DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Cos profesores Aida García Molares e Ángel Carracedo como madriña e padriño

Bioloxía despide 61 novos egresados e egresadas

O decano amosou a súa preocupación polo envellecemento do PDI o mapa de titulacións

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI 24/06/2019

Nesta recta final de curso as escolas e facultades sucédense na celebración dos actos de despedida das novas promocións de graduados universitarios. Na tarde deste venres foi a quenda da Facultade de Bioloxía, que acolleu o acto de graduación da sétima promoción do seu grao, con 61 novos titulados e tituladas que remata a etapa universitaria. O acto estivo presidido polo reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, que os felicitou polo esforzo e traballo desenvolvido nos últimos catro anos, que lles permitiu chegar a onde están agora. Xunto con el tamén recibiron os parabéns do decano do Colexio Oficial de Biólogos de Galicia, Pelayo Míguez e do decano da facultade, Jesús M. Míguez, que deu a benvida a todas e todos ao “día máis sinalado do ano, o máis bonito e agradable”.

Esta nova promoción elixiu como madriña á profesora Aida García Molares, Departamento de Bioloxía Vexetal e Ciencias do Solo e como padriño ao catedrático de Medicina Legal da Universidade de Santiago de Compostela, Ángel Carracedo. O decano da facultade deulles a noraboa aos estudantes desta sétima promoción que, “con moito esforzo e dedicación están a rematar os seus estudos” e remarcou, lembrando cando lles deu a benvida ao centro catro anos atrás, que “para nós sodes o froito de catro anos de formación, para vos é un desexo de ver cumprida, nunca totalmente, unha vocación tan bonita como a da bioloxía, pola que paga a pena calquera esforzo”. 

Preocupación polo envellecemento do cadro de persoal e o mapa de titulacións

Jesús M. Míguez aproveitou tamén a ocasión para poñer o foco no problema do envellecemento do cadro de persoal do persoal docente e investigador. “Este ano temos varias xubilacións en curso, que deixarán ocos importantes” e, neste sentido, aplaudiu as iniciativas do equipo reitorial por afianzar a incorporación de sabia nova no PDI cos plans de estabilización, pero demandou “que se incorporen canto antes”, porque do contrario “perdemos eficacia e valor nesas novas incorporacións e boa parte dos recursos e medios que xa temos conseguido”.

O decano tamén expresou a súa preocupación polo mapa de titulacións de Galicia. “A diversidade de títulos BIO aumenta de forma extraordinaria, con tendencia acumularse sempre na mesma universidade, deixando a nosa un pouco menguada”, en referencia ao grao en Biotecnoloxía da USC e o “futuro Grao en Bioquímica que está previsto para dentro dun par de anos”. Míguez tamén se referiu ás demandas da Xunta para especializar as titulacións. “Pretenden que nos poñamos apelidos no título”, cando outros títulos noutras univesidades galegas “son concebidos con apelidos e logo cando nace, xa o perden”, en relación a Bioquímica Agroforestal, que finalmente se impartirá como Bioquímica.

Con todo, rematou felicitando á nova promoción e ás súas familias e lembrado que “a nós quédanos un gran recordo voso e espero que vós tamén poidades dicir con orgullo que estudiastes na Facultade de Bioloxía da Universidade de Vigo”.