DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O prazo para presentarse á convocatoria do curso 2018/2019 remata o 29 de xuño

As Bolsas Ourense Exterior buscan cinco residentes no estranxeiro interesados en facer estudos de mestrado no campus

Ademais da matrícula ofrecen unha axuda de 3100 euros para gastos

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Estudantes
DUVI Ourense 05/06/2018

Froito da colaboración entre a Universidade de Vigo, o Consello Social da Universidade de Vigo e a Deputación de Ourense vén de abrirse unha nova edición da convocatoria de Bolsas Ourense Exterior. Nesta ocasión son cinco as prazas que se ofrecen para que residentes no estranxeiro poidan realizar un mestrado no campus de Ourense. As bolsas cobren as taxas de matrícula; unha axuda de 600 euros para gastos de viaxe e outra de 2500 euros para gastos de aloxamento.

A iniciativa está dirixida ao alumnado residente no estranxeiro que se matricule no curso 2018/2019 na modalidade presencial do primeiro curso dos estudos conducentes ao título de mestrado impartidos no campus de Ourense, tendo prioridade as e os ourensáns, galegos ou españois ou as e os seus descendentes ata o segundo grao inclusive, residentes no exterior. O obxectivo destas bolsas, indícase nas bases da convocatoria, é facilitar a mobilidade proporcionando ás persoas beneficiarias “a oportunidade de achegarse á cultura dos seus antepasados e de coñecer en profundidade outro sistema universitario” ao mesmo tempo que se crea “unha ferramenta moi útil co fin de dar a coñecer no eido internacional a oferta educativa de calidade que na actualidade está a ofrecer o campus de Ourense”.

Criterios de concesión

As persoas beneficiarias destas bolsas deben estar en posesión dos requisitos académicos necesarios para acceder á titulación que se pretende cursar e cumprir todos os requisitos específicos establecidos pola Universidade de Vigo, sendo incompatible esta bolsa con calquera bolsa ou axuda para cursar os estudos de mestrado oficial. O proceso de selección levarao a cabo unha comisión. Esta comisión valorará as candidaturas tomando como base a media do expediente académico que dá acceso aos estudos de mestrado; o feito de ser emigrantes ou descendentes de emigrantes ourensáns, galegos ou españois;  a acreditación do coñecemento da lingua galega e a memoria sobre a motivación de estudar no campus de Ourense e a aplicación futura dos coñecementos que adquirirá. O prazo de inscrición está aberto ata o día 29 de xuño de 2018. Unha vez cuberto o impreso de solicitude, o documento presentarase xunto coa documentación necesaria no rexistro xeral ou rexistros auxiliares da Universidade de Vigo ou por calquera outro medio previsto na convocatoria. 

A convocatoria é froito do convenio de colaboración asinado o pasado 8 de maio entre as entidades implicadas e mediante o cal a Deputación de Ourense achega a esta iniciativa 10.000 euros, o Consello Social da Universidade de Vigo 5500 euros e a Universidade de Vigo ata 9000 euros en concepto de taxas de matrícula, a excepción das taxas por servizos administrativos e outros conceptos.