DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A través do programa Campus Spain

O campus dá a benvida a 18 estudantes de Malaisia, India, Indonesia, Xordania e Camboxa

O obxectivo é converter as universidades españolas nun destino preferente para o alumnado de Asia

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Estudantado
  • Internacional
  • Estudantes
DUVI 08/10/2019

Malaisia, India, Indonesia, Xordania e Camboxa son os países de procedencia dos 18 estudantes que esta semana comezaron un ano de estadía na Universidade de Vigo. Chegan a Galicia da man do proxecto Campus Spain, unha iniciativa nacida no Porriño que ten como finalidade atraer o alumnado asiático ás universidades españolas para que realicen cursen parte dos seus estudos de grao o posgrao. 

Este luns tiveron o acto de benvida no que puideron coñecer a Universidade de Vigo, os seus servizos e as instalación que teñen á súa disposición, entre elas as actividades deportivas e culturais. Para facilitar o seu achegamento á lingua e á cultura, todas e todos eles completarán no Centro de Linguas da Universidade o curso de español LCA (Lingua, Cultura e Adaptación á Universidade).

Malaisia é o país máis representado, xa que dez dos estudantes proceden esta nación do sudeste asiático. Catro deles proceden de Indonesia, dous da India e un de Xordania e outro de Camboxa. Ao longo da súa estadía, ademais da formación académica, teñen previsto un programa de actividades deseñado especialmente para estudantes estranxeiros que inclúe excursións, concertos, teatro ou celebracións populares para poder coñecer de primeira man a cultura galega. A primeira toma de contacto foi este domingo, cando asistiron ao partido que enfrontou ao RC Celta co Athletic Club de Bilbao en Balaídos.