DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este mércores arrancaron as xornadas de acollida do alumnado de novo ingreso

Benvidas e benvidos á Universidade!

O campus de Ourense foi o escenario da primeira das sesións

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Cultura
  • Deportes
  • Estudantado
  • Estudantes
Rosa Tedín DUVI Ourense 04/09/2019

Con moitas ganas de coñecer a Universidade e a compañeiras e compañeiros de estudos. Con estes dous desexos na mochila, o alumnado de novo ingreso que este curso académico 2019/2020 comeza a formarse nas diferentes facultades e escolas do campus de Ourense achegouse este mércores á xornada de benvida organizada para eles pola institución académica. Nunha cita na que se mesturou a información coa diversión, alumnas e alumnos de primeiro curso puideron rachar o xeo e comezar a súa vida universitaria nun ambiente distendido.

“Esta é unha xornada de benvida para que os novos estudantes vexan todo o que lles ofrece a Universidade, que é estudar pero tamén coñecer xente, relacionarse, facer deporte, gozar da cultura e do ocio...”, explicou Natalia Caparrini, vicerreitora de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria da Universidade de Vigo. A idea de organizar esta actividade, detallou a súa responsable, xurdiu co obxectivo de que o alumnado puidese coñecer de xeito conxunto os servizos e instalacións da institución académica. “Como é o primeiro día deste alumnado na universidade a xornada tamén ten un carácter lúdico xa que queremos que comecen con ganas e ilusión a súa vida universitaria”, apuntou a vicerreitora, que lembrou como esta xornada de benvida repetirase no campus de Pontevedra este xoves, día 5 de setembro, e no campus de Vigo o venres, día 6.   

Durante a visita á cita Esther de Blas, vicerreitora do Campus de Ourense, felicitou á Vicerreitoría de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria “polo éxito de convocatoria” e salientou a oportunidade que ofrece esta iniciativa para que as e os novos estudantes “vaian coñecendo o que teñen aquí á súa disposición e se vaian coñecendo entre eles” pois, lembrou, “empezar na universidade sempre é un reto, un cambio radical”.

Información e ocio

Na praza Monumento Nós do campus de Ourense o numeroso alumnado asisten á xornada puido percorrer de 10.00 a 14.00 horas os diferentes postos habilitados e informarse sobre todo tipo de cuestións “necesarias para desenvolverse na vida universitaria”, desde como conectarse á rede sen fíos universitaria ata como emprender desde as aulas. Concretamente os postos ofrecían información sobre a wifi, correo e teledocencia; aloxamento e transporte; tarxeta universitaria; Biblioteca Universitaria; bolsas e axudas; mobilidade; Centro de Linguas; Área de Normalización Lingüística; Emprego e Emprendemento; Unidade de Igualdade; actividades culturais; Benestar, Saúde e Deporte; delegacións e asociacións de alumnado; voluntariado e atención á diversidade, entre outros. Ao longo de toda a xornada tamén houbo música; actividades científicas e culturais, como unha demostración científica sobre materiais a cargo da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía, e actividades deportivas, ademais dunha charla informativa para o alumnado estranxeiro.

“Dá gusto ver tanta mocidade desexando estudar neste campus. Pola nosa parte queremos que saiban que ademais de estudar teñen a oportunidade durante a súa vida universitaria que desenvolver actividades culturais, deportivas, etc”, explicou Filemón Rivas, responsable de Actividades Culturais do campus de Ourense. Pola súa banda, as e os estudantes que atendían o posto das delegacións de alumnos e alumnas salientaban como esta xornada é unha oportunidade para elas de aconsellar “de ti a ti” e de orientar ás e aos estudantes de novo ingreso. “Chegas moi perdido a primeiro curso e este tipo de actividades permítenche ter información e coñecer xente”, comentaba Carolina Rodríguez, da Delegación de Alumnos e Alumnas de Turismo. Entre a diversidade de postos na xornada non faltou o chamado “punto lila”, no que a Unidade de Igualdade, coa súa directora Águeda Gómez á cabeza, ofrecía información para “favorecer que haxa un ambiente de convivencia libre de violencia machista” na institución académica.

Entre as e os estudantes que se achegaron a estes postos estiveron Sara Chao e Nerea González, que empezan este curso a estudar os graos de Dereito e Enxeñaría Informática e que coincidían en destacar como lles gustaba moito esta xornada de benvida pois “temos moitas ganas de coñecer xente”. Do mesmo xeito, Miguel da Silva, venezolano afincado en Ourense para estudar Enxeñaría Informática, salientaba a “moi boa impresión” que lle casou a visita ao campus nesta xornada de benvida xa que, dixo, “é moi bonito, moi amplo, con edificios modernos e zonas verdes e a xente parece moi contenta de estar aquí”.