DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Catro estudantes realizaron unha intervención para a exposición que conmemora o seu 30 aniversario

Belas Artes mantén unha “aula aberta” no CGAC

Este espazo reúne documentación de múltiples proxectos da facultade

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Estudantes
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 25/02/2021

O Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) inauguraba a semana pasada Cultivar incertezas. Reformular o espazo / Conmocionar a mirada, unha exposición que rende homenaxe ao 30 aniversario da Facultade de Belas Artes reunindo as creacións de 30 artistas que pasaron polas súas aulas ao longo destas tres décadas. A mostra comisariada por Ángel Cerviño compleméntase coa Aula Aberta, un espazo que busca dar visibilidade aos múltiples proxectos e iniciativas nacidos no interior da facultade e que acolle ademais a intervención artística realizada por catro estudantes do grao baixo a coordinación da profesora Almudena Fernández Fariña. 

A idea da Aula Aberta, explica a súa coordinadora, a historiadora da arte Natalia Poncela, é que este espazo funcionase “de certo modo como epílogo da exposición” e que fose á súa vez “un espazo de creación e de investigación”, no que se visen reflectidos “aqueles procesos que normalmente están dentro da formación académica”. Coa idea tamén de que fose un “espazo dinámico, que acollese intervencións de artistas estudantes”, engade Fernández Fariña, catro alumnos da materia Proxectos de debuxo e pintura, Ruth Vidal, Alejandro Vázquez, Mateo Barcia e Rosalía Bello, foron os responsables de levar a cabo unha intervención conxunta que tiña como punto de partida o encerado de grandes dimensións presente na sala e que se completará nas próximas semanas cunha nova intervención no patio interior que pode pode contemplarse desde a cristaleira desta Aula Aberta. 

Conectando museo e facultade a través do absurdo

“A peza está composta por diferentes elementos que, ademais de xogar un pouco co absurdo, conectan o edificio da Facultade de Belas Artes co espazo do museo, incluíndo o concepto de ensinanza”, salienta Barcia, que explica que “buscamos unha comuñón entre os nosos intereses e ideas artísticas persoais, para dar como resultado unha obra común que tivese certo sentido conceptual e estético”. “Expor no museo máis importante de Galicia é algo incrible”, engade Vidal, que destaca, ao igual que Vázquez, a oportunidade que este proxecto lles deu de “ver un museo por dentro durante a montaxe dunha exposición”. 

Tomando como punto de partida a súa liña de traballo arredor da “idea do código como representación do mundo”, Vázquez recolleu no encerado o código do emprazamento da facultade en Google Maps. “Pareceume bastante simbólico ese traslado do que sería o espazo físico da facultade”, recoñece dunha proposta na que “xoga un pouco con esa idea do que existe e do que non existe”, á vez que propón unha reflexión sobre a historia dun centro que no seu día “pelexou moito por ter esa facultade física”. Xogando con este elemento, Barcia sumou unha proposta que pasaba polo uso "da pintura do propio encerado" para que unha serie de elementos, na súa meirande parte pertencentes ao propio CGAC, como un extintor e unha cámara de seguridade en desuso, funcionasen como unha “”estraña extensión” deste espazo, que á vez que buscaban “ocultarse” resultaban “obvios” para o espectador.

Con esa mesma idea do absurdo, Ruth Vidal empregou unha serie de fechas adhesivas que sinalizan na facultade os percorridos de acceso e saída, dentro das medidas ás que obriga a covid-19, cos que articulou "un percorrido imposible", no que as frechas, pintadas de branco e negro, “mimetízanse coas paredes e o encerado, desaparecen e aparecen noutro punto da sala”. Con esta idea, Vidal buscaba aludir ao percorrido “que fixeron os diferentes artistas” desde que saíron do centro da que proveñen ás frechas, á vez que incidir na idea de percorrido que implica unha exposición e aludir tamén, “xogando coa idea da distancia de seguridade”, ao modo de transitar por este tipo de espazos ao que obriga a pandemia. 

Esta proposta completarase, como explica Bello, cunha segunda intervención, na que proxectan usar, no patio interior contiguo á sala, unha serie de cabaletes tamén da facultade. “Aínda hai cousas que temos que debater, pero xa desde o primeiro momento pensamos nunha intervención nestes dous espazos”, explica esta alumna, que salienta tamén “a impresionante oportunidade” que supuxo poder formar parte desta exposición.

Creación, investigación e memoria

Con esa idea de que servise “de certo modo como epílogo da exposición”, a Aula Aberta reúne unha serie de materiais como unha escolma con máis dun cento de publicacións realizadas ao longo destes 30 anos pola facultade e os seus grupos de investigación. “A idea inicial era que fose unha material de consulta, que a Aula Aberta tivese ese carácter de arquivo”, salienta dun proxecto que a situación provocada pola covid-19 obrigou a redefinir. A estes materiais súmase a proxección, de xeito continúo dunha selección de traballos de videoarte realizados polo ao longo dos 30 anos da facultade, realizada polos docentes Sol Alonso e Xoán Anleo, xunto cunha serie de vídeos que fan balance das diferentes edicións de Debut, seleccionados pola directora de Esdemga, Lola Dopico. Tamén está presentes na sala unha selección das postais xurdidas nas diferentes edicións do proxecto de visibilización das alumnas ARTISTAS, coordinado por Mar Caldas e Almudena Fernández Fariña, á vez que unha vitrina reúne unha serie de materiais documentais que afondan na propia historia da facultade, pondo o foco en aspectos como “as reivindicacións do ano 1993” para que a facultade tivese unha nova sede. De feito, nesta aula preséntase o cadro Un berro por Belas Artes realizado por aquel entón por Laxeiro. 

A idea inicial, engade Poncela, era que este espazo funcionase tamén como unha aula que permitise, “na medida do posible” que o espectador puidera coñecer “que tipo de procesos existen nesa transmisión do coñecemento, nesas estratexias docentes..., visualizar todo ese traballo moitas veces silencioso”. Con esa idea e na medida en que a situación sanitaria o permita, esta previsto que esta Aula Aberta albergue nos próximos meses diferentes actividades, como unha exposición de traballos de fin de grao, coordinada pola profesora Susana Cendán, conversas entre antigos decanos ou unha serie de seminarios e talleres, impartidos por docentes e egresados. A estas iniciativas está previsto que se sume ademais a organización dunha serie de mesas de debate, coordinadas por Miguel Anxo Rodríguez, así como a edición dunha publicación que se sumará ao propio catálogo da exposición, facendo balance desta serie de actividades complementarias. Este volume, como explica Poncela, buscará proxectar "unha idea o máis completa posible do que é a facultade", facendo balance das "cousas que sucedan nesta Aula Aberta",que á súa vez son o resultado dun "convite aberto" que se foi nutrindo das achegas de numeroso profesorado. A publicación recollerá tamén as achegas de catro dos grupos de investigación da facultade, co propósito de que sirva tamén para dar a coñecer "todo o que se pode producir desde unha facultade".