DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A idea do poder centrou un seminario en CCSS e da Comunicación do profesor John Holloway

Cambiar o mundo desde as relacións persoais

O docente compartiu coloquio con investigadores do Observatorio da Gobernanza

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Congresos e xornadas
  • Divulgación
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 25/04/2019

“Moitas veces, nas discusións sobre o que está pasando, sobre as posibilidades de cambio, todo se enfoca nos estados e se queremos pensar no poder, realmente non hai que empezar polos estados, hai que empezar polas relacións sociais, co feito, sobre todo, de que as relacións sociais están mediadas polo diñeiro”. Deste xeito introducía o profesor da Universidad Autónoma de Puebla mexicana John Holloway a reflexión sobre a idea do poder que este xoves centrou un seminario con investigadores da Área de Ciencia Política e da Administración-Observatorio da Gobernanza G3 celebrado na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. Froito da colaboración entre da Universidade e a Semana Galega de Filosofía, na que Holloway impartiu este martes unha conferencia, este avogado e doutor en Ciencias Políticas natural de Dublín puxo o foco neste seminario na importancia de vincular a idea de poder co diñeiro e defendeu que cambiar o mundo pasa por “desmercantilizar” as relacións entre as persoas, “construíndo outras formas de facer as cousas”.

O investigador Enrique Varela foi o encargado de introducir a Holloway, autor de libros publicados en máis de dez idiomas, nunha actividade dirixida a debater sobre “o poder social, político e administrativo en América Latina e no mundo”, promovendo un espazo “unha reflexión aberta e colaborativa”, que tivo como punto de partida a diferencia “entre o poder facer e o poder sobre” que Holloway abordaba no seu libro Cambiar el mundo sin tomar el poder (2002). “Cando se fala poder en departamentos de socioloxía, non se fala de diñeiro e cando se fala de diñeiro en departamentos de economía, non se fala de poder”, apuntou Holloway nun coloquio no que puxo o foco nesa “abstracción da cuestión do diñeiro, cando sabemos que realmente é un poder presente todo o tempo nas nosas vidas, que vai estruturando o que facemos”. Nese senso, o investigador, que foi tamén profesor no Departamento de Política da Universidade de Edimburgo, defendeu que “se queremos cambiar o mundo, en lugar de enfocarnos no estado, en tomar o poder estatal, temos que facelo máis ben nas relacións entre a xente, nas relacións cotiás”. 

Un punto de partida cotián 

“Se tomamos o control do estado e aínda estamos no mundo do capital, realmente desde o estado non se pode facer gran cousa, xa que depende dos seus ingresos, da súa capacidade de promover a acumulación do capital”, sostivo Holloway, para quen o punto de partida para “cambiar o mundo” pasa por distanciar a idea do diñeiro das relacións persoais, “o que pode parecer unha tolemia, pero que realmente é algo que todos tratamos de facer ata certa medida na nosa vida cotiá”. Nese senso, o profesor aludiu ás relacións de parella ou as relacións coas amizades, que “un nunca quere que se vexa afectada demasiado polo diñeiro”, como exemplos dun intento de crear “un espazo desmonetizado na medida do posible”, que á súa vez constitúe o punto de partida dalgo que “máis e máis xente está tratando de facer por decisión consciente ou simplemente por necesidade, construíndo outras formas de vivir e outras formas de decidir”. Trátase, explicou, de accións froito tanto de “decisións individuais e colectivas”, como de “movementos moito máis grandes” que tratan de “construír outras relacións nos seus territorios”, aspecto no que fixo referencia a “dous exemplos obvios que serían os zapatistas en México e o movemento kurdo”. 

Con esa reflexión sobre o poder como punto de partida, o seminario abordou tamén unha “reflexión sobre as propias institucións”, incluída á universitaria, como apuntou Varela, quen incidiu na necesidade de “recuperar espazos individuais e colectivos para tratar de saír desta crise sistémica na que estamos instalados”, unha crise que ao seu xuízo ten un carácter institucional. “A conclusión lévanos a facer unha crítica, obviamente académica, pero unha crítica do momento no que vivimos, e no que hai que debater sobre as estruturas, os procesos e o noso papel como individuos responsables”, engadiu Varela, quen, por outra banda, na tarde deste mércores encargábase de introducir ao catedrático da Universidade de Coímbra Boaventura de Sousa Santos, na presentación do seu libro Aprendizaxes globais descolonizar, desmercantilizar e despatriarcalizar desde epistemoloxías do Sur, que tivo lugar na sede da Vicerreitoría do campus, tamén dentro das actividades da XXXVI Semana Galega de Filosofía.

A revolución portuguesa e a transición española

A Área de Ciencia Política e da Administración-Observatorio da Gobernanza é así mesmo responsable da mesa redonda que o vindeiro luns, ás 20.00 horas, abordará na sede da Vicerreitoría a influencia da Revolución dos Caraveis portuguesa, que se conmemora este 25 de abril, coa Transición española. Coordinado polo profesor Álvaro Xosé López Mira, este coloquio aberto ao público contará coa participación do almirante portugués retirado Martins Guerreiro, que como membro do Movemento das Forzas Armadas (MFA) tomou parte activa na revolución portuguesa de 1974, e o coronel retirado do exército español Xosé Fortes, quen foi un dos fundadores da Unión Militar Democrática.