DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este venres celebrouse o seu acto de constitución

O Campus Auga dótase dun Comité Consultivo de Persoas Expertas

No marco do proceso para acadar a acreditación deste proxecto de especialización

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Medio Ambiente
  • Reitor
  • Institucional
DUVI Ourense 23/07/2021

Este venres constituíuse no campus de Ourense o Comité Consultivo de Persoas Expertas do Campus Auga, formado por profesionais de recoñecido prestixio nos ámbitos científicos das temáticas da auga. Este órgano, xunto ao xa creado Comité Consultivo Social-Empresarial, serán os encargados de asesorar á dirección e comité de dirección do proxecto de especialización do campus de Ourense e actuarán como garantes do correcto cumprimento dos obxectivos e accións propostas no desenvolvemento da súa estratexia.

Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo, presidiu o seu acto de constitución desde o edificio do Campus Auga acompañado por Esther de Blas, vicerreitora do Campus de Ourense, e Roberto Ignacio Fernández López, novo director do Campus Auga, asistindo vía telemática os membros do novo órgano. O reitor quixo “agradecer moitísimo aos membro deste comité a súa participación”, subliñando como se trata de expertos e expertas cunha dilatada traxectoria que “poden ter moito que dicir no seu asesoramento para o desenvolvemento do Campus Auga”. Manuel Reigosa salientou como este órgano é “unha peza clave dentro dos procesos tanto de desenvolvemento como de acreditación deste campus de especialización”. A súa posta en marcha prodúcese despois de terse constituído no mes de abril o Comité Consultivo Social-Empresarial do Campus Auga, cuxos membros representan a asociacións empresariais, agrupacións industriais, administracións públicas e outras entidades da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal relacionados coas liñas de especialización do Campus Auga. “Faltábanos esta última peza e coa súa constitución completamos xa todo o que precisamos para en breve iniciar os traballos de presentación do Campus Auga á convocatoria de campus de especialización da Xunta de Galicia, á súa acreditación”, indicou o reitor da UVigo.

Membros e funcións

O Comité Consultivo de Persoas Expertas do Campus Auga está composto por Teresa M. Navarro (doutora en Dereito pola Universidad de Murcia, profesora de Dereito Administrativo e secretaria do Instituto del Agua y Medio Ambiente da Universidad de Murcia); María del Mar Marín (profesora titular da Universidad Politécnica de Valencia); Mira Petrovic (Instituto Catalán de Investigación del Auga-ICRA); Sergio M. Vicente-Serrano (Instituto Pirenaico de Ecología-CSIC); Lillian Bouçada de Barros (Centro de Investigaçao de Montanha, Instituto Politécnico de Bragança); Ricardo M. Trigo (Instituto Dom Luis, Facultade de Ciências da Universidade de Lisboa), e Francesco Sindico (University of Stathclyde-Centre for Environmental Law e University of Strathclyde-Law School in Glasgow, Escocia).

As funcións deste novo órgano son asesorar á dirección e ao comité de dirección do Campus Auga sobre a evolución e seguimento do centro nos ámbitos da investigación, a transferencia e a docencia, así como en todos aqueles aspectos que se consideren oportunos. Tamén avaliará periodicamente a actividade científica dos grupos de investigación adscritos a este proxecto e elaborará un informe de valoración; facilitará sinerxías e colaboracións a todos os niveis con outros centros de investigación relacionados; axudará a potenciar a súa proxección internacional e asesorará sobre a incorporación de novos investigadores e investigadoras ou grupos de investigación a el.

Nova etapa

O acto foi o primeiro que contou tamén coa participación de Roberto Ignacio Fernández, que substitúe no cargo a Nelson Pérez. O novo director do Campus Auga é catedrático de Dereito Financeiro e Tributario da Universidade de Vigo e profesor na Facultade de Dereito do campus de Ourense. Con catro sexenios de investigación recoñecidos pola Comisión Nacional Evaluadora de la Actividad Investigadora, as súas liñas de investigación teñen sido os procedementos de aplicación dos tributos, a tributación das pequenas e medianas empresas e a fiscalidade ambiental, con especial referencia neste último campo á xestión tributaria da auga e dos recursos hídricos. É autor de catro libros monográficos, unha vintena de capítulos en obras publicadas por editoriais estatais e internacionais de prestixio académico e máis de medio centenar de artigos incluídos en revistas indexadas do ámbito das ciencias sociais e xurídicas. Ten realizado estadías investigadoras de longa duración na Universität zu Köln (Alemaña), a Università degli Studi di Padova (Italia) e na Universidade de Coimbra (Portugal). No ámbito da xestión universitaria foi director do Departamento de Dereito Público Especial e vicepresidente do Tribunal de Garantías da Universidade de Vigo.

Segundo explicou Roberto Ignacio Fernández, asumiu o cargo coa “idea de seguir traballando sobre a base do que se fixo ata o de agora no proceso de desenvolvemento e acreditación do Campus Auga, que é moito e de moita calidade, e na medida do posible tentar no futuro mellorar sobre o xa construído”. O Campus Auga, recalcou o catedrático, supón “unha oportunidade para darlle un pulo importante ao campus de Ourense como campus de especialización” e amosou o seu compromiso por traballar para conseguir unha acreditación e un recoñecemento oficial “que se merece Ourense, despois de anos de traballo”. O potencial deste proxecto de especialización, indicou, “é moi elevado, porque hai titulacións no campus de Ourense con materias directamente vinculadas coa auga e outras que teñen unha relación indirecta pero que tamén son moi interesantes para integrar o mapa de titulacións”. O novo director amosou o seu desexo de, a través do desenvolvemento do Campus Auga, dar pasos para converter o campus de Ourense “nun campus de excelencia no que a temática da auga serva de folla de ruta para orientar a calidade na investigación, na docencia e na transferencia de resultados”.