DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ciencias Sociais e da Comunicación acolleu o acto de benvida ao alumnado estranxeiro

O campus recibe este curso 95 estudantes de 20 nacionalidades

México e Brasil, principais países de orixe  

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Internacional
  • Estudantes
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 02/03/2020

Procedentes de 20 países, un total de 95 alumnos e alumnas escolleron no presente curso o campus de Pontevedra para continuar os seus estudos universitarios ao abeiro dos diferentes programas de mobilidade internacional. Destes 95 alumnos e alumnas, 42 cursaron os seus estudos nas diferentes facultades e escolas pontevedresas no primeiro cuadrimestre, mentres que outros 18 permanecen todo o curso na cidade e 35 máis incorporáronse ao campus neste segundo cuadrimestre. Para darlles a benvida a estes últimos e informarlles dos diferentes servizos e actividades que a Universidade de Vigo pon a súa disposición, a Vicerreitoría de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación promoveu este luns na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación un acto de benvida dirixido a resolver posibles dúbidas e achegar ao alumnado internacional información respecto dos diferentes servizos que a Universidade pon á súa disposición.

De darlles a benvida e agradecerlles “que escollerades a Universidade de Vigo e o campus de Pontevedra para continuar a vosa formación” encargouse neste acto a vicerreitora de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación, María Isabel Doval. Ademais de presentarlles os tres campus da institución académica, Doval convidou tamén as e aos participantes neste acto, que se viu complementado cun petisco de benvida, a participar nas iniciativas de voluntariado, deportivas ou culturais que promove a Universidade, “e que vanvos permitir facer actividades da man de estudantes locais e que ás veces son a mellor maneira para integrarse”. O acto contou tamén coa participación do director da Área de Infraestruturas do campus, José María Cancela, que lembrou que o pontevedrés é un “campus pequeno, pero con moita vida” e animounos a que “vos involucredes na vida social da cidade”, así como da directora técnica da Oficina de Relacións Internacionais da Universidade, Amelia Rodríguez. 

México e Brasil, principais países de orixe

Un curso máis, a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación convértese no centro máis internacional do campus, ao recibir a 41 destes 95 alumnos e alumnas, mentres que Belas Artes conta con 22 estudantes estranxeiros e 19 cursan os seus estudos en Ciencias da Educación e do Deporte. A estes súmanse os seis estudantes, procedentes de Portugal, cos que conta no presente curso a Escola Universitaria de Enfermaría, centro adscrito á Universidade, os cinco alumnos e alumnas internacionais de Fisioterapia e os dous que se decantaron este curso pola Escola de Enxeñaría Forestal.

No relativo aos lugares de procedencia, Brasil e México son de novo nos países que máis alumnos e alumnas achegan ao campus, con 18 e 17 estudantes respectivamente. Portugal con once, Italia con sete, Turquía con seis e Colombia con cinco, son os seguintes países con maior número de representantes nun campus polo que ao longo do curso pasarán estudantes de 20 países europeos e americanos.

“Unha experiencia e un desafío”

Procedente do país que máis estudantes achega ao campus e alumna este cuadrimestre da facultade con maior representación internacional, a brasileira Lethicia Amancio de Almeida decantouse pola Universidade de Vigo e a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación “porque era a que tiña máis materias que me gustaría estudar” e que abranguen, explica, desde aspectos relacionados cos documentais, os videoxogos e os produtos multimedia ás políticas públicas. Tamén alumno de Xornalismo, no seu caso na Universidad Autónoma de Occidente, o colombiano Daniel Gómez afronta a súa estadía en Pontevedra “como un reto cultural” no que buscaba “aprender nun espazo novo”, cursando diferentes materias do grao en Comunicación Audiovisual. “O que vin ata agora pareceume moi gratificante, empezando porque hai unha maneira diferente de ensinar, vendo o teórico nuns momentos e poñéndoo en práctica noutros, que é algo que sinto que aproveito máis”, salienta este estudante, que se amosa tamén encantado cunha cidade "na que podo ir camiñando a todas partes”. 

Procedente de Bos Aires a alumna da Universidad Nacional de las Artes Lorena Sosa destaca que “calquera intercambio cultural é unha experiencia e un desafío”. Estudante de Produción Audiovisual na súa universidade de orixe, recoñece que se decantou pola Universidade de Vigo “porque en Galicia síntome un pouco máis próxima ao que é Bos Aires e porque os meus compañeiros dixéronme que teñen moi boas infraestruturas e organización”. De feito, das súas primeiras semanas en CCSS e da Comunicación destaca que as materias “teñen aquí moita máis parte práctica, polo que hai moitas cousas novas e distintas que estamos aprendendo”.