DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Novo vídeo da UCC+i coincidindo co Día Internacional da Diversidade Biolóxica

A biodiversidade contada nun minuto

O investigador Luis Navarro alerta de que en 50 anos poden desaparecer un millón de especies

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Divulgación
  • Medio Ambiente
  • Investigación
DUVI 22/05/2019

Segundo datos de Nacións Unidas, nos próximos anos desaparecerá máis do 10% das especies que existen hoxe en día no planeta Terra, estando en perigo de extinción un millón das mesmas. Ante esta realidade, a Unidade de Cultura Científica e da Innovación (UCC+i) da Universidade de Vigo e o director do Laboratorio de Ecoloxía e Evolución de Plantas e responsable de Divulgare, Luis Navarro, colaboraron na elaboración dun vídeo para dar a coñecer entre a sociedade os principais datos relativos á biodiversidade e a necesidade de preservala, xa que, como avanza o investigador nesta peza, "nos próximos 50 anos podemos perder aproximadamente un millón de especies".

Con esta iniciativa, a UCC+i busca conmemorar o Día Internacional da Diversidade Biolóxica, que se celebra hoxe, informando á cidadanía sobre a gravidade do problema e concienciando sobre a importancia de coidar a nosa contorna, grazas á experiencia dun dos expertos en divulgación científica da Universidade de Vigo. En xeral, os científicos falan dunha sexta extinción masiva que, a diferencia das precedentes, non está provocada por fenómenos naturais. E é que como explica Luis Navarro, este proceso “no que xa estamos inmersos é responsabilidade dos humanos, dunha única especie”. Ademais, avisa de que “dende o estamento científico basicamente o que estamos pedindo é que fagamos un uso sustentable e intelixente dos recursos do planeta non tanto por nós, senón polo futuro dos nosos fillos e fillas e das seguintes xeracións”.

O vídeo está dispoñible para visualizar e compartir  nas redes sociais YouTube, Facebook, Twitter, Instagram e LinkedIn. A través deste tipo de iniciativas, a UCC+i, dependente da Vicerreitoría de Comunicación e Relacións Institucionais, trata de mellorar a formación, a cultura e os coñecementos científicos da sociedade, converténdose nun axente fundamental na difusión e divulgación da ciencia e innovación da Universidade de Vigo.