DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O obradoiro de identificación de cogomelos ofrece as pautas básicas para a colleita dos fungos

O campus, un escenario privilexiado para iniciarse na micoloxía

O taller, que se desenvolve ao longo do primeiro cuadrimestre, encheu as súas 24 prazas

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Cultura
  • Medio Ambiente
  • Cultura
DUVI 13/12/2018

A humidade, a choiva e a súa localización fan do campus de Vigo un lugar privilexiado para todas aquelas persoas interesadas na biodiversidade e, sobre todo, nas especies vexetais. Para potenciar e dar a coñecer os recursos naturais presentes na contorna do campus, a vicerreitoría de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria organizou, un ano máis, o obradoiro de identificación práctica de cogomelos. O taller, que se veu desenvolvendo nos últimos meses, encheu as súas 24 prazas dispoñibles con perfís moi variados, dende amantes da gastronomía ata persoas que buscan unha aprendizaxe con base científica; dende alumnado de diferentes titulacións e persoal da Universidade ata persoas alleas á institución.

A micoloxía, a ciencia que estuda os fungos, non é sinxela, como sinalan Marisa Castro e María Cabaleiro, docentes do obradoiro e investigadoras no Laboratorio de Micoloxía da Universidade de Vigo. "Para apañar cogomelos con seguridade precísase coñecer especies tóxicas similares ás comestibles máis importantes, así como o hábitat e a época do ano na que aparecen, non só das especies comestibles”, afirman. Para isto, o taller densevolveuse ao longo das semanas incluíndo tanto sesións teóricas como prácticas, combinando saídas de campo, identificación de cogomelos no laboratorio e formación teórica mediante charlas.

Unha riqueza micotópica

No campus de Vigo hai moita diversidade de cogomelos dado que o terreo comprende numerosos hábitats onde se recollen fungos, tamén coñecidos co nome de micotopos, moi diferentes en canto a vexetación, temperatura e humidade do solo. De feito, os cogomelos que se empregan durante o curso apáñanse por todo o campus e unha vez identificados, se non hai ningún exemplar que interese conservar no laboratorio, volven ao mesmo sitio de onde se apañaron, xa que alí deben continuar a súa función biolóxica. Para poñer en valor esa biodiversidade, dende hai dous anos o grupo de investigación MicoUVigo está a elaborar un catálogo exhaustivo da diversidade fúnxica do campus, un inventario que xa supera neste intre “as 100 especies identificadas e publicadas”, explican as investigadoras.

Recomendacións para a colleita

A crenza de que coñecendo catro especies xa se poden apañar cogomelos para comer é algo contra o que, dende o Laboratorio MicoUvigo e da spinoff asociada, MycoGalicia Plantae, están intentando loitar. “Pensamentos simples son os que levan a que, por exceso de confianza ou descoñecemento, continúe a haber cada ano intoxicados por consumo de cogomelos”, recalcan dende o laboratorio. As expertas recomendan cumprir a lexislación (DL 50/2014 do 10 de abril) para aproveitamento de cogomelos vixente en Galicia e, a maiores, dan tres consellos: coller só aquilo que se coñece, separar as especies que se coñecen das posibles tóxicas nun recipiente aparte e, por último, fixarse ben nas características dos fungos, o lugar onde se colle e en que época do ano para evitar posibles confusións. 

Con todo, e a pesar de que o gastronómico é o máis estentido, os cogomelos teñen numerosos usos. Como explican as docentes “son menos coñecidos e van dende complementos alimenticios (micoterapia) ata domésticos ou forestais”. Na que se refire á micoterapia, destacan, moitas das especies que se utilizan como suplementos alimenticios poden atoparse silvestres pero a maioría cultívanse. Outros dos usos coñecíanse xa na antigüidade, cando xa se empregaban en Galicia algunhas especies de cogomelos para elaborar antiirritantes ou hemostáticos, para fabricar tintas, para matar moscas... E nalgunhas zonas de Europa usábanse mesmo para confeccionar obxectos decorativos e tecidos.

Catro anos de cambios 

Este obradoiro, que xurdiu como unha necesidade por parte do alumnado do grao de Bioloxía, comezou a súa andaina no ano 2015 coa colaboración da docente e experta en micoloxía, Marisa Castro e membros do Grupo Micolóxico Galego e, a partir do 2016, un grupo de alumnado egresado e que mantén contacto co laboratorio, fíxose cargo da docencia xunto coa profesora. Non obstante, estes obradoiros evolucionaron moito ao longo dos anos e “pasaron de ter moita parte teórica a centrarse máis na parte práctica, na identificación, polo que agora as e os asistentes teñen unha maior preparación para recoñecer e aprender a usar ferramentas ás que poderán acudir sempre que o precisen”, conclúen as expertas.