DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Belas Artes, Comunicación Audiovisual e Publicidade e RRPP celebraron as súas graduacións

O campus despide 213 exemplos da súa creatividade 

En actos que se completaron con proxeccións, premios e música

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 10/06/2019

En tres actos que sumaron proxeccións audiovisuais ou actuacións musicais aos discursos e á entrega de bandas e diplomas, o campus despediu este venres e sábado as novas promocións de graduados e graduadas en Comunicación Audiovisual, Publicidade e Relacións Públicas e Belas Artes. Concretamente, na tarde do venres, a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación celebrou a gala coa que pechaban unha etapa no centro 43 novos graduados e graduadas en Comunicación Audiovisual, mentres que 85 novos titulados e tituladas en Belas Artes festexaban a fin dunha etapa no Pazo da Cultura, onde o sábado celebraron tamén a súa graduación 85 titulados e tituladas en Publicidade e RRPP. 

Dúas tardes de despedidas para CCSS e da Comunicación

Cun canto fúnebre abríase o acto de graduación de Comunicación Audiovisual, unha gala organizada polo alumnado e que, baixo o título de Se aCAVó, foi conducida polos estudantes Juan García e María Arias. O humor foi unha das constantes dun acto no que houbo espazo para a proxección de vídeos, concursos sorpresa ou para a entrega dos "premios Faitic", entre outros á docente Silvia García polo uso da linguaxe inclusiva na aula ou ao delegado da clase Fabián Gómez. O acto contou coas intervención do vicerreitor do campus, Jorge Soto, quen animou ao alumnado a perseguir os seus soños, do decano de Ciencias Sociais e da Comunicación, Xosé Baamonde, da madriña e padriño da promoción, os docentes Diana Ramahí e Fortunato Rodríguez, e dos novos graduados Sara Piñeiro e Alan Flores. “O audiovisual galego ten presente e ten futuro”, salientou o decano neste acto, no que lembrou os premios acadados por diferentes traballos de estudantes desta promoción, así como as súas colaboracións en distintas curtas, proxectos audiovisuais ou festivais “o que demostra o seu talento e a súa valía”.

Un día despois, Ciencias Sociais e da Comunicación despedía a 85 novos graduados e graduadas en Publicidade e Relacións Públicas. O director do Departamento de Comunicación Audiovisual e Publicidade, Xosé Rúas, exerceu como padriño desta sétima promoción de titulados e tituladas, nun acto que contou tamén coa participación do decano e do director da Área de Infraestruturas do campus, José María Cancela. Na súa intervención, Baamonde convidou aos graduados e graduadas a “crer en si mesmos e nas súas capacidades”, porque transcorrida unha década desde a implantación do grao, antigos alumnos e alumnas son agora “directores de arte nas principais axencias de Madrid ou Barcelona, presentadores de informativos, directores de comunicación das principais empresas galegas...”.

85 egresados cunha mochila cargada de creatividade

Outros 85 novos titulados e tituladas, que neste caso integran a décima promoción do grao en Belas Artes, festexaran na tarde do venres o remate desta etapa formativa nun acto presentado pola estudante Marta Morán e que pechou a actuación musical de Andrea Soliño. Organizado polos novos titulados e tituladas, este acto de graduación completouse cos discursos do profesor do Departamento de Escultura Juan Carlos Román e do graduado Fabio Martins. “Belas Artes é unha facultade que forma persoas para que despois desenvolvan actividades onde o creativo é un elemento esencial”, salientou Román, que lembrou aos novos titulados e tituladas a importancia dos estudos que completan, “en termos de capacidade heurística e de creatividade, sobre todo de cara a calquera actividade que queiran facer”. Nese senso, lembrou ao alumnado que o propósito da formación que recibiron é axudar a “entender a parte creativa de calquera actividade do ser humano”, uns coñecementos que os novos titulados e tituladas “levan inseridos na súa mochila”, salientou Román, que lles acompañará nesta nova etapa.