DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A competición terá lugar o sábado 16 de xuño ás 12.30 h

O campus acolle o Torneo Internacional de Rugby Sub-14

Coa participación de equipos de Braga, Hospitalet e Ourense

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Deportes
Rosa Tedín DUVI Ourense 15/06/2018

Este sábado, 16 de xuño, as instalacións deportivas do campus de Ourense acollerán a celebración do Torneo Internacional de Rugby Sub-14, unha cita organizada polo Campus Universitario Ourense de rugby. A iniciativa enmárcase na liña de traballo deste club de fomento da práctica deste deporte entre as xeracións máis novas. A competición, de acceso libre ás persoas interesadas, comezará ás 12.30 h e consistirá nun triangular entre os equipos Rugby Club l´Hospitalet, de Barcelona; Braga Rugby, de Portugal, e o propio Campus Universitario Ourense. 

A cita foi presentada este venres no campus de Ourense por Esther de Blas, vicerreitora do campus de Ourense; Juan Carlos Rodríguez, presidente do Campus Universitario Ourense de Rugby, e Manolo Delgado, do equipo de Hospitalet. Salientando como “sempre é bo fomentar o deporte porque contribúe á saúde física e mental das persoas”, a vicerreitora de campus destacou a importancia de fomentar os valores do deporte, neste caso entre a mocidade. Segundo explicou Juan Carlos Rodríguez, a idea de acoller esta cita en Ourense foi a proposta do equipo catalán, idea que foi ben acollida polo club ourensán co obxectivo de mudar o feito de que “esta categoría non a temos moi desenvolvida”. Neste senso, David Monreal, adestrador do Campus Universitario Ourense de rugby, lembrou como foi no club catalán onde el iniciou a súa traxectoria no rugby, polo que destacou a súa satisfacción por acoller en Ourense esta cita. Por último, Manolo Delgado agradeceu o recibimento feito e gabou o traballo feito polo club ourensán para a organización deste torneo.