DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Atlantic-POSitiVE, con tres anos de duración, ten un orzamento de 2,3 millóns de euros

Bota a andar o maior proxecto europeo de loita contra a avespa velutina

Vigo participa, xunto cunha trintena de socios de España, Portugal, Francia, Reino Unido e Irlanda

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Medio Ambiente
  • Reitor
  • Investigación
M. Del Río DUVI 03/07/2019

Francia, España e Portugal son os tres países europeos máis afectados pola invasión da avespa velutina, especie invasora introducida accidentalmente en Europa hai máis dunha década procedente do sudeste asiático. Actualmente atópase practicamente en todas as rexións da área atlántica e representa unha ameaza para a biodiversidade xa que é un importante depredador de abellas e outros polinizadores. Ata o de agora non se ten atopado unha solución que axude a controlar esta crecente ameaza pero unha nova iniciativa internacional tratará de estudar os seus procesos de expansión e desenvolver medidas de control. Atlantic-POSitiVE (Conservation of Atlantic Pollination services and control of the invasive species vespa velutina) é o maior proxecto de investigación posto en marcha en Europa para frear a avespa asiática, cun orzamento de máis de 2,3 millóns de euros e a implicación de dez institucións de España, Portugal, Francia, Irlanda e Reino Unido e a colaboración doutros vinte organismos, entre eles asociacións de apicultores de varios puntos de España, Portugal e Francia.

Á fronte do proxecto está o Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia Norte de Portugal, CEER, en colaboración coas universidades de Vigo e Santiago de Compostela, a Dirección Xeral de Patrimonio Natural, o Instituto Vasco de Investigación y Desarrollo Agrario, o Instituto Nacional de Investigação Agrária e Veterinária, a Universidade de Trás-os-montes e Alto Douro, o Institut National de la Recherche Agronomique, a University College Cork e a University of Exeter. O proxecto está cofinanciado polo programa Interreg Atlantic Area, sendo a Universidade de Vigo a institución que xestionará a maior partida, con 470.095,48 €. 

Este mércores, coincidindo coa primeira xuntanza do consorcio no campus de Vigo, presentouse publicamente a iniciativa, que o reitor vigués Manuel Reigosa cualificou como “un proxecto de grande interese social e económico para toda a área atlántica”, destacando o seu carácter internacional e multidisciplinar e facendo fincapé na colaboración entre universidades de Galicia e o norte de Portugal. Para Alberto Moreira Baptista, pro-reitor para a Área dos Projetos Estruturantes da UTAD, é esencial esta colaboración transnacional, “xa que a avespa velutina non ten fronteiras”. No acto estiveron presentes tamén dous dos investigadores do proxecto, Sandra Rojas, do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal da Universidade de Vigo e Xulio Maside, do Deparatamento de Ciencias Forenses, Anatomía Patolóxica, Xinecoloxía e Obstetricia e Pediatría da Universidade de Santiago de Compostela, xunto con Valerià Paül, director Fundación CEER que lembrou que esta iniciativa é froito de “esforzos para coordinar as colaboracións previas das universidades e artellar un consorcio internacional, no que tamén están stakeholders, actores sociais e administracións públicas”.

Preservar as especies autóctonas e frear o avance da velutina

A investigadora da Universidade de Vigo Sandra Rojas explicaba na presentación que o obxectivo do proxecto é “contribuír á preservación dos servizos de polinización a través do desenvolvemento de métodos conxuntos en toda a área atlántica ao tempo que se tratará de frear a expansión da velutina e, en especial, de minimizar os impactos desta especie invasora ten sobre os ecosistemas, sobre as actividades económicas e sobre a sociedade en xeral, xa que é un importante disruptor das actividades da contorna rural”. A experta remarcou que se trata do proxecto máis importante posto en marcha ata agora, implicando 32 institucións tanto dos tres países máis afectados pola avespa asiática, como doutros dous que poden estalo no futuro. O investigadora da USC Xulio Maside lembra que a finalidade é tratar de coñecer “cales son os condicionantes biolóxicos que explican a evolución desta invasión para despois poder contestar ás preguntas que nos fai a sociedade sobre en que medida a chegada deste organismos vai afectar ás nosas vidas”. 

O 20% dos ingresos dos apicultores destínanse á loita contra a velutina

Nesta iniciativa a Universidade de Vigo implícase a través de dous grupos de investigación. Por unha banda, o Grupo de Bioloxía Ambiental, que se encarará, como explica Rojas, “de avaliar os impactos da avespa velutina sobre a polinización, mellorar os métodos de control e a detección de niños empregando sistemas de radiotelemetría e trampas con cebos específicos”. Por outra banda, o Grupo de Aerobioloxía e Apicultura centrarase “no estudo da dieta do avespón, o estudo do ciclo anual e a súa relación coas condicións meteorolóxicas e ambientais e comparará técnicas para o manexo das colmeas en zonas invadidas para axudar a reducir o impacto desta especie invasora sobre as abellas da mel e a apicultura”.

Dende a USC abordarán o impacto económico desta invasión, extrapolando un estudo previo feito na provincia da Coruña, que apunta que os apicultores invisten o 20% dos ingresos do mel en métodos de loita. Tamén estudarán as pautas e factores ambientais e biolóxicos que determinan a propagación da praga e a súa densidade, e colaborarán coa UVigo no deseño de métodos que permitan minimizar a poboación de velutinas cun mínimo impacto ecolóxico nas poboacións autóctonas, xa que os que se empregan actualmente, “como os insecticidas ou explosivos son perigosos para o ecosistema”, lembraba Xulio Maside. O profesor da USC destacaba que o sistema máis efectivo e respectuoso coa contorna “son as trampas eléctricas” que atrapan ás velutinas pero deixan pasar a especies de menor tamaño. Unha cuarta liña de traballo céntrase nos estudos biolóxicos que poden explicar o éxito desta invasión, poñendo a proba algunhas hipóteses previas, “ como o feito de que as comunidades de parasitos que afectan ás especies invasoras poden ser moito máis reducidas que os parasitos que afectan ás especies autóctonas”.

Obxectivos específicos do proxecto

Entre os obxectivos de Atlantic-POSitiVE, no eido tecnolóxico fixouse a realización dun radioseguimento da vespa velutina ata os seus niños, desenvolvemento dun software para rexistrar o movemento das especies e dunha web colaborativa para as xestións relacionadas coa velutina, así como unha plataforma de predición en liña para a avaliación dinámica do risco de invasión e ferramentas estatísticas e tecnolóxicas para monitorear os cambios na súa distribución. Do mesmo xeito, os expertos e expertas crearán un protocolo para a captura, rastrexo e vixilancia radioeléctrica de individuos de velutina, metodoloxías para a localización de niños e unha análise molecular de parasitos que poidan afectar a esta invasora e mecanismos para a súa distribución. Tamén se realizará un congreso científico internacional e unha campaña educativa e, tendo en conta a participación no proxecto de dous países que aínda non están afectados por esta invasión, tamén se traballará dende o eido da prevención, realizando un plan de acción contra a propagación en Reino Unido e Irlanda, así como sesións de formación para os apicultores irlandeses e británicos e o persoal da administración pública.

Vídeo da rolda de prensa