DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A décima edición desta iniciativa xuntou a pasada semana máis de 120 obxectos

As campañas de recollida de RAEEs permitiron este curso reunir máis de 400 aparellos 

Trátase dunha actividade inserida no proxecto Green Campus

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Medio Ambiente
  • Institucional
DUVI Pontevedra 04/06/2019

Contribuír á concienciación da comunidade universitaria da importancia que ten un correcto tratamento dos RAEEs (Residuos de Aparellos Eléctricos e Electrónicos), dado o carácter contaminante dalgún dos seus compoñentes, é o obxectivo central da Semana de Recollida destes residuos que a Vicerreitoría promove dentro do proxecto Green Campus. Unha campaña que a pasada semana alcanzou a súa décima edición, na que nos postos de recollida situados nas diferentes facultades e escolas reuníronse un total de 121 aparellos, que sumados aos 163 reunidos na edición que tivo lugar en febreiro e aos 152 da levada a cabo en outubro fan que sexan un total de 436 os aparellos que funcionan con electricidade, pilas ou baterías reunidos no presente curso no marco desta iniciativa inserida no plan de acción do Green Campus.

Rematada a campaña, que se estendeu ata o pasado venres, procedeuse á revisión e separación dos obxectos depositados nos postos situados nas cinco facultades e escolas do campus, na Escola Infantil e na sede da Vicerreitoría. Aqueles que sexan susceptibles dun novo uso serán trasladados ao Grupo de Reciclaxe Informático da Universidade (Gruvi), mentres que os restantes son retirados para o seu traslado a unha empresa autorizada para o tratamento deste tipo de residuos.

Maior participación na EE Forestal e CCSS e da Comunicación

Pantallas, ordenadores, teléfonos móbiles, impresoras, cafeteras, microondas ou un aspirador, foron múltiples os obxectos depositados entre o 27 e o 31 de maio nos diferentes puntos de recollida instalados no campus, de entre os que o da Escola de Enxeñaría Forestal destacou como o máis participativo. Nesta escola depositáronse un total de 68 aparellos, mentres que outros 22 reuníronse na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. Estes dous centros foron así mesmo os puntos con maior participación nesta campaña nas dúas edicións celebradas previamente neste curso. Concretamente, CCSS e da Comunicación reuniu 63 e 59 aparellos, respectivamente, na oitava e novena edición desta semana, mentres que na EE Forestal xuntáronse 38 e 47 RAAEs.