DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A formación desenvolverase de xeito on-line do 7 ao 16 de abril

O campus acollerá un curso de análise e seguimento de valores en bolsa

Organizado polo Departamento de Economía Financeira e Contabilidade

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Universidade e empresa
  • Académica
DUVI Ourense 17/03/2021

Desde hai 18 anos, o Departamento de Economía Financeira e Contabilidade organiza no campus de Vigo un curso de introdución á bolsa que conta cunha grande aceptación. Seguindo a súa estela, póñese agora en marcha o I Curso de Análise e Seguimento de Valores Bolsistas, que aínda que se desenvolverá de xeito on-line está especialmente dirixido aos membros da comunidade universitaria do campus de Ourense, onde se agarda que se converta en presencial en vindeiras edicións, cando a pandemia o permita. O obxectivo desta formación, que se celebrará do 7 ao 16 de abril, é “potenciar tamén neste campus a formación e incrementar a cultura financeira no investimento de valores de renda variable (Ibex35, Euro Stoxx 50, Dow Jones 30, S&P 500 e resto de mercados financeiros)”.

A actividade forma parte dos cursos de formación da Vicerreitoría de Ordenación Académica e Profesorado da Universidade de Vigo e está dirixida polos profesores do Departamento de Economía Financeira e Contabilidade Julio Pombo (da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense) e José Luís Sáez Ocejo (da Escola Universitaria de Estudos Empresariais do campus de Vigo). No curso, explican os seus responsables, “tratarase con carácter introdutorio diversos aspectos relacionados coa bolsa de valores, desde o estudo básico do que é e significa a bolsa no mercado financeiro español ata o funcionamento do mercado e as principais estratexias de investimento orientadas ao estudo da análise fundamental e análise técnica (tanto con valores de renda variable como o mercado de derivados)". Así mesmo, engaden, “ofrecerase unha visión do panorama actual do mercado financeiro, argumentando as posibles decisións de investimento futuras nos mercados bolsistas”.

Aumentar a cultura financeira

O curso terá unha duración de 32 horas (16 horas teóricas e 16 prácticas) podendo o alumnado da Universidade de Vigo convalidar o curso con 1,1 crédito ECTS.  As sesións do curso desenvolveranse en horario de tarde e mesturarán conferencias e sesións prácticas, apoiadas co uso de novas tecnoloxías. A docencia será a través do Campus Remoto da UVigo debido ás medidas de loita contra a pandemia. Neste senso, os responsables da iniciativa subliñan que “este curso, aínda que se desenvolve virtualmente, está dirixido primordialmente ao alumnado do campus de Ourense e nace co obxectivo de que se consolide neste campus e se poida realizar presencialmente no futuro”. En todo caso, indican, o curso está aberto á matrícula dos membros da Universidade de Vigo pero tamén a persoas alleas a ela, a “profesionais particulares ou calquera persoa interesada en aumentar a súa cultura financeira”.

O cadro de profesorado do curso contará, segundo indican desde a súa organización, “con profesionais do sector que achegarán a súa experiencia no mercado de valores, á vez que profesores do Departamento de Economía Financeira e Contabilidade da Universidade de Vigo, que de modo introdutorio e cunha linguaxe sinxela introducirán aos interesados e interesadas nesta disciplina”. Entre os profesionais do sector estará como docente Pablo Iglesias, xestor de patrimonios. O prazo de inscrición e matrícula finaliza o mesmo día de inicio do curso, é dicir o 7 de abril (ás 14.00 horas) e pódese efectuar a través da plataforma de virtual Bubela da Universidade de Vigo. O prezo da matrícula é de 100 euros para a comunidade universitaria e 120 para os demais colectivos.