DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A peza 'Birdwtching' poderá visitarse ao longo dos vindeiros tres meses

Belas Artes estrea unha nova instalación artística no seu patio

A obra do norteamericano Paul E. Guy propón unha sinxela estrutura de observatorio de paxaros

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Institucional
DUVI Pontevedra 07/12/2018

A Facultade de Belas Artes estreou este venres unha nova instalación artística no seu patio. Trátase de Birdwtching, unha peza do norteamericano Paul E. Guy, artista e xefe de montaxes do Museo de Arte Contemporáneo de Vigo, na que se se presenta unha sinxela estrutura de observatorio de paxaros, explorando así o valor da cabana, tanto como refuxio como dispositivo expositivo. A presentación da obra contou coa participación do propio artista; da comisaria e crítica de Arte Ánxela Caramés e a decana do centro, Silvia García, quen explicou que a peza vai permanecer no patio da facultade durante tres meses, se ben non se desbota a posibilidade de que poida prolongarse un pouco máis, “xa que, aínda que non sexa unha instalación permanente, ten solidez suficiente para aguantar durante máis tempo”.

O proxecto Birdwatching presentouse na Cidade da Cultura o pasado mes maio, formando parte da exposición (Reb)veladas na Paisaxe, un ciclo de tres intervencións artísticas nos espazos naturais do Gaiás. Unha vez finalizada esta exposición, o autor empregou esta peza como eixe central dun dos obradoiros do Campus Crea: Fab-Lab no campo expandido. Planificar-construír, un taller impartido na facultade ao longo do mes de novembro por Guy e Caramés, e no que buscaban achegar aos e ás participantes á planificación e construción de instalacións artísticas. “Participaron no obradoiro estudantes de distintos cursos da Facultade de Belas Artes e eles foron tamén os que axudaron na montaxe”, explicou a decana, ao tempo que fixo fincapé en que a obra serviu como caso de estudo, pois durante o taller tivo lugar todo o proceso de reconstrución abordando así “as distintas fases e aspectos técnicos e de montaxe que é preciso ter en conta para o desenvolvemento dun proxecto artístico complexo”.

“A propia peza ten unha serie de fichas que se cobren polos visitantes”

Agora a idea é que a instalación se integre no uso do patio, converténdose así nunha nova infraestrutura para a facultade. Neste senso, durante a presentación fíxose fincapé en que o seu uso está destinado a calquera visitante e animouse ao alumnado do centro a participar no desenvolvemento de novos contidos que reflexionen e reflictan as súas impresión sobre o contexto urbano e académico no que está situado. “A propia peza ten unha serie de fichas que se cobren polos visitantes, e isto é algo no que afondaremos nas clases, pois é un bo exemplo para falar de como o contexto museístico das obras e de como un cambio de localización modifica total ou parcialmente parte do seu significado”, recalcou García.

A presentación ao público da obra pon, a xuízo do autor e da comisaria, o broche de ouro a un taller no que se lle deu ao alumnado da facultade a posibilidade de desenvolver diferentes competencias ligadas á planificación e construción de instalacións artísticas, analizando as distintas fases do proxecto, utilizando para isto Birdwatching como caso de estudo.  “Para nós é importantes destacar que o autor da obra, Paul Guy, leva dez anos traballando nas montaxes das exposición do Marco de Vigo. Con isto quero enfatizar que para o noso alumnado un dos aspectos máis importantes do obradoiro foi estar traballando con profesionais que lles falaron das circunstancias reais do ámbito profesional”, explicou a decana, que quixo tamén salientar o feito de que Guy, alumno do Máster de Arte Contemporánea, cede así unha das súas obras para uso do público.