DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O primeiro deles xa ten aberto o seu período de matrícula

O campus acollerá tres cursos de monitores de tempo libre

Trátase dunha actividade formativa da escola universitaria Estou

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Asociacións de Estudantes
  • Estudantes
DUVI Ourense 15/01/2020

A programación formativa da Escola Universitaria de Tempo Libre do Campus de Ourense (Estou) póñese en marcha neste 2020. No que resta de curso académico, a entidade, ao abeiro da Asociación da Universitaria de Ciencias da Educación Auce, celebrará tres edicións do seu Curso de monitores e monitoras de actividades de tempo libre. O primeiro deles xa ten aberto o seu período de matrícula.

“A Escola de Tempo Libre ofertará cursos de monitoras nos meses de xaneiro, xuño e xullo. Este curso é un dos máis recoñecidos pola súa calidade na comunidade galega. Ademais, de cara a facelo máis accesible, pode ser cofinanciado coa moeda social, na que se cambia parte da matrícula por unha contribución en tempo ao traballo asociativo”, explica o educador social Millán Brea en nome da entidade organizadora. O primeiro dos cursos impartirase as fins de semana de febreiro, marzo e abril e o segundo e terceiro terá un carácter intensivo, desenvolvéndose durante un mes cada un deles en horario semanal. En cada curso, 25 persoas teñen a oportunidade de aprender a dinamizar todo tipo de colectivos, desde menores ata maiores. A formación, que consta de 350 horas, 200 delas teóricas e 150 prácticas, desenvólvese nas instalacións do campus de Ourense e a súa contorna.

Enfoque de empregabilidade

A docencia do primeiro Curso de monitores e monitoras de actividades de tempo libre de 2020 terá lugar os venres, sábados e domingos dende o 7 de febreiro ata o 5 de abril. Na docencia deste e dos demais cursos participarán non só profesionais do eido educativo ou da intervención social senón tamén profesionais do eido da historia ou do turismo e persoas que teñen un papel activo na entidade organizadora. Cun enfoque principalmente práctico e orientado á empregabilidade dos participantes, os contidos que se abordarán ao longo da formación abranguen todo tipo de actividades destinadas á animación sociocultural e do tempo libre, como xogos tradicionais, grandes xogos, veladas, rutas interpretativas, obradoiros de reciclaxe, actividades na natureza e deportivas, expresión musical e corporal, primeiros auxilios, educación para a saúde, animación á lectura, psicosocioloxía, educación en valores, lexislación e saúde ambiental, entre outras cuestións.  “Facemos de todo, incluíndo saídas, animación deportiva, obradoiros de globoflexia, tintado de camisetas, bailes modernos e visitas a entidades de carácter social co obxectivo de que coñezan espazos relacionados coa intervención social onde facer as prácticas relacionados do curso”, comentan desde a organización.

O perfil de inscritas e inscritos en anteriores edicións, indican desde a organización, é moi diverso aínda que sobresae o alumnado e egresadas e egresados no eido educativo e do traballo ou educación social. Ademais, destacan, a iniciativa tamén atrae a estudantes de ciclos de Formación Profesional vinculados ao tempo libre e á animación sociocultural. Ao rematar a formación, as e os participantes que cumpran os requisitos obteñen un título de monitores de tempo libre acreditado pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado da Xunta de Galicia. O prezo de matrícula é de 150 euros, existindo a posibilidade de reducir a matrícula a 120 euros con moeda social. As 25 prazas que se convocan en cada edición, advirten desde a organización, esgótanse ás poucas horas de abrirse a convocatoria.