DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A través da intervención que o alumno Ignacio Pérez realizará na pasarela do centro

Belas Artes plasmará o son do Sol na EE de Telecomunicación

O seu proxecto foi escollido nun concurso de ideas para estudantes de doutoramento

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Arte
  • Estudantado
  • Premios
  • Estudantes
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 16/12/2019

Ao son do Sol é o título do proxecto co que o alumno de doutoramento da Facultade de Belas Artes Ignacio Pérez resultou gañador do concurso impulsado pola Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e o Doutoramento en Creación e Investigación en Arte Contemporánea co propósito de mudar, a través dunha intervención artística, a pasarela que conecta este centro do campus vigués e a súa ampliación. A proposta gañadora, que o artista e investigador converterá en realidade o vindeiro cuadrimestre, parte do procesado que o investigador da Universidade de Stanford Alexandre G. Kosovichev realizou das medicións das oscilacións e variacións solares tomadas pola sonda espacial Soho para convertelas en pistas de audio perceptibles polo oído humano. “Pareceume interesante como desde a ciencia poden facerse este tipo de interpretacións e xerar sons a partir de imaxes”, sinala Pérez Folgado, que propón no seu proxecto plasmar a imaxe gráfica xerada dunha destas pistas por un software de edición de son, sen alteracións, ao longo da pasarela. 

A imaxe obtida dunha das tres pistas xeradas no proxecto Michelson Doppler Imager a partires da interpretación das imaxes tomadas pola sonda da NASA e a Axencia Espacial Europea (ESA) durante 40 días presentarase “directamente, sen filtros, nin manipulacións”, apunta Pérez Folgado. O obxectivo, sinala, é “gardar a pegada ou sinal característico dese son, coas súas oscilacións, pausas ou ritmos”, reproducindo “practicamente píxel e píxel” esa representación gráfica da pista, converténdoa así nunha “obra plástica, visual e tanxible”. A gráfica reproducirase, a través dunha serie de vinilos, nun trazado paralelo ao ambos lados da pasarela en cor branca. Deste xeito, aqueles e aquelas que atravesen este espazo poderán ir observando ao seu paso “as oscilacións e formas únicas xeradas pola enerxía solar”, algo, engade, “do que que xamais poderíamos ser testemuñas se non fóra pola axuda de instrumentos e análises científicas”. Nese senso, Pérez Folgado incide en que este proxecto para rexistrar o son do Sol pareceulle un interesante punto de partida para un concurso que propón “unha sinerxía entre arte e ciencia”, ao que se sumaba o feito de centrarse “nalgo co que traballan na escola, como é o son”. 

“Pareceume interesen cousificar o son”, engade este investigador, que centra a súa tese de doutoramento, que desenvolve baia dirección do profesor Juan Loeck, nesa idea da “cousificación”, de “presentar de maneira plástica algo que a primeira ollada non ten estrutura física nin material”, como sería neste caso o son do sol.

Un espazo que “era tamén un reto”

A EE de Telecomunicación e a Facultade de Belas Artes xa desenvolveran un primeiro concurso para levar a cabo unha intervención artística no vestíbulo da escola, onde a estudante Laura Antelo desenvolveu o pasado ano seu proxecto Luz fractal. Para esta segunda edición, a escola optou por un espazo polo que “diariamente pasan case todos os estudantes a escola e un bo número de profesores e profesoras”, xunto cuns accesos “pouco aproveitados e sen unha función clara, ademais de un tanto abandonados no que a estética se refire”, como sinalou o seu director, Iñigo Cuíñas. A complexidade de levar a cabo un proxecto artístico nun espazo destas características motivou de feito que o concurso se dirixise a estudantes de doutoramento e, de entre as diferentes propostas presentadas, Ao son do Sol foi a escollida por un xurado integrado por Cuiñas; o coordinador do doutoramento, Juan Carlos Meana, a profesora da facultade Almudena Fernández Fariña, e a tamén docente do centro e directora da Área de Imaxe da Universidade, Ana Soler. 

“Pareceume interesante ese espazo de tránsito con videiras e, sobre todo, a contorna paisaxística na que se atopa”, sinala Pérez Folgado ao tempo que recoñece que “era tamén un reto” tanto idear unha intervención para este lugar, que ademais "encaixase co que é EE de Telecomunicación". A execución do proxecto, polo que este investigador resultou merecedor dun premio, de 1500 euros, levarase a cabo no segundo cuadrimestre e completarase coa edición dunha serie de 40 estampas numeradas que a escola empregará como agasallo institucional. Para estas, Pérez Folgado optou por empregar esta gráfica do son do Sol xunto cuns recadros que enmarcarán 0,75 segundos desta pista e que farán única cada unha das estampas.