DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun encontro na Vicerreitoría co presidente da RAOE, Conrado Durántez

O campus explora vías de colaboración coa Real Academia Olímpica Española

Entre as posibles accións figura a organización en Pontevedra do curso anual da academia

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Deportes
  • Institucional
DUVI Pontevedra 21/03/2019

Analizar posibles vías de colaboración e actividades que leven o olimpismo ao campus foi o obxectivo da reunión que este xoves mantivo o vicerreitor do campus de Pontevedra, Jorge Soto, co presidente da Real Academia Olímpica Española (RAOE), Conrado Durántez. Acompañados pola directora do Centro de Estudos Olímpicos da Universidade de Vigo e membro da RAOE, María José Martínez Patiño, e polo director da Área de Infraestruturas do campus, José María Cancela, esta xuntanza serviu para pór sobre a mesa cuestións como a posibilidade de organizar o vindeiro ano no campus pontevedrés o curso que cada ano promove a academia e no que se fai a selección dos dous representantes, un alumno e unha alumna, que participan cada ano no curso que o Comité Olímpico Internacional promove en Olimpia e que reúne participantes de preto de 200 países.

“Cando falamos de olimpismo, falamos de defensa dos valores humanos, dos dereitos das persoas, detrás do movemento olímpico está por riba de  todo o respecto ás persoas, dá igual a súa nacionalidade, relixión, cor de pel...”, salientou Soto, quen incidiu en que a colaboración coa RAOE constitúe unha “oportunidade única para desenvolver aquelas políticas universitarias” vinculadas aos valores do movemento olímpico. “E o comezo dunha relación da que seguramente van xurdir máis actividades”, engadiu nese mesmo senso Martínez Patiño.

Entre as medidas abordadas nesta xuntanza está a organización en Pontevedra do curso anual da academia, unha posibilidade que, como explicou Durántez, “estamos estudando” e que deberá ser aprobada pola academia; posiblidade que así mesmo levaría a que se seleccionase entre o alumnado do campus pontevedrés aos dous estudantes que participarían no evento de Olimpia. Do mesmo xeito, outra das cuestións abordadas na xuntanza foi a colaboración da Vicerreitoría para impulsar na provincia a rede de escolas Pierre de Coubertain, “o home que puxo en marcha o movemento olímpico moderno”, apuntou Durántez, que explicou que a idea é que, coa colaboración da institución académica, centros educativos pontevedreses poidan incorporarse a unha rede que ten como eixo os “valores do olimpismo” e que, por outra banda, coordina o alumno de doutoramento da Universidade Xesús Pena. 

Libros sobre olimpismo para o campus

Esta xuntanza completouse así mesmo coa doazón ao campus, a través da Vicerreitoría, de preto de 30 libros sobre o movemento olímpico, “todo o que se publicou no Comité Olímpico Español sobre olimpismo”, explicou Durántez, quen nese senso puxo o acento na importancia do estudo deste movemento, xa que, máis aló da “parte tanxible”, que son os Xogos Olímpicos, “non se coñece a filosofía que mantén eses xogos”.