DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Cristina Rubal e Arancha Álvarez foron as gañadoras

O campus acolle unha mostra de obras do XV Certame de Fotografía da Universidade

A exposición estará na biblioteca universitaria ata o 26 de xaneiro de 2019

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Cultura
  • Premios
  • Cultura
DUVI Ourense 20/12/2018

A finais de setembro fíxose público o nome das e dos gañadores dos Concursos Universidade de Vigo’18, entre os que está a modalidade de fotografía. Desde o 17 de decembro e ata o 26 de xaneiro de 2019, a Biblioteca Rosalía de Castro do campus de Ourense acolle unha mostra de obras do XV Certame de Fotografía da Universidade de Vigo. Na exposición, organizada pola Vicerreitoría de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria e a Vicerreitoría do Campus de Ourense, as e os usuarios do centro poden ver tanto as obras premiadas nas diferentes categorías como unha selección das pezas presentadas.

Neste certame repartíronse un total de catro premios. Na modalidade Serie o primeiro premio, dotado con 600 euros, foi para Cristina Rubal, estudante do Grao en Belas Artes no campus de Pontevedra, polo traballo Reflejos de Luz, un proxecto baseado na fotografía dixital de fragmentos de nus femininos en branco e negro como medio para transmitir diferentes emocións e sensacións. No caso da modalidade de Fotografía Única o xurado outorgoulle o primeiro premio -400 euros- a Inocencia de Arancha Álvarez. Os segundos premios foron para Dennise Sánchez por Verde Monte Muerte, en serie fotográfica, e Dimorfismo, de Anubis Muñoz, en categoría de fotografía única.

A exposición das imaxes galardoadas e seleccionadas do certame é unha tradición no campus de Ourense, facéndose cada ano a mostra de obras da última edición do concurso. Ata este ano, a exposición, a única que se realiza destas imaxes, facíase coincidindo coa celebración do Outono Fotográfico, que este ano decaeu. O obxectivo de expor ao público as imaxes galardoadas e seleccionadas, comentan desde a organización da iniciativa, é contribuír a valorizar e visibilizar o talento que hai na Universidade de Vigo e as obras que pasan a formar parte do seu patrimonio cultural.