DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O libro ‘Desbordamentos’ reúne as entrevistas realizadas a seis artistas formados na facultade  

Belas Artes pon en valor os seus egresados e egresadas a través dunha serie de publicacións

Inserido na colección ‘En tránsito’ do selo Error es Bien

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Estudantado
  • Publicacións
  • Estudantes
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 04/05/2021

Seis artistas formados na Facultade de Belas Artes son os protagonistas de Desbordamentos, unha publicación coa que o centro busca pór en valor a traxectoria dos seus egresados e egresadas e que constitúe ademais a primeira entrega da serie En tránsito, que irá recollendo en diferentes volumes entrevistas a titulados e tituladas realizadas pola tamén egresada e xestora cultural Sara Donoso. Editada en risografía e dentro do selo Error es Bien, este libro recolle as entrevistas, inicialmente publicadas na web do centro, a Alba Fandiño, David Fidalgo, Julia Huete, Joseba Murazábal, Óscar Raña e Mar Ramón Soriano, xunto cun texto curatorial do profesor Juan Carlos Román.

Como explica Donoso, responsable da web e das redes sociais da facultade, desde hai anos vén realizando unha serie de entrevistas a artistas, xestores culturais, deseñadores ou educadores formados da facultade, coa idea de “dar visibilidade ao que están a facer” e á vez amosar ao actual alumnado “que hai vida despois das aulas”. Desta iniciativa xurdiu en 2018, na etapa de Silvia García á fronte do decanato, unha primeira publicación, Antes, durante, despois, á que agora se dá continuidade con En tránsito. Esta serie propón reunir, en diferentes publicacións, entrevistas en profundidade a diferentes egresados e egesadas, que ademais de afondar na súa traxectoria, aborden tamén outra serie de cuestións “como que lles influíu da súa etapa na facultade e como a súa época de estudantes marcou a súa traxectoria” ou a súa visión do “contexto artístico actual”, sinala Donoso. Farao ademais convidando en cada volume a un ou unha docente, que ademais de participar na escolla dos entrevistados e entrevistadas encargarase do texto de apertura.

“Arte que pode expresar o ser e o sentir galego”

No caso de Desbordamentos, este texto correu a cargo de Juan Carlos Román, quen afonda nos puntos en común  dunha selección de artistas, escollidos pola “calidade e proxección” dos seus traballos e que, sinala, “representan a individualidade e a heteroxeneidade do tempo que lles tocou vivir”. Nese senso, destaca que estes titulados e tituladas “reúnen as calidades da mellor arte que pode expresar o ser e o sentir galego”, xa que nas súas obras hai “humor e retranca, como tamén unha boa dose de surrealismo, do que poderíamos advertir matices de Maruja Mallo ou Urbano Lugrís”, á vez que varios deles “sensibilizan coa abstracción construtiva, propia de Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane, e co desenvolvemento táctil dos materiais e as súas capacidades expresivas”. Trátase, conclúe Román, de seis artistas “ao mesmo tempo, expresionistas, surrealistas, construtivistas, costumistas e incriblemente contemporáneos” e que, máis aló dos nexos de unión e diverxencias, teñen en común a súa etapa formativa na facultade, "un tempo de debate interno que produciu múltiples formas de acometer o carácter intersubxectivo que xera a arte”. Nese senso, Román pon de relevo que se trata de creadores “que se acercarán en pouco tempo ao momento de plenitude da súa obra, e aí teñen que estar as máis importantes institucións galegas, apoiando o esforzo que se fixo desde aquel día que decidiron estudar Belas Artes”. 

Entre as e os protagonistas de Desbordamentos atópase a investigadora do grupo Prace Alba Fandiño, cuxa obra forma parte de diferentes coleccións públicas e privadas e que combina a produción artística coa xestión cultural, a docencia e o comisariado de exposicións. Gañadora do XI Premio Auditorio de Galicia para artistas novos en 2019, ano no que tamén recibiu a bolsa da Real Academia de España en Roma, Julia Huete é outra das protagonistas desta publicación que se detén tamén nas facetas de artista plástico e creador audiovisual de David Fidalgo, que en 2019 foi nomeado aos premio Goya e gañou o Mestre Mateo á mellor curta de animación por Homomaquia. Outra das entrevistas afonda a traxectoria no mundo do cómic e no labor que no eido da animación experimental desenvolve xunto a Chyntia Alfonso no estudio Rapapawn, o egresado Óscar Raña. No referido a Joseba Murazábal, cuxa traxectoria foi recoñecida con premios como o Novos Valores 2019 ou a galardón ao mellor artista galego na Bienal Eixo Atlántico de 2010, Desbordamentos afonda tanto na súa traxectoria vinculada a análise dos fenómenos sociais que lle rodean como ao desenvolvemento de proxectos como a serie Fenómenos do rural. A selección de entrevistados complétase coa alumna de doutoramento Mar Ramón Soriano, que basea a súa investigación e práctica artística na exploración dos elementos cotiás, pola que foi recoñecida nos últimos meses en certames como o Xuventude Crea ou Novos Valores. 

Unha publicación do selo Error es Bien

Con deseño, maquetaxe e ilustracións do alumno Abraham Alonso, Desbordamentos terá como continuidade unha publicación centrada en artistas pictóricos, cuxo texto curatorial correrá a cargo da profesora Almudena Fernández Fariña. Esta serie insírense no traballo do selo editorial impulsado pola facultade, Error es Bien, que agrupa unha serie de publicacións realizadas coa máquina Riso SF9350, como o recentemente presentado número cero do seu anuario. Estas publicacións caracterízanse ademais polas especifidades que implica a impresión en risografía, que, como lembra Román, “zumega manualidade e espontaneidade e obriga a que se xestione desde un espírito creativo”.

De feito, o editor executivo, Nono Bandera, e o integrante do consello editorial Marcos Covelo, imparten esta semana, os días 7 e o 8 de maio, un taller de iniciación en procesos manuais de reprodución en Riso no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC). Este obradoiro insírense nas programación de actividades da Aula Aberta que completa á exposición Cultivar incertezas, e mantén aberta a súa inscrición ata este xoves ás 12.00 horas.