DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Realizaron unha estadía de investigación ao abeiro do programa de mobilidade Erasmus+KA107

O campus despide o alumnado exipcio de doutoramento

Durante seis meses colaboraron co Cinbio e co programa DocTic

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Estudantado
  • Internacional
  • Académica
DUVI 24/07/2019

Os últimos seis meses, o campus de Vigo foi o anfitrión dun grupo de estudantes exipcios que están a realizar a súa tese de doutoramento. Esta estadía enmárcase no proxecto Erasmus+KA107 de mobilidade con países extracomunitarios, grazas ao cal a Universidade de Vigo recibiu financiación para intercambiar estudantes e profesores con China, Cabo Verde, Kazakhstán e Exipto. 

En total foron seis as alumnas e alumnos exipcios que, dende o mes de febreiro, completaron a súa formación investigadora na Universidade de Vigo, catro deles no Centro de Investigacións Biomédicas, onde estiveron titorizados polo profesor Miguel Correa, investigador do grupo TeamNanoTech, e dous máis no programa de doutoramento DocTic, titorizados por Manuel Fernández Veiga, do Departamento de Enxeñería Telemática. Estes últimos centraron os seus traballos no eido das TIC e, máis especificamente, en servizos de arquitectura e telemática, comunicación electrónica, redes de datos, comunicacións dixitais, radiocomunicacións e procesamento do sinal. 

No que se refire aos intercambios con Kazakhstán, ao longo do segundo cuadrimestre a Universidade tamén acolleu dúas estudantes desta país e está previsto convocar no vindeiro curso 2019-2020 prazas para enviar e recibir docentes a e dende Kazakhstán. Finalmente, dentro do programa Erasmus+KA107 tamén se realizaron intercambios con universidades de China e Cabo Verde, concentrados na celebración a pasada semana da International Week on Marine Studies Multidisciplinary Approaches. Neste evento participaron unha vintena de persoas expertas en estudos mariños e autoridades das universidades de Cabo Verde, Xiamen e da Ocean University of China.

Mobilidade de docentes

No marco deste proxecto de mobilidade extracomunitaria tamén se realizan estadías para docentes, como a completada en Exipto polos docentes da Escola de Enxeñería de Telecomunicación por Carmen García Mateo, Ana Vilas Fernández, Rebeca Díaz Redondo e Manuel Fernández Veiga. Paralelamente, tres profesores exipcios foron recibidos en Vigo para impartir unha semana de docencia no programa de doutoramento DocTic e para manter xuntanzas cos responsables do proxecto. Froito destas xuntanzas, presentouse un novo proxecto da convocatoria 2019 que foi aprobado polo que as actividades de mobilidade poderán continuar ata 2021.