DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Cunha potencia de dous megavatios, este equipamento foi financiado nun 80% pola Xunta de Galicia

O campus de Pontevedra dá un paso adiante na súa sustentabilidade coa posta en funcionamento da súa planta de biomasa

O reitor e os conselleiros Francisco Conde e Román Rodríguez visitaron este xoves as instalacións

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Medio Ambiente
  • Reitor
  • Visitas
  • Institucional
DUVI 18/03/2021

“Como Universidade estamos comprometidos coa sustentabilidade e aspiramos a que nos nosos tres campus fágase un uso responsable das enerxías alternativas e sexamos un exemplo que amosar á sociedade”, salientou o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, na visita que este xoves realizou xunto co vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación da Xunta de Galicia, Francisco Conde, e o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, á nova planta de produción e distribución de enerxía a partires de biomasa construída no campus de Pontevedra. Cunha potencia de 2 MW, este district heating, que dá servizo ás facultades de Ciencias Sociais e da Comunicación e Ciencias da Educación e do Deporte e cuxa instalación foi financiada nun 80% pola administración autonómica, implicará tanto unha diminución nas emisións de CO2 á atmosfera como un “aforro considerable”, como lembrou o reitor, na factura enerxética da institución académica.

Esta planta súmase á instalación, en 2019, dunha serie de paneis fotovoltaicos, nas cubertas de Ciencias Sociais e da Comunicación e Ciencias da Educación e do Deporte no caso do campus pontevedrés, no marco da aposta da Universidade polo “uso responsable de enerxías limpas”, como sinalou Reigosa, que destacou a “axuda fundamental” da Xunta para levar a cabo unha serie de actuacións, “que fan tamén que sexamos economicamente máis sostibles”. Os vicerreitores de Planificación e Sostibilidade, José Luis Míguez; do campus de Pontevedra, Jorge Soto; e de Ordenación Académica e Profesorado, Manuel Ramos; o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, e os decanos Emma Torres e Vicente Romo participaron tamén na visita a esta nova planta, situada nun antigo aparcadoiro de CCSS e da Comunicación, e aos paneis fotovoltaicos desta facultade.

“Un dos espazos educativos máis sostibles de Galicia”

Os conselleiros Francisco Conde e Román Rodríguez explicaron neste acto que a esta planta súmase a central de biomasa que dará servizo a outros sete centros educativos da contorna da Xunqueira, supondo ambas un investimento conxunto de máis de 1,5 millóns de euros por parte da administración autonómica, que permitirá reducir as emisións de C02 nun mínimo de 182 toneladas. “Este vai ser un dos espazos educativos máis sostibles de Galicia e atreveríame a dicir que de España”, salientou Rodríguez, mentres que o vicepresidente segundo puxo o acento na “colaboración institucional” coa Universidade de Vigo “nesta visión conxunta e compartida do que significa unha Galicia máis sostible, unha Galicia que está traballando cara a transición enerxética”. Nese senso, Conde puxo de relevo que proxectos como esta planta contribúen non só a unha maior eficiencia enerxética, senón tamén á posta en valor dun “recurso autóctono”, como é neste caso a biomasa forestal.

2800 horas de consumo cero

A visita completouse cunha presentación, por parte do vicerreitor de Planificación e Sostibilidade, das diferentes iniciativas en materia de enerxías renovables que a Universidade de Vigo acometeu nos últimos anos. A primeira “actuación global”, sinalou Míguez Tabarés, foi a instalación de placas fotovoltaicas, cunha potencia de 100 e 78 quilovatios, respectivamente, no caso das facultades de Ciencias Sociais e da Comunicación e de Ciencias da Educación e do Deporte. Destes equipamentos, sinalou o vicerreitor, “o máis importante son as reducións acumuladas nas emisións de CO2 á atmosfera”, que no conxunto da Universidade alcanzaron, tralas actuacións realizadas en 2019, as 250 toneladas anuais. No caso dos dous centros do campus pontevedrés, os paneis permitiron, conxuntamente, unha redución das emisións de preto de 100 toneladas, á vez que supuxeron un aforro no consumo enerxético dos centros.

No referido a este últimos aspecto, Míguez detívose en concreto no caso de Ciencias da Educación e do Deporte, na que a súa posta en funcionamento permitiu reducir en 140 KW o “consumo promedio” de 470 quilovatios por hora e día, ademais de facer posible, no curso 2019-2020, que houbese “case 2800 horas de consumo cero”, no que toda a enerxía empregada na facultade proviña dos paneis fotovoltaicos. A esta actuación súmase agora a posta en funcionamento do district heating, un dos proxectos de eficiencia e fomento de enerxía renovables presentados pola Universidade á convocatoria de axudas impulsada polo Instituto Enerxético de Galicia (Inega). 

Esta serie de proxectos de enerxías renovables térmicas e proxectos integrais de aforro e eficiencia enerxética están cofinanciados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia, desenvolvendo dous tipos de actuacións. Trátase, por unha banda, de proxectos integrais de aforro e eficiencia enerxética que favorezan a transición a unha economía baixa en carbono, así como a eficiencia enerxética, a xestión intelixente da enerxía e do uso das enerxías renovables nas infraestruturas públicas. Por outra banda, atópanse os proxectos de enerxías renovables técnicas, que favorezan a transición cara unha economía baixa en carbono en todos os sectores, fomenten a produción e distribución de enerxía derivada de fontes renovables para usos térmicos, en particular, a biomasa, o biogás e os biocombustibles para o transporte, en consonancia co Plan de enerxías renovables 2011-2000.