DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A novena edición comprendeu 19 ponencias de especialistas nacionais e internacionais

O Café con Sal baixa o pano dun ano repleto de divulgación da investigación mariña

A derradeira conferencia centrouse nos desafíos causados ás pesqueiras polo cambio climático

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Medio Ambiente
  • Investigación
M. Del Río DUVI 26/11/2019

Tras dezanove relatorios sobre os retos actuais da investigación mariña, o ciclo Café con Sal baixou estes martes o pano da súa novena edición coa intervención de Iratxe Rubio, investigadora do Future Oceans Lab (CIM-UVigo) e do Centro Vasco para o Cambio Climático. Nestes últimos doce meses, pola Estación de Ciencias Mariñas de Toralla pasaron algúns dos especialistas máis relevantes en diferentes eidos da oceanografía xunto con investigadores e investigadoras emerxentes, tanto da Universidade de Vigo como doutros centros de I+D de España e doutros países como Chile, Reino Unido ou Italia.

Deste xeito o ciclo encara xa a preparación da que será a décima edición, completando así unha década como punto de encontro entre investigadores, alumnos e profesionais do sector do mar co fin de compartir coñecementos, xerar debates e novas ideas que sirvan de xerme de posibles colaboracións. 

Aforo estable e debates activos

Alba Hernández, responsable de comunicación e divulgación do CIM, subliña que a valoración das 19 conferencias desta novena edición, tanto en relación ao nivel dos poñentes e asistentes como dos organizadores, “é cada ano mellor, pois a asistencia non deixa de aumentar”. Este 2019 foron 371 as persoas que participaron no ciclo, entre persoal investigador da Universidade, doutros centros de investigación como IEO, IIM ou Cetmar e mesmo de empresas e entidades gubernamentais relacionadas coas ciencias mariñas, como por exemplo a Consellería do Mar. O aforo é estable, explica Hernández, “e os debates acostuman a ser moi activos e dinámicos e o coñecemento dos ámbitos de traballo de cada unha das persoas que nos cruzamos polos corredores da Ecimat axuda en gran medida á colaboración entre o persoal e ao mellor desempeño dos servizos do centro de investigación”. A isto súmase que os relatorios son emitidos en director a través de UVigo-Tv e tamén se poden consultar en calquera momento no seu repositorio.

Sobre os contidos, os temas que espertan máis interese son os transversais, “que poden ser aplicados a moitos campos distintos da investigación mariña”. A pesar de que a temática adoita ser o motivo polo cal os asistentes deciden achegarse ao salón de actos da Ecimat, remarca a responsable de Divulgación que outro factor decisivo é o propio poñente, “que arrastra seguidores polo seu percorrido científico, a súa colaboración con outras entidades, a súa experiencia como orador/a ou incluso pola súa capacidade persoal de atraer ao público”. 

Preparando a décima edición

Alba Hernández explica que na Ecimat xa están a traballar no programa da décima edición, “que tratará de dar cabida a todos os axentes implicados e/ou interesados na investigación mariña na nosa cidade ou na nosa contorna”. Tampouco se deixará de lado a vertente internacional, “realizando aquelas conferencias dirixidas a un público mais especializado  en inglés e invitando a poñentes estranxeiros que acoden á Ecimat a desenvolver os seus experimentos”. 

O cambio climático, protagonista da derradeira sesión

A derradeira das sesións desta edición tivo lugar este martes co relatorio de Iratxe Rubio, estudante de doutoramento do Future Oceans Lab (CIM-UVigo) e do Centro Vasco para o Cambio Climático, que presentou algúns dos desafíos causados ás pesqueiras internacionais polo cambio climático coa charla Impacts of climate change on tropical tunas, how can we adapt an international fishery?.

Na súa tese de doutoramento, Rubio aborda os impactos espaciais e as opcións de adaptación ao cambio climático nas pesqueiras internacionais desde unha perspectiva holística, social e ecolóxica. O seu traballo englóbase dentro do proxecto CLOCK (Climate Adaptation to Shifting Stocks), dirixido por Elena Ojea (FOL, CIM-UVigo) en colaboración co Centro Vasco para el Cambio Climático (BC3), e financiado por unha ERC Starting Grant. O proxecto ten como obxectivo identificar e comprender os novos desafíos impostos polo cambio climático nos sistemas mariños e desenvolver un marco de adaptación que integre a xestión pesqueira no contexto dos sistemas socioecolóxicos, co fin de garantir a sustentabilidade dos recursos e dos medios de vida a longo prazo.

Fronte aos impactos do cambio climático xa observados na pesca, explicou que se agarda que a mellora e comprensión da capacidade de adaptación dos sistemas socioecolóxicos (SES) proporcione vías de desenvolvemento resilientes ao clima. Na súa intervención, a científica presentou como as opinións sobre as necesidades de capacidade de adaptación das diferentes organizacións dun SES pesqueiro internacional están relacionadas coa súa conectividade e organización social. Isto permite explorar en que dominios das accións de adaptación adaptativa é probable que teñan maior influencia e que organizacións poderían facilitalos, o cal é crucial á hora de adaptarse ao cambio climático.