maiores posicións posibles”, apunta Diego Pérez, que avanza a posibilidade, cara o ano que vén de presentarse a unha terceira competición. 

Un UM21 froito da “nova normalidade”

O proceso de creación do vehículo que representará por sétimo ano á UVigo nas probas de Formula Student tivo que adoptar as normas que se están a aplicar na denominada “nova normalidade”, atendendo as recomendacións das autoridades sanitarias e as propias da UVigo (distancia social, xel hidroalcohólico, uso de máscara, lavado de mans…), incluíndo a redución da capacidade das instalacións nas que traballa o equipo ata nun 40%. “Ademais de ter sempre nos accesos ás nosas instalacións un dispensador de xel, tamén evitamos compartir ferramentas, ordenadores e sempre que se empregan, tanto antes, como despois do seu uso, desinféctanse”, explica o líder do equipo en relación cos traballos máis físicos que se desenvolven nas súas instalacións, como a montaxe de pezas no monopraza ou a realización de tests para configurar parámetros do set-up. Pola contra, para tarefas máis centradas no deseño ou simulación das pezas, ou mesmo realización de reunións, os integrantes do equipo están a desenvolvelas de xeito virtual desde as súas casas, “mantendo unha comunicación continua para facilitar ao máximo estas tarefas e así non ter ningunha interferencia entre os traballos a realizar”, detalla Diego Pérez, que confirma que grazas a estas medidas levan traballando a diario dous meses “sen ningún susto”.

Ampliación do equipo ata o 5 de outubro

Cunha vintena estudantes que xa participaran no desenvolvemento do UM20, o equipo que fará realidade o UM21 está previsto que estea finalmente formado por unhas 40 ou 50 persoas. Para acadar esta cifra, ata o vindeiro luns 5 de outubro permanecerá aberto o proceso de selección para que calquera estudante da UVigo solicite a súa participación no proxecto mediante a súa inscrición nun formulario en liña. As e os aspirantes poderán integrarse nalgún dos seis departamentos que este ano conforman UVigo Motorsport: dinámica, que se encarga dos sistemas de suspensión, dirección e freado do monopraza; propulsión, centrado no mapa motor, sistema de refrixeración, desenvolvemento de sistemas de admisión e escape; chasis e aerodinámica; electrónica e programación, encargado do deseño de placas e implementación de esquemas eléctricos; organización e márketing, que se ocupa da planificación do proxecto e contacto con patrocinadores e medios de comunicación e o departamento de coche autónomo, que a partir do procesado de imaxes e xestión de actuadores conseguirá que o monopraza recorra os circuítos nos que a partir do ano 2022 competirán de xeito autónomo.

“Dende a miña perspectiva coma team leader este é un proxecto único onde todos somos como unha gran familia, sempre encantada de recibir novos membros. Ademais é o mellor xeito de complementar os contidos prácticos que cursamos nos nosos graos e proba diso é que todos os membros que pasaron por equipo destacan a súa experiencia dentro de UVigo Motorsport como a oportunidade clave de poñer en práctica eses coñecementos tan teóricos que aprendemos nas carreiras da universidade”, explica Diego Pérez, que anima ao estudantado a participar no equipo, que o ano pasado inauguraba nova sede no campus de Ourense, o que o converte nun dos poucos na Formula Student coa capacidade de ter un proxecto multicampus, con dúas sedes activas, separadas 100 quilómetros entre elas.