DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Daniel Rey destaca que o sector enfrontará grandes retos nos próximos anos

Campus do Mar aposta polo impulso ao turismo náutico sostible como parte do crecemento azul 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Medio Ambiente
  • Universidade e empresa
  • Institucional
DUVI 22/11/2019

Segundo datos da Comisión Europea 48 millóns de europeos participaron regularmente en actividades acuáticas náuticas deportivas en 2015 e 38 millóns realizaron actividades náuticas. Así mesmo, estímase que o número de embarcacións en España é de case 200.000 e teñen a súa disposición uns 105.00 amarres, dos que uns 15.000 están en Galicia. “A explotación e desenvolvemento do turismo náutico enfrontará retos considerables nos próximos anos, que implican un proceso de cambios estruturais que deben realizarse dentro do contexto da economía azul”, asegura o director de Campus do Mar, Daniel Rey, que nas últimas horas inauguraba as xornadas Ibernáutica 2019,  que ata hoxe se celebraron no Real Club Mar de Aguete de Marín, baixo o título Navegación Marítima Sostible. 

Rey destaca que o turismo náutico é un subsector do turismo costeiro e marítimo que está a ser promocionado, tanto pola Comisión Europea como polo Estado español, como unha fonte importante de emprego e crecemento económico, dentro da denominada economía azul. “Un sector que pode proporcionar oportunidades de crecemento azul nas nosas comunidades costeiras a partir do desenvolvemento de actividades deportivas acuáticas, a navegación y a pesca recreativas, ou actividades culturais e científicas, como a observación da vida mariña e de restos arqueolóxicos somerxidos”, detalla Rey, que lembra a explotación destas actividades comprende, a súa vez, unha cadea de valor que arrastra outras non náuticas como a construción, distribución e reparación de embarcacións e equipamentos deportivos, adaptación de portos e mariñas e outros tipos de ocio. 

Unha oportunidade que se quere impulsar desde Campus do Mar 

Desde a súa misión de dinamizar a investigación, a docencia e a transferencia de coñecemento excelente das ciencias e tecnoloxía do mar, para proporcionar á industria  ferramentas que melloren a súa competitividade a escala global, Campus do Mar considera, Daniel Rey, ten ante si unha boa oportunidade para impulsar o turismo náutico sostible como parte do crecemento azul. Neste sentido, Rey destaca o gran potencial de crecemento do turismo náutico dentro da economía azul, “que neste contexto non só se ten que adaptar aos efectos do cambio climático, senón que ademais ten que conciliar o seu crecemento co uso do medio mariño, que inclúa a reciclaxe e xestión dos residuos que produce, para que este crecemento sexa sostible”, e apunta que esta actividade ofrece tamén a grande oportunidade de educar á poboación na importancia do rol dos océanos no noso planeta e da necesidade da súa explotación sostible.