DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A iniciativa do persoal da biblioteca será, a partir de agora, bimensual

As bruxas enchen a biblioteca de Torrecedeira no primeiro ‘reseñas’ do curso 

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Cultura
  • Publicacións
  • Cultura
DUVI 15/10/2019

Tras a boa acollida da pasada edición, o persoal da biblioteca de Torrecedeira volve poñer en marcha o seu proxecto reseñas. Na programación prevista para o curso 2019/2020 novas e novos colaboradores abordarán, a través de seis libros e diferentes instalacións, algúns dos  temas máis candentes da actualidade, co obxectivo de crear un espazo de lectura, pensamento e reflexión aberto a toda a comunidade universitaria para publicitar e estimular o bo uso e manexo dos recursos, fontes de información e servicios que ofrece a biblioteca. Cada mes as e os promotores de reseñas proporán un libro de lectura e arredor del desenvolveranse unha serie de actividades e crearanse instalacións, coa finalidade de espertar a curiosidade e a inquietude das e dos usuarios da biblioteca por temas de reflexión, investigación e cultura, ao tempo que se difunden os fondos bibliográficos propios. 

“Dende os inicios do proxecto realizáronse nove recensións e 128 publicacións en Instagram, conseguindo 474 seguidores do noso proxecto”, explica Aser Fernández, técnico especialista da biblioteca de Torrecedeira. Estes resultados, que cualifican os promotores da iniciativa de moi positivos, animáronos a continuar co proxecto reseñas, pero cunha periodicidade bimensual. “Un dos comentarios que recibimos é que as instalacións e a información fluía demasiado rápido e que merecía a pena aumentar a duración das reseñas e as instalacións”, sinala o técnico da biblioteca.

Nova programación bimensual que arranca con Caliban y la bruja

reseñas.10 inaugurouse este mes de outubro co libro Calibán y la bruja: mujeres, cuerpo y acumulación originaria (2010), da escritora, profesora e activista feminista italo-estadounidense Silvia Federici, que reflexiona nesta obra sobre a violencia física e económica exercida sobre o corpo e a mente da muller. Así mesmo, púxose en funcionamento un blogue sobre bruxería, desenvolvido pola técnica especialista da biblioteca de Filoloxía Ana Bande, que tamén agasallou á biblioteca de Torrecedeira con dous volumes relacionados coa temática de bruxería, que serán sorteados por Instagram

Na programación deste curso están previstas seis novas recensións e instalacións con diferentes visións sobre temas de actualidade, como a evolución dos símbolos matemáticos e a súa presenza nos nosos días, a  memoria e a represión, o cambio climático, a herdanza do mundo clásico no noso tempo ou o lecer e o negocio do turismo. “Facemos una selección de libros na procura da transversalidade das diferentes temáticas que se poidan tratar coa lectura do libro recensionado”, sinala Aser Fernández. Ademais este ano, as e os organizadores queren ampliar o número de colaboracións, polo que calquera persoa interesada pode poñerse en contacto coa biblioteca de Torrecedeira para realizar unha proposta de recensión ou mesmo facer calquera tipo de suxestión.