DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha xornada que tivo lugar este venres no Edifico de Ferro

O campus celebra o Día Mundial da Auga reflexionando sobre o seu proxecto de especialización

A cita contou tamén cunha conferencia divulgativa de Francisco Díaz-Fierros

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Divulgación
  • Medio Ambiente
  • Universidade e empresa
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI Ourense 22/03/2019

Desde a posta en marcha do seu proxecto de especialización como Campus da Auga, o 22 de marzo é para o campus de Ourense unha data sinalada no seu calendario xa que se celebra o Día Mundial da Auga. Uníndose a esta conmemoración, este venres as instalacións universitarias acolleron unha xornada na que por unha banda se falou da relación histórica do ser humano coa auga e por outra se analizou e debateu sobre o pasado, presente e futuro do proxecto do Campus da Auga.  

Esther de Blas, vicerreitora do campus de Ourense, salientou na inauguración da xornada como o Campus da Auga “está dando os seus froitos xa que é un foco de atracción non só para as administracións senón tamén para as empresas”. Sobre o seu futuro apuntou como “acabouse o noso primeiro convenio e é o momento de reflexionar sobre cara onde queremos ir. Agora mesmo están en xogo os financiamentos futuros e temos que facer un plan de traballo, un plan estratéxico, e temos que acreditar o campus para manter o financiamento”. Nesta tarefa, dixo Esther de Blas aos membros da comunidade universitaria presentes no acto, “queremos contar coas vosas opinións e ideas”.

Pasado, presente e futuro

O debate deste futuro protagonizou unha mesa redonda na que participaron Enrique Barreiro, director do Campus da Auga, e os representantes de “tres casos de éxito do Campus da Auga”, estando Ana Mª Torrado, coordinadora do Clúster de Investigación e Transferencia Agroalimentario do Campus da Auga (Citaca); José Eugenio López, coordinador do Programa de Doutoramento de Auga, Sustentabilidade e Desenvolvemento, e Susana Reboreda, decana da Facultade de Historia e coordinadora do III Congreso Internacional da Auga. “Despois deste tempo é interesante e ata imprescindible que haxa unha reflexión na que pensemos que é o Campus da Auga. A experiencia destes anos ten que servir para reflexionar e marcar liñas futuras”, comentou Enrique Barreiro.

O director do proxecto de especialización foi o encargado de facer un repaso polo desenvolvemento desta iniciativa desde a súa posta en marcha en 2013 co obxectivo “de converter a Ourense nun referente de I+D+i na temática da auga”. Ao longo da súa intervención repasou a evolución en cada unha das áreas de actividade, desde a estrutura ata as actividades de divulgación. Entre os puntos abordados Enrique Barreiro indicou que o edificio sede do Campus da Auga “está empezando a entrar en funcionamento” aínda que pendente dalgunhas licencias e de que rematen a instalación dos laboratorios. Na área de internacionalización, salientou a implicación recentemente do Campus da Auga na solicitude dunha axuda Feder para a creación dun Centro de Valoración e Transferencia de Tecnoloxía no Dominio da Auga chamado Aquavalor, con sede en Chaves e coa implicación de diferentes entidades lusas e españolas.

Sobre o futuro do Campus da Auga, o director apuntou a necesidade de valorar os resultados das enquisas e indicadores de execución do Plan de Acción 2014/2017 deste proxecto de especialización e debater cuestións como crear un modelo de gobernanza e regular a concesión e uso dos espazos do edificio e a adscrición de grupos de investigación. Tamén indicou Barreiro a importancia de debater se o proxecto de especialización se debe centrar en I+D+i ou ser aberto a todas as titulacións do campus e definir o que se entende por especialización, á espera de coñecer en detalle os plans da Xunta de Galicia sobre a acreditación dos campus e a vinculación do financiamento a esa acreditación. Máis en concreto, sobre os dous clústers de investigación que conforman o Campus da Auga, Enrique Barreiro apuntou que “é unha das cousas sobre as que hai que reflexionar” xa que ata o de agora, indicou, “non teñen funcionado”. Do mesmo xeito e recoñecendo como o congreso e o simposio que se celebran no marco do Campus da Auga “teñen bos resultados”, tamén apuntou a posibilidade de aproveitar máis a celebración do simposio para achegar universidade e empresas e non tanto cunha finalidade científica.

Doutoramento, agrupación estratéxica e congreso

Pola súa banda, José Eugenio López puxo durante a súa intervención o aceno “na capacidade formativa enorme” que ten o programa de doutoramento do Campus da Auga que, recalcou, “está en maduración”. O responsable apuntou algunhas das medidas propostas para mellorar as súas cifras de matrícula, que neste curso foron de 16 prazas cubertas das 25 ofertas, como aumentar a dotación de bolsas para o alumnado, realizar máis actividades académicas e sumar outra institución académica lusa ás implicadas neste programa de doutoramento. Ana Mª Torrado explicou as características de Citaca e sobre o seu futuro adiantou como o obxectivo que se propoñen é “seguir evolucionando e involucrando novas capacidades que nos fagan tamén máis transversais”, co reto de poder contribuír ao avance do sector. Susana Reboreda expuxo a experiencia do seu centro na organización do III Congreso Internacional da Auga amosando a súa convicción de que “é un evento que hai que manter e coidar”, apostando por facer un acordo base para a súa celebración entre as entidades que habitualmente colaboran nesta iniciativa e a por “superar as reticencias” e “concienciar á xente” dos beneficios que ten a “marca” do Campus da Auga.  

A relación do ser humano coa auga

A programación tamén incluíu unha conferencia titulada Ríos e fontes: unha amizade recuperada?, ofrecida por Francisco Díaz-Fierros, catedrático emérito da Universidade de Santiago de Compostela e membro da Real Academia Galega. Eugenio López foi o encargado de presentar ao relator destacando como “é o científico que máis esforzo intelectual prestou ao estudo da auga en Galicia, non só en profundidade senón tamén en extensión nos diversos ámbitos do coñecemento”. Díaz-Fierros abordou a historia da auga tendo en conta como “as relacións do home coa auga son de intereses”, polo seu uso como fonte de enerxía, alimentos, menciñas e lecer, “pero tamén de afectos”. Así, o catedrático emérito apuntou como ata finais do século XIX a relación do ser humano coa auga era de “amizade”, como fonte de “confianza”. “Ata daquela a auga era considerada como fonte de saúde e considerábase que todos os problemas viñan polo aire. Cando se empezou a descubrir que a transmisión dos microbios era pola auga, a auga empezou a ser mirada con receo, sobre todo as augas paradas”, indicou. Coa aparición dos sistemas de saneamento, de depuración de augas e de detección de contaminación e co desenvolvemento dos balnearios, apuntou  o experto, desde comezos do século XX esta relación empezou a mellorar e na actualidade, dixo o relator, “estamos nunha etapa na que se están reconstruíndo todos eses lazos de amizade”.