DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A cita terá lugar este sábado 26 de novembro

O campus acollerá as III Xornadas de Enfermaría do Traballo de Galicia

Organizadas pola Escola Universitaria de Enfermaría de Ourense e AETGA

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Académica
DUVI Ourense 24/11/2022

O edificio Politécnico campus de Ourense acollerá este sábado, 26 de novembro, a celebración das III Xornadas de Enfermaría do Traballo de Galicia, organizadas pola Escola Universitaria de Enfermaría de Ourense, centro adscrito da Universidade de Vigo, e a Asociación de Especialistas en Enfermaría do Traballo de Galicia (AETGA). Nelas “abordaranse diversas actuacións de éxito lideradas pola enfermaría do traballo en distintas empresas nas que se amosa o papel fundamental destes profesionais para a mellora da saúde e benestar da poboación traballadora”.

Nas xornadas, que levan por lema O valor engadido da enfermaría do traballo nas organizacións, sinalan desde a súa organización, “tamén se tratarán temas importantes para o desenvolvemento desta especialidade en Galicia, como a necesidade da creación dunha materia troncal de enfermaría do traballo dentro dos plans de estudos do Grao en Enfermaría, a importancia da creación das Unidades Docentes de Enfermaría do Traballo en Galicia, e a necesidade de implementar a investigación no quefacer diario de enfermaría do traballo para o desenvolvemento desta especialidade e mellorar o coidado integral da saúde da poboación traballadora".

Poñendo referentes

O número de persoas inscritas supera, segundo indican desde a organización, os 120, contando con profesionais da enfermaría do traballo de diferentes puntos da xeografía estatal, profesionais da enfermaría doutras especialidades e estudantes deste grao. Neste senso, as xornadas teñen o apoio, entre outras entidades, do Colexio Oficial de Enfermaría de Ourense e do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia. A actividade ten como obxectivo dar a coñecer á poboación en xeral, e ás organizacións públicas e privadas en particular, o valor engadido dos profesionais de enfermaría do traballo nas organizacións; amosar á comunidade universitaria a importancia que ten a formación en saúde laboral nos programas de estudo do Grao en Enfermaría; e visibilizar a importancia e necesidade da formación de especialistas en enfermaría do traballo en Galicia.

Con estes obxectivos de fondo, o programa inclúe tres mesas con dez especialistas “referentes da enfermaría do traballo nacional” e que desenvolven o seu traballo en grandes empresas ou entidades. Arredor da formación e a investigación en enfermaría do traballo, na xornada falarase da presenza desta especialidade nos plans de estudo; da importancia respecto a ela da residencia e da investigación. As e os asistentes tamén terán unha introdución ao mindfulnes e á psicoloxía positiva. No ámbito do valor engadido desta enfermaría nas organización, as e os relatores abordarán cuestións como as campañas de promoción da saúde nas empresas; o valor engadido desta enfermaría nos servizos de prevención alleos e o seu labor de coidado, fomento e promoción da saúde e de buscar unha “empresa saudable”. Igualmente abordarase o valor desta especialidade como parte da cultura dunha organización.