DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Tamén acadou un cuarto posto nos 100 braza 

Bea Gómez, ouro nos 200 estilos no Campionato de España Universitario de Natación 

Esta fin de semana comezan as actividades do programa Delecer

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Deportes
  • Deportes
DUVI 24/04/2019

A estudante do Grao en Enxeñaría Biomédica da Universidade de Vigo Beatriz Gómez Cortés gañou este mércores a medalla de ouro nos 200 estilos no Campionato de España Universitario de Natación que se celebra en Castellón. Bea Gómez impúxose con autoridade na proba disputada este mediodía na piscina olímpica de Castellón, na que onte, a alumna do campus de Vigo acadou o cuarto posto nos 100 metros braza, nunha axustadísima final na que quedou por detrás da terceira clasificada a tan só 26 centésimas. 

Tras ser olímpica e detectárselle unha anomalía cardíaca, que lle obrigou a parar de adestrar durante un tempo, Bea Gómez está a traballar para reincorporarse progresivamente á competición e aos adestramentos de alta intensidade.

Xunto a Bea Gómez, o equipo da Universidade de Vigo que competiu en Castellón, estaba formado polo estudante do Grao en Fisioterapia do campus de Pontevedra Enol Valdés Rey. Valdés acadou o posto 23 na proba de 100 metros libres, na que se rexistrou a participación máis elevada do campionato de España universitario. 

Volve o programa Delecer

O tempo primaveral acompañará para a estrea das primeira actividades do programa Delecer, que organizada a Área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade de Vigo. Trátase dunha serie de propostas para que a comunidade universitaria poida gozar do seu tempo libre na contorna natural realizando actividades lúdicas e deportivas. Nesta ocasión, a oferta comprende marcha nórdica, parapente e pontismo, con diferentes grupos e datas.

A primeira das citas será esta fin de semana, cos primeiro grupos de parapente, para o que xa están cubertas todas as prazas. As persoas participantes desprazaranse ata Santa María de Oia e poderán probar esta experiencia de altos voos en colaboración co club Nortada. Un segundo grupo poderá probar esta modalidade na primeira fin de semana de maio.

Outra das opcións que ofrece Delecer para esta fin de semana é o pontismo, unha actividade que terá lugar no río Miño ao seu paso por Arbo en colaboración con Turnauga. A primeira data é este domingo 28 de abril e a segunda será o 11 de maio, para o que a matrícula está aínda aberta.

Finalmente, o día 11 de maio a cita será no campus de Vigo coa marcha nórdica en colaboración co Club Peña Trevinca – Montañeiros de Galicia. As persoas interesadas poden inscribirse ata o 30 deste mes de abril.