DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun obradoiro de extensión cultural que se desenvolveu na serra do Galiñeiro

Do campus á montaña para iniciarse na escalada en rocha

Dirixido a alumnado que superou o curso de iniciación en rocódromo 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Estudantado
  • Medio Ambiente
  • Deportes
DUVI Pontevedra 06/06/2022

Xurdido da propia demanda das e os participantes do obradoiro de iniciación á escalada que desde hai cinco anos promoven no rocódromo da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte os profesores Águeda Gutiérrez e Diego Alonso, a serra do Galiñeiro foi nestas semanas o escenario do curso que permite a aqueles e aquelas que obtiveron esa formación inicial enfrontarse á escalada en rocha. Inserido na programación de obradoiros de extensión cultural da Vicerreitoría do campus de Pontevedra, o curso Escalada en rocha en vías equipadas dun longo ten como docente principal ao seleccionador galego de escalada e responsable do programa de tecnificación da Federación Galega de Montañismo, ademais de socio e adestrador do club de montaña Aromon de Pontevedra, José Juan Domínguez,  

Aberto só a persoas que previamente tivesen realizado un curso de iniciación á escalada acreditado, o obradoiro cubriu novamente as 12 prazas dispoñibles, a maioría por persoas “que realizaran o obradoiro que adoitamos ofertar no primeiro cuadrimestre”, como sinala Gutiérrez. Antes de desprazarse á serra do Galiñeiro, a actividade abriuse cunha sesión introdutoria no rocódromo da facultade, dirixida a pór o foco en diferentes aspectos en materia de seguridade que, como explican os responsables do curso, requiren de pequenas de adaptacións de cara a afrontar a escalada en rocha. 

Tras esta, como explica Gutiérrez, o obradoiro desenvolveuse xa na montaña en dúas fins de semana. A primeira delas tivo lugar a comezos de maio, mentres que a segunda completouse este domingo, despois que as condicións climatolóxicas obrigasen a adiala da data inicialmente prevista.

Progresando para ser autónomos na montaña

“Tendo en conta que xa era requisito ter formación de iniciación á escalada en rocódromo, unha vez rematado este curso serán plenamente autónomos para a práctica en rocha”, sinala Domínguez dunha actividade na que se busca que as e os participantes afronten escaladas desde o primeiro momento. Para iso, as primeiras sesións centráronse na modalidade do top rop, na que a corda pola que escalan atópase xa fixada ao final da vía pola que ascenden, o que permite asentar as manobras de asegurado, progresión e seguridade. A partir de aí, o obradoiro comprendeu tamén facer fronte a escaladas como “primeiros de corda”, aquela persoa que vai fixando as cintas nas ancoraxes, empezando por vías sinxelas para logo ir progresivamente incrementando o grao de dificultade.

Nese senso, Domínguez recoñece que, unha vez rematada a formación, “a dificultade que poidan asumir virá dada polas súas calidades e horas de experiencia”, posto que “as bases de seguridade son comúns, independentemente da dificultade que afronten”. Deste xeito, as e os participantes contan agora coas bases necesarias para poder gozar dunha actividade “moito máis enriquecedora e cun maior compoñente de aventura” que a escalada en rocódromo, como recoñece Domínguez. Nese senso, este adestrador lembra que a escalada en rocha obriga ao deportista “a ter que descubrir os agarres sobre a superficie e a secuencia de progresión máis adecuada”, mais ao mesmo tempo, lembra, esta modalidade ten ao seu favor o feito de que a rocha “ofrece multitude de variables”, que fan “que se adapte mellor a todo tipo de fisionomías”.