DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A entrada do edificio Politécnico acolle unha mostra sobre esta cuestión

Cal é a escusa dos clientes para non rachar a cadea da prostitución?

Nela varios homes explican por que recorren ao sexo de pago

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Cultura
  • Democracia
  • Igualdade
  • Institucional
DUVI Ourense 10/10/2018

A entrada do edificio Politécnico do campus de Ourense acolle esta semana a mostra Escusas, unha iniciativa de Médicos do Mundo que aborda o fenómeno da prostitución pondo o foco de atención nos argumentos dos demandantes de prostitución para consumir sexo de pago. A exposición recolle testemuños reais de homes que explican por que compran sexo e mulleres en situación de explotación sexual que expresan o que elas opinan deses homes.

A mostra percorre estas semanas os tres campus da Universidade de Vigo co apoio da Unidade de Igualdade da institución académica e co gallo do Día Internacional contra a Explotación Sexual e a Trata, o 23 de setembro. “O estado español é o país europeo onde hai máis consumo de sexo comercial, estimándose que cada vez aumenta máis entre os homes máis novos. Esta exposición invita á reflexión sobre por que os mozos acoden a estes espazos prostitucionais, e no caso do alumnado universitario, convídao a utilizar as súas ferramentas de pensamento crítico para analizar este fenómeno”, comenta Águeda Gómez, directora da Unidade de Igualdade.

A visión deles e delas

Con fotografías de Fernando Velasco, a mostra está composta por nove paneis cos que se pretende visibilizar “a un dos actores principais do fenómeno da prostitución, explotación sexual e trata de persoas, como é o cliente de prostitución”. Algunha das "escusas" recollidas nos paneis son que “ligar custa moito traballo e ademais non tes ningunha garantía de éxito. Aquí en cinco ou dez minutos desafógaste e vaste”; “sempre que fun foi en despedidas de solteiro, aniversarios ou cando gana o meu equipo”; “eu fun por curiosidade, para probar, e se o grupo vai eu non me vou quedar fóra” ou “vou por negocios, para firmar contratos e gratificar en especie”.

Fronte a estas “escusas”, na exposición faise fincapé en que “o sexo de pago é imposible de conseguir sen a explotación sexual de mulleres e nenas que manteñan esta oferta en cantidade e variedade” e recolle tamén o que pensan as mulleres vítimas da prostitución. Elas falan de como os seus clientes “pagan por liberar a súa agresividade”; “non nos compran a boca, a vaxina ou as tetas, cómprannos o dereito a humillarnos” ou “non o vivo como un traballo senón como unha violación detrás doutra”.